Fonte Imaxe: Wikipedia

Parlamentarismo chinés

China celebra esta semana as súas macrosesións parlamentarias que axudan a perfilar o momento político que vive o país e a calibrar o seu rumbo. Este ano ten como aliciente o feito de se producir tralo XX Congreso do Partido Comunista (PCCh) que nos días previos celebrou unha sesión plenaria para tratar da axenda inmediata das reformas e dos principais cargos do Estado. Neste último aspecto, Xi Jinping foi elixido –por unanimidade- para os principais cargos do Estado, incluída a xefatura do exército. Quen fora seu xefe de gabinete en Zhejiang entre 2004 e 2007, Li Qiang, como primeiro ministro. Igualmente, Wang Huning será o presidente da Conferencia Consultiva, especie de segunda cámara. Todo indica que fora da escena principal quedarán Wang Yang e Hu Chunhua –este será un dos 23 vicepresidentes da Conferencia Consultiva-. Os dous son afíns a Hu Jintao, ao igual que o primeiro ministro saínte, Li Keqiang. Han Zheng será o vicepresidente do Estado.

A reforma das institucións estatais é outro asunto crucial nestas sesións. Con dúas ideas subxacentes. Se nos tempos de Hu Jintao, a reforma estatal tivo por principal razón de ser a desministerialización mediante a creación de organismos autónomos, agora verase reforzada cun novo impulso da centralización e tamén da repartidirización, especialmente desta última mediante a reafirmación do papel e estruturas dirixentes do PCCh non só na definición das políticas senón cunha presenza máis involucrada na xestión. Máis poderes do Estado van ser transferidos ás institucións do Partido.

A segunda preocupación é a procura da estabilidade. Dunha banda, importa especialmente retomar a senda do crecemento da economía chinesa que en 2022 medrou un tres por cento, por debaixo do obxectivo fixado do 5,5. Co abandono das restricións asociadas á pandemia, suponse que a recuperación será rápida se ben o contexto internacional non lle será de todo favorable. Máis da metade das rexións de nivel provincial fixaron as súas metas de crecemento do PIB para 2023 nun 6 por cento ou superior pero oficialmente vaise referenciar nun 5 por cento para o conxunto do país, poñendo o acento, sobre todo, na mellora da calidade do desenvolvemento.

Complementariamente á reforma das estruturas do Estado e á recuperación do pulso económico co foco no reforzamento das capacidades estratéxicas, agárdanse medidas importantes no eido da seguridade nun sentido amplo que internamente afectarán a varios departamentos cunha fonda reestruturación do Ministerio de Seguridade Pública e do Ministerio de Seguridade do Estado que pasarán a depender dunha área específica baixo a titularidade do Comité Central do PCCh, probablemente con Wang Xiaohong á fronte. Deste xeito, cabe esperar unha maior blindaxe sistémica en todas as ordes nos próximos anos a ton co previsible agravamento da tensión con Occidente.

Cara o exterior, o ministro Qin Gang foi claro na súa mensaxe: “se a Casa Branca non cambia de rumbo haberá conflito e confrontación”. Tamén hai aquí dúas respostas a considerar. Dunha banda, a promoción dunha solución política para a guerra en Ucraína, adiantada nos días previos, e a promoción de conceptos como o de Seguridade ou Desenvolvemento Global que avogan por un discurso alternativo á fatalidade da reedición dunha nova Guerra Fría. Doutra, o impulso da diplomacia para clarexar propósitos e conxurar o desenganche da economía global ou os intentos de formar novas alianzas militares na Asia-Pacífico.

Dende fóra salientouse a non renuncia a Taiwán ou o incremento do gasto militar. No primeiro caso, pode aventurarse un ano especialmente convulso co horizonte electoral de 2024. No segundo, o 7,2 por cento chinés contrasta co 23,6 por cento de Xapón ou o 13 por cento da India, pero destes non se fala. Taiwán incrementárao nun 13,9 por cento.

No sistema político da China, coa alternancia descartada, o réxime de coparticipación no poder a todos os niveis establece dous claros marcos operativos: é o PCCh quen toma as decisións principais mentres que nun segundo chanzo procura fiar consensos con outros actores. Nesta dinámica, a tensión parlamentaria está de todo punto excluída, primándose a impregnación e a posta en común de obxectivos en toda a estrutura do tecido institucional.

O parlamentarismo chinés amosa unha posta en escena que nos últimos anos tentou sacar certo brillo para captar a atención e influír de xeito máis intenso na opinión pública non só propia senón tamén internacional. A pesar diso, o excesivo peso aínda do ritual e das rutinas e a escasa frescura dos debates, mesmo o propio feito de non potenciar a súa dimensión de control político con certa marxe de autonomía dentro do sistema, non lle axuda a librarse da caracterización burocrática que en boa medida sempre marcou o seu ritmo.