Os primeiros artigos da serie estiveron centrados en establecer as bases da paradiplomacia chinesa e do seu uso, tanto legais como contextuais como políticas. Mentres que no último par de artigos da serie tratáronse exemplos concretos de usos da paradiplomacia, tanto por parte do estado central para lograr os seus obxectivos de natureza variada pero xeralmente cunha vertente xeopolítica, como por parte das administracións locais para lograr os seus obxectivos case exclusivamente económicos. E especificamente no caso das rexións. Neste artigo, que completa a serie sobre o caso chinés da paradiplomacia, falarase do caso das cidades como ferramentas paradiplomáticas e da súa actuación limitada como actores independentes, ademais dun dos principais métodos de actuación das mesmas no escenario internacional, o irmandamento de cidades.
O irmandamento de cidades chinesas como fenómeno e os seus principais usos
Como xa se viu no terceiro artigo da serie, un dos usos principais do irmandamento de cidades foi historicamente o de reforzar conexións con países como os Estados Unidos, cos que as relacións de goberno central a goberno central poden ser complicadas e presentar múltiples tensións, pero nas que o irmandamento de cidades como ferramenta paradiplomática pode chegar a suavizar¹. Outro exemplo relevante desta dinámica é o caso das relacións con Xapón, onde se orixina o fenómeno do uso do irmandamento de cidades como unha ferramenta paradiplomática, dado que a comezos dos anos 90 a República Popular emprega o irmandamento de Kobe e Tianjin en 1973 como forma de continuar a normalización de relacións co seu veciño asiático².
Para o goberno chinés, as cidades irmandadas tamén son empregadas para expresar a insatisfacción de Pequín con algunha decisión tomada por algún goberno estranxeiro, xeralmente expresando esta crítica mediante declaracións desde o goberno municipal dunha cidade chinesa cara a unha cidade do país co que a cidade chinesa estea irmandada. Este uso é especialmente común por parte dos catro municipios de China. Exemplos deste tipo de uso serían as críticas do goberno municipal de Pequín cara ao de París (cidade irmandada con Pequín) no contexto de cando París lle concedeu a cidadanía honorífica ao Dalai Lama, ou nos diálogos da administración municipal de Shanghai coa cidade xaponesa de Osaka no contexto dun conflito fronteirizo entre Xapón e China³. O motivo principal de realizar estas críticas por medio de cidades irmandadas é similar á lóxica de normalizar e profundizar relacións por medio das mesmas: permite tratar temas delicados sen arriscar as fráxiles relacións estatais entre China e outros países, que poderían verse ameazadas se sempre fose o goberno central quen presentase estas críticas⁴.
Finalmente, as cidades irmandadas tamén son empregadas como parte de proxectos internacionais realizados por iniciativa chinesa que necesitan de conexións e cooperación local para ser efectivos, como é o caso da Iniciativa da Franxa e a Ruta⁵, ou no caso de cooperación entre rexións chinesas e outras subadministracións de primeiro nivel que decidan irmandar algunhas das súas cidades para profundizar a cooperación entre elas⁶.
Exemplos de como as principais cidades chinesas usan os irmandamentos de cidades
A continuación, listanse tres grandes cidades chinesas que máis uso fan do irmandamento para establecer conexións paradiplomáticas, así como un resumo das principais cidades coas que están irmandadas.
O municipio de Shanghai está irmandado con cidades como San Francisco (EE.UU.), Rotterdam (Países Baixos), Liverpool (Reino Unido) ou, como se mencionou anteriormente, Osaka (Xapón). Como un municipio cun amplo nivel de autonomía e a maior poboación de calquera cidade no país, Shanghai mantén algunhas das conexións máis importantes por medio do seu programa de “cidades de amizade”, que inclúe 94 cidades e rexións coas que Shanghai mantén relacións deste tipo⁷.
No caso de Pequín, como capital de China e compartindo con Shanghai o status de municipio, que lle dá maior autonomía, a cidade estableceu un gran número de irmandamentos entre os que se atopan capitais e grandes cidades como Berlín (Alemaña), París (Francia), Madrid (España), Toquio (Xapón) e Nova York (Estados Unidos). Nalgúns dos casos mencionados, Pequín centra a súa colaboración con tales países nun eixo concreto. Por exemplo, con Berlín, Pequín compartiu experiencias en desenvolvemento urbano e tecnoloxía verde, mentres que con Madrid a relación céntrase máis no plano cultural a través de festivais e exposicións⁸.
Shenzhen, unha cidade cunha paradiplomacia moi desenvolvida e que se centra sobre todo no aspecto da diplomacia tecnolóxica e dixital, mantén conexións cun total de 83 cidades irmandadas, incluíndo Barcelona (España), Moscova (Rusia) e Houston (Estados Unidos). Estas colaboracións realízanse sobre todo no plano tecnolóxico, centrándose en temas tales como o desenvolvemento urbano intelixente, a innovación tecnolóxica e aspectos económicos⁹.
Conclusións da serie
Como se expuxo nesta serie de artigos, a paradiplomacia no contexto chinés é unha ferramenta cada vez máis esencial para as relacións exteriores do xigante asiático. A paradiplomacia, tanto a realizada polas cidades, como se comentou neste artigo, como a levada a cabo polas provincias, como se viu en artigos anteriores, ten múltiples usos: por un lado, xeopolíticos, ao servizo do goberno central, e por outro, económicos, ao servizo dos intereses do goberno local. A medida que a súa importancia no contexto occidental foi aumentando, tamén o fixo no chinés, e recentemente os estudos a este respecto multiplicáronse.
Bibliografía:
1-Xinhua. (2019, marzo 14). Backgrounder: China-U.S. sister city ties. Xinhua. Backgrounder: China-U.S. sister city ties – Xinhua | English.news.cn
2-Ye, X. (2021). Understanding the international involvement of China’s subnational governments: Case study of Zhejiang and Yunnan province, p72 Understanding the international involvement of China’s subnational governments : case study of Zhejiang and Yunnan province – WRAP: Warwick Research Archive Portal (Relaciones Sino-Japonesas por medio de ciudades hermanas, p72)
3-Liu, T., & Song, Y. (2020). Chinese Paradiplomacy: A Theoretical Review. SAGE Open, 10. Chinese Paradiplomacy: A Theoretical Review | Semantic Scholar
4- Liu, X., & Hu, X. (2018). Are ‘Sister Cities’ from ‘Sister Provinces’? An exploratory study of sister city relations (SCRs) in China. Networks and Spatial Economics, 18(8), 1-19. Are ‘Sister Cities’ from ‘Sister Provinces’? An Exploratory Study of Sister City Relations (SCRs) in China (Uso de las ciudades hermanas)
5-Han, Y., Wang, H., & Wei, D. (2021). The Belt and Road Initiative, sister-city partnership and Chinese outward FDI. Economic Research-Ekonomska Istraživanja, 35(1), 3416–3436. Full article: The Belt and Road Initiative, sister-city partnership and Chinese outward FDI (Ciudades hermanas en la Iniciativa de la Franja y la Ruta)
6-Heiduk, G., & McCaleb, A. (2015). What motivates China’s cities to establish partner agreements with cities in Asia. Research Papers of Wrocław University of Economics, 413. What motivates China’s cities to establish partner agreements with cities in Asia
7-Shanghai Municipal People’s Government. (2024, October 18). List of Friendship Cities. Shanghai Government. Friendship Cities of Shanghai
8-Beijing realiza lazos con 50 ciudades del mundo. (2014, 15 de junio). Visit Beijing. Beijing Realiza Lazos con 50 Ciudades del Mundo
9-Federation of Shenzhen Commerce. (2017, May 11). SCC makes close contact with sister cities of Shenzhen. Shenzhen Business. SCC makes close contact with sister cities of Shenzhen

