A vitoria do ex bispo católico Fernando Lugo nas eleccións presidenciais paraguaias do pasado domingo 20 de abril constitúe un histórico cambio político cara a esquerda neste minúsculo país sudamericano de pouco máis de seis millóns de habitantes, cunhas implicacións rexionais que semellan acercalo ao eixe do ALBA defendido polo presidente venezolano Hugo Chávez.
Condenado dende o Vaticano por intervir en política, Lugo acabou así cunha era política neste país, condicionada por seis decenios de hexemonía do conservador Partido Colorado. Se ben Paraguai iniciou unha transición democrática a partir de 1989, os seus problemas crónicos non melloraron: a elevada pobreza, rampante corrupción e a necesidade dun cambio mais popular, factores que permitiron a Lugo alcanzar un resoante triunfo que abre unha nova etapa.
Coa súa plataforma electoral Concertación Nacional, que inclúe a diversos partidos e movementos de esquerda así como indixenistas, Lugo defende un discurso de xustiza e equidade social simpatizante co modelo político da "democracia participativa" e da integración social hemisférica contido na Alternativa Bolivariana para as Américas (ALBA), ambos difundidos por Chávez, e que ten eco actualmente nas veciñas Bolivia e Ecuador. Polo tanto, non resultaría sorprendente que, unha vez consumada a súa vitoria, Lugo enviara unha inmediata mensaxe a Chávez a fin de potenciar a Unión de Nacións de América do Sur (UNASUR).
Así, Paraguai, membro de pleno dereito do MERCOSUR desde a súa fundación en 1991, estaría experimentando unha inédita viraxe a favor do ALBA que, a grandes trazos, situaría a este país no centro da atención hemisférica, especialmente polos intereses de actores externos como Venezuela, Brasil e EEUU.
Desde 2004, Washington negociou co goberno de Nicanor Duarte a instalación dunha base militar, en teoría destinada a combater o tráfico de drogas e de armas na cualificada Triple Fronteira entre Paraguai, Brasil e Arxentina. Para xustificar esta apertura militar, dende a Casa Branca consideran que neste espazo xeográfico aparentemente sen control estatal, reside unha importante comunidade árabe simpatizantes dos partidos islamitas libanés Hizbuláh e palestino Hamas, así como coa presunta presenza iraniana en América do Sur. As visitas do presidente iraniano Mahmud Ahmadíneyad a Venezuela e Bolivia no 2007 persuadiron a Washington da necesidade de extremar o seu apoio ao goberno paraguaio.
Non obstante, os intereses xeopolíticos de Washington semellan estar centrados noutros aspectos mais específicos, tales como unha base de apoio para monitorear a situación política rexional e asegurar o control das reservas acuíferas e hidroeléctricas paraguaias e de gas natural na veciña Bolivia. Velaí a preocupación estadounidense polo triunfo de Lugo e o seu marcado énfase en incluír a Paraguai no eixe do ALBA dirixido por Chávez.
Ademais dos presumibles intereses estadounidenses e venezolanos en Paraguai, Brasil xoga un papel fundamental na política paraguaia. En anos anteriores, este país ofreceu asilo ao ex ditador paraguaio Alfredo Ströessner e ao ex presidente Raúl Cubas, así como ao ex xeneral golpista Lino Ovideo, que refuxiouse en Brasil ata o 2004, cando decidiu regresar a Paraguai para afrontar os seus cargos xudiciais.
Amnistiado pola xustiza militar a finais de 2007, Oviedo presentouse como candidato nestas eleccións presidenciais, configurándose como unha estratéxica carta de poder tanto para Lugo como para a súa principal rival electoral e candidata oficialista "colorada", Blanca Ovelar, a primeira muller en competir para a presidencia na historia paraguaia.
A orientación de Lugo condicionará o escenario político paraguaio dos próximos meses. O novo presidente paraguaio deberá afrontar unha dura oposición liderada por Ovelar e o Partido Colorado, con Oviedo como presumible árbitro político, decidido a inclinar a balanza. Pero a política paraguaia tamén se nivelará dende outros ámbitos, en Caracas, Brasilia e Washington.