Guangdong, a provincia que acolle a Grande Baia, nudo de conexións de China con Iberoamérica.

Paradiplomacia chinesa (IV): Listaxe e perfilado de rexións que actúan como centros paradiplomáticos na China

Serie de artigos sobre a paradiplomacia en China, explorando como as provincias e cidades chinesas desenvolven relacións internacionais, ampliando as dinámicas tradicionais da diplomacia, ampliando unha influencia exterior diversificada.
Apartados xeográficos China e o mundo chinés
Palabras chave Paradiplomacia China

Nos artigos anteriores da serie xa se resumiron os diferentes usos da paradiplomacia no contexto chinés, tanto desde a perspectiva das administracións locais que a empregan con motivos principalmente económicos como desde a perspectiva do goberno central, que ten diferentes motivos de natureza xeopolítica polos cales a emprega. Neste artigo afondarase nas diferenzas no enfoque e emprego da paradiplomacia por parte das principais provincias que actúan como centros paradiplomáticos no país.

En primeiro lugar, cómpre dicir que aínda que todas as provincias chinesas usan a paradiplomacia ata certo nivel, o uso do concepto está moito máis estendido entre unhas que noutras. Coas provincias do interior do país tendo en xeral un aparato diplomático menos desenvolvido có resto. Coas provincias costeiras beneficiándose de altos niveis de descentralización fiscal e prosperidade económica¹ e sendo consideradas nalgúns casos (como no caso da provincia de Guangdong) knowledge regions polas súas inversións tecnolóxicas e ampla capacidade para atraer investimentos e capital estranxeiro², e as provincias fronteirizas tendo oportunidades especiais para establecer conexións diplomáticas e económicas cos países cos que comparten a fronteira (como xa se comprobou no anterior artigo co exemplo da interacción entre as provincias fronteirizas indias e chinesas).

A lista que se presentará a continuación inclúe un total de cinco rexións cunha estrutura paradiplomática moi desenvolvida, dúas delas (Guangdong e Zhejiang) provincias costeiras, outra (Jiangxi) non costeira pero tamén no sueste do país e cunha estratexia paradiplomática semellante ás dúas primeiras, coas que confina, e as outras dúas (a provincia de Yunnan e a rexión autónoma de Guangxi) rexións fronteirizas cos países do sueste asiático, con fortes conexións coa rexión.

Lista de rexións como centros paradiplomáticos

Jiangxi

Jiangxi, ao contrario que as rexións costeiras coas que é fronteiriza, é unha provincia cunha economía moito menos potente³, porén ata moi recentemente chegou a liderar os rankings de crecemento económico por PIB, mesmo por riba das provincias costeiras⁴. Este crecemento débese particularmente ao aumento do comercio exterior de Jiangxi (algo que contribuíra nas décadas anteriores ao rápido crecemento das provincias costeiras en comparación co resto de China) e ás súas exportacións a outros países⁵, relacións económicas que Jiangxi asegurou mediante un rápido desenvolvemento da súa diplomacia local. Jiangxi estableceu relacións con países noutras partes do mundo, como é o caso das relacións establecidas pola provincia como parte da Iniciativa da Franxa e a Ruta, por exemplo por medio de tratados establecidos con Zambia que levaron a fortes vínculos económicos e á participación da provincia no desenvolvemento dunha zona económica especial no país⁶.

Guangxi

O caso da rexión autónoma de Guangxi é particular, porque aínda que se trata dunha rexión costeira e que o seu status de rexión autónoma lle dá mesmo maior autonomía có resto de administracións locais da área, a rexión é unha das máis pobres de China economicamente falando³ e ademais trátase tamén dunha rexión fronteiriza con relacións próximas con países do sueste asiático.

Esta situación leva a que Guangxi teña unha paradiplomacia que se enfoca ao mesmo tempo en establecer relacións internacionais puramente comerciais con países afastados como é o caso de países africanos⁶ e en reforzar as relacións cos países de Indochina por outro lado⁷, en ambos os casos habendo un interese particular en empregar o moi desenvolvido sector mineiro da rexión autónoma como asset paradiplomático.

Yunnan

O caso de Yunnan é o caso exemplar da paradiplomacia dunha provincia fronteiriza, mantendo relacións estreitas cos países da cunca do río Mekong, tanto no plano económico como diplomático e cultural. Estas relacións son usadas non só pola administración local senón tamén polo goberno central para profundizar as súas relacións coa rexión⁸. E debido a este interese nacional, desde o goberno central tolerouse un amplo nivel de autonomía para a provincia no ámbito paradiplomático, se ben dita autonomía volveuse cada vez máis controvertida debido a múltiples escándalos de corrupción na provincia, que é considerada unha das que maiores problemas ten coa corrupción local en todo o país⁹. No contexto das relacións con Indochina, tanto a paradiplomacia de Guangxi como a de Yunnan foron empregadas para promover a implementación da Iniciativa da Franxa e a Ruta na rexión.¹⁰

Guangdong

Guangdong é unha das provincias máis desenvolvidas de China, e un exemplo dunha provincia costeira cunha rede paradiplomática moi desenvolvida. O comercio internacional representa boa parte da economía da provincia, e o seu maior desenvolvemento económico así como a capacidade de atracción de investimentos estranxeiros por parte de áreas como a cidade de Shenzhen son características que fan da provincia un dos principais actores subnacionais na Iniciativa da Franxa e a Ruta¹¹, mesmo por riba de Yunnan¹².

Zhejiang

Do mesmo xeito que Guangdong, Zhejiang é outra rica rexión costeira que usou as súas capacidades de captación de investimentos internacionais para desenvolver unha forte estrutura paradiplomática. Especialmente nos últimos anos, Zhejiang fortaleceu as súas relacións económicas con países industrializados e promoveu a cooperación internacional mediante políticas locais, estratexias económicas a múltiples niveis de administración, con relacións especiais con países occidentais.¹³


Bibliografía

  1. Crane, B., Albrecht, C., Duffin, K. M., & Albrecht, C. (2018). China’s special economic zones: an analysis of policy to reduce regional disparities. Regional Studies, Regional Science, 5(1), 98–107. Full article: China’s special economic zones: an analysis of policy to reduce regional disparities (Características únicas de las provincias costeras)
  2. Neves, M. S. (2010). Paradiplomacy, knowledge regions and the consolidation of “soft power”. JANUS.NET, e-journal of International Relations, 1(1), 10-28. Observatório de Relações Exteriores. Lisboa, Portugal. Redalyc.PARADIPLOMACY, KNOWLEDGE REGIONS AND THE CONSOLIDATION OF “SOFT POWER” (Referencia genérica, concepto de knowledge regions)
  3. (2023). Unpacking China’s GDP. ChinaPower Project. Unpacking China’s GDP | ChinaPower Project (Datos del PIB per Cápita)
  4. Huld, A. (2023) China 2022 Economic Growth – A Breakdown of Provincial GDP Statistics China Briefing. (2023) China 2022 Economic Growth – A Breakdown of Provincial GDP Statistics (Datos Jiangxi)
  5. Li, Y. , Chen, Z. and Wang, X. (2010) An Empirical Study on the Contribution of Foreign Trade to the Economic Growth of Jiangxi Province, China. iBusiness, 2, 183-187. An Empirical Study on the Contribution of Foreign Trade to the Economic Growth of Jiangxi Province, China (La paradiplomacia económica de Jiangxi)
  6. Lenz, C. (2023). China’s provinces as global actors: Evidence from China-Africa relations. LSE Ideas Strategic Update. China’s Provinces as Global Actors: Evidence from China-Africa Relations (Provincias como actores internacionales, relaciones entre Jiangxi y Zambia en p12, Guangxi y Ghana en la crisis de 2013 en p13)
  7. 7-Cher, H.-Y., Delannay, X., & Mariette, A. (2023). Chinese Provinces as Semi-Autonomous Diplomatic Actors in China’s Investments in Southeast Asia. Evidence from Guangxi Institutions and Individuals in the Mining Sector French Journal of Political Studies, 45(2), 195–221. Chinese Provinces as Semi-Autonomous Diplomatic Actors in China’s Investments in Southeast Asia. Evidence from Guangxi Institutions and Individuals in the Mining Sector (Caso de Guangxi en el sudeste asiático)
  8. Huang, R. (2019). “Paradiplomacy as a provincial state-building project.” Regional & Federal Studies, 29(3), 359-360. Paradiplomacy as a Provincial State-Building Project: The Case of Yunnan’s Relations With the Greater Mekong Subregion (Bases de la paradiplomacia de Yunnan)
  9. Hess, S. (2020). Plunder and Paradiplomacy: The Corruption of China’s Decentralised State in Yunnan Province. China: An International Journal 18(2), 77-98. Plunder and Paradiplomacy: The Corruption of China’s Decentralised State in Yunnan Province (Corrupción en la paradiplomacia de Yunnan)
  10. Ong, Z. Z. (2022). The provincial influence and paradiplomacy of Yunnan and Guangxi within the belt and road initiative in Southeast Asia. The provincial influence and paradiplomacy of Yunnan and Guangxi within the belt and road initiative in Southeast Asia | NTU Singapore (Competencia y dinámicas entre Yunnan y Guangxi, Belt and Road Initiative)
  11. Mierzejewski, D. (2020). The Role of Guangdong and Guangzhou’s Subnational Diplomacy in China’s Belt and Road Initiative. China: An International Journal 18(2), 99-119. Project MUSE – The Role of Guangdong and Guangzhou’s Subnational Diplomacy in China’s Belt and Road Initiative (Caso de Canton, en la Belt and Road Initiative)
  12. Liu, T., & Song, Y. (2020). Trajectories to becoming international relations actors in China’s BRI initiative: A comparative study of the Guangdong and Yunnan provinces. Asian Journal of Political Science, 28(3), 778–809. Full article: Trajectories to becoming international relations actors in china’s BRI initiative: a comparative study of the Guangdong and Yunnan provinces (Guangdong en comparación con Yunnan, Belt and Road Initiative)
  13. Ye, X. (2021). Understanding the international involvement of China’s subnational governments: Case study of Zhejiang and Yunnan province, p137-139 Understanding the international involvement of China’s subnational governments : case study of Zhejiang and Yunnan province – WRAP: Warwick Research Archive Portal (Caso de Zhejiang, p153)