Paradoxas colombianas

De cara aos comicios presidenciais a celebrarse en Colombia o próximo 25 de maio, coas expectativas cifradas nun escenario incerto ante o eventual empate técnico entre o actual mandatario Juan Manuel Santos (Partido da U) e o seu principal rival, Oscar Iván Zuluaga (Cambio Democrático), compre considerar diversas perspectivas sobre o acontecer do país suramericano.

Apartados xeográficos Latinoamérica
Palabras chave Colombia eleccións 2014
Idiomas Galego

De cara aos comicios presidenciais a celebrarse en Colombia o próximo 25 de maio, coas expectativas cifradas nun escenario incerto ante o eventual empate técnico entre o actual mandatario Juan Manuel Santos (Partido da U) e o seu principal rival, Oscar Iván Zuluaga (Cambio Democrático), compre considerar diversas perspectivas sobre o acontecer do país suramericano.

Estes comicios veñen precedidos por dous factores determinantes. O primeiro ten que ver coa case excesiva (e por veces escandalosa) omnipresencia política do ex presidente Álvaro Uribe Vélez, ex aliado e actualmente acérrimo rival de Santos, quen non dubida en afianzarse como unha especie de “árbitro político” ao entronizar a candidatura de Zuluaga e, incluso, aseverando a posibilidade de non recoñecer unha eventual vitoria de Santos, aducindo que presuntamente “non existen garantías” neste proceso electoral.

Uribe marca a pauta

Nunha campaña electoral salpicada por unha intensa “guerra sucia” de escándalos e acusacións entre Santos, Zuluaga e Uribe, a preponderancia do “uribismo” como tendencia política determinante certifica o paulatino desprazamento da tradicional hexemonía entre conservadores e liberais existente en Colombia, cuxa condición incluso alcanza cotas que rozan a marxinalidade política a tenor do escaso peso das súas respectivas candidaturas de cara a estes comicios. Polo contrario, pode que este peso do “uribismo”, así como doutras tendencias personalistas aínda en cernes, signifique unha inédita eclosión política dentro da cultura política colombiana e do seu sistema político.

O segundo aspecto que gravita con incidencia neste contexto electoral ten que ver coas conversacións de paz que desde 2012 levan a cabo en Cuba o goberno de Santos coa guerrilla das FARC-EP, proceso de negociación que aínda está por abrirse coa outra guerrilla, o ELN. Ambas formacións guerrilleiras anunciaron a mediados de maio un “cese ao fogo electoral” tacitamente apoiado polo goberno e polas Forzas Armadas, aínda que a posición oficial do goberno de Santos manteña a perspectiva de acabar militarmente coa guerrilla coa finalidade de “gañar a paz”.

O anuncio das FARC-EP e do ELN acontece tras alcanzarse un importante acordo na mesa de negociación co goberno colombiano, neste caso concentrado nos cultivos ilícitos e o narcotráfico. Pero diversos sectores da opinión pública, especialmente simpatizantes de Uribe, acusan a Santos de outorgarlle á guerrilla unha identidade política con directas expectativas na area electoral. 

Con todo, o escenario político colombiano aparentemente encamíñase a fortalecer o peso político dunha tendencia personalista e autoritaria acicalada nun “uribismo” imbuído como mentor político e ideolóxico. Esta perspectiva intensifícase a través de diversas variables que, a todas luces, obstaculiza a posibilidade de acometer un proceso de reforma política e constitucional, fortalecendo ó mesmo tempo aspectos tan evidentes da realidade política colombiana, como é o caso do clientelismo político.

Das cinco candidaturas que o próximo 25 de maio compiten pola presidencia de Colombia, tres están, dalgunha forma, vinculadas co “uribismo”. O presidente Santos foi ministro de Defensa durante o segundo mandato de Uribe Vélez (2006-2010), igualmente que a candidata conservadora Marta Lucía Ramírez, mentres Zuluaga foi ministro de Facenda(1).

A frontal ruptura entre Santos e Uribe a partir de 2010 permitiu ao actual presidente formalizar unha estrutura burocrática igualmente de carácter clientelar, asentada nas principais institucións estatais así como no Consello Nacional Electoral, e que ironicamente ven sendo atacada polos simpatizantes de Zuluaga e de Uribe como unha “orde de xerarquía”.  

Un “populismo” neoliberal?

Este peso dos personalismos políticos (sexan “uribistas” ou incluso da aínda incipiente estrutura “xerárquica” establecida por Santos) pode afianzarse e incluso polarizarse á hora de acometer outras realidades políticas a nivel nacional.

A debilidade militar das guerrillas e un proceso de negociación enfocado en  propiciar a súa inserción na area política (previa amnistía xeral), abre diversas expectativas para o futuro da política colombiana. A principal ten que ver co espazo político e electoral dunha esquerda e de forzas progresistas historicamente atomizadas e preventivamente “domesticadas” e polarizadas, tal e como sucedeu co inaudito proceso xudicial de remoción e posterior reinserción do alcalde bogotano progresista Gustavo Petro, acontecido desde finais de 2013.

De cara aos comicios presidenciais 2014, Petro anunciábase como unha importante alternativa dende a esquerda cara o status quo e o establishment historicamente gobernante.

Obviamente, o obxectivo de Santos tradúcese en alcanzar un acordo global de paz coas guerrillas que lle permita, simultaneamente, fortalecer a súa imaxe a nivel histórico como o líder que puxo fin a mais de cinco décadas de conflito armado, contemporizando e “domesticando” o escenario político da esquerda. Pero precisamente o tema da negociación coa guerrilla intensificou a ruptura entre Santos e Uribe a través dunha confrontación que semella máis ben identificar un pulso de carácter personalista.

Paralelamente, o internacionalmente celebrado pero non menos relativo éxito económico colombiano dos derradeiros anos, basicamente atribuído ás xestións de Uribe e Santos, oculta sen embargo notables desigualdades socioeconómicas, tal e como se observou o ano pasado coas prolongadas protestas e folgas agrarias.

Esta realidade confróntase ante a preponderancia dunha axenda política e económica claramente neoliberal, manifestada nas ofertas electorais de catro das cinco candidaturas presidenciais (especialmente as de Santos e Zuluaga), un aspecto que prevé certa degradación da axenda social e reformista na próxima lexislatura colombiana, en particular no sentido da eficacia e calidade dos servizos sociais.

Cun panorama electoral duramente polarizado, que albisca unha segunda volta entre Santos e Zuluaga prevista para o próximo 15 de xuño, poucas expectativas se prevén sobre eventuais cambios na orientación política colombiana. Alén do posible peso dos personalismos políticos, a axenda exterior colombiana seguirá focalizándose na súa estratéxica (e histórica) relación con EUA, fortalecido a nivel hemisférico a través dun eixe reaccionario á recente orientación progresista e de esquerdas a nivel rexional, e consolidado globalmente por medio da activa presenza colombiana na Alianza do Pacífico.  

 

 

 

 



(1) VIEIRA, Constanza, “En Colombia, la apuesta es por el voto en contra”, Inter Press Service en español, 22 de maio de 2014. Ver en: http://www.ipsnoticias.net/2014/05/en-colombia-la-apuesta-es-por-el-voto-en-contra/