En vez de definicións concretas, a Venezuela "socialista" e "bolivariana" de Hugo Chávez segue a acrecentar inquietudes e incertezas. Non obstante, o discurso presidencial semella claro e conciso: neste novo período presidencial 2007-2013, Chávez clama pola "profundización da revolución" cara o "socialismo do século XXI", proceso que peche o "período transitorio" abarcado desde 1999 ata o 2006.
Pero existe certa confusión ideolóxica, non en aspectos retóricos mais si en elementos de aplicación, que asaltan ao venezolano común, aos investimentos estranxeiros e, incluso a determinados membros do "chavismo". O discurso presidencial non explica exactamente, alén de vagos preceptos conceptuais, en qué consiste este "socialismo á venezolana" expresado por Chávez no seu discurso de investidura presidencial o pasado 10 de xaneiro.
A nova consigna oficial para unificar criterios baséase nunha ampliación do slogan da revolución cubana: "patria, socialismo ou morte". Este lema foi repetido incesantemente polo novo gabinete gobernamental xuramentado no 2007. No desfile militar posterior á investidura presidencial, a Forza Armada Venezolana, FAN, subscribiu espartanamente este precepto diante do mandatario da revolución bolivariana.
Que socialismo?
Pero a maior parte dos sectores da sociedade venezolana seguen tentando descifrar en qué consiste esta nova etapa da historia contemporánea do país e a qué socialismo refírese o presidente Chávez. Parte desta confusión estriba en que os elementos teóricos deste "socialismo do século XXI" son, a todas luces, de recente data.
Non foi ata o 2005 cando Chávez comezou a utilizar incesantemente o termo "socialismo" como elemento ideolóxico da súa revolución, incluso relevando levemente a natureza "bolivariana" da mesma. Neste sentido, e consolidado tralo seu triunfo no referendo revogatorio do 2004, Chávez afianzou as bases dunha activa e propagandística política exterior que lle permitira crear unha favorable plataforma internacional e recuperar os incentivos ideolóxicos e prácticos da "revolución socialista mundial" en tempos de globalización.
Nesta estratexia de Chávez incluíuse o socialismo probablemente non só como elemento ideolóxico do proceso histórico a vivir en Venezuela senón como factor de atracción e apoio exterior, principalmente de cara á esquerda mundial, aproveitando os síntomas de debilidade da unilateral estratexia de poder dende Washington e os prexuízos do proceso de globalización. Este factor remárcase ante o carácter netamente antiglobalización e nacionalista da revolución bolivariana e o ascenso dos movementos de alterglobalización que impulsan este apoio exterior.
Trala súa impresionante reelección en decembro pasado, Chávez afondou na necesidade de construír o "socialismo do século XXI", proceso previsto para un longo período de 14 anos que abarca do 2007 ata o 2021. Proceso aínda por definir en termos ideolóxicos e pragmáticos. Para imprimir maior sustento e emotividade á súa tese, no seu discurso de investidura presidencial, Chávez citou a Marx, Lenin, Trotski e Xesucristo, a quen considerou o "primeiro revolucionario da historia".
Desde a perspectiva discursiva, Chávez intenta diferenciar o "socialismo do século XXI" dos elementos socialdemócratas europeos ou das experiencias do socialismo soviético. O seu proxecto impulsa a idea do socialismo humanitario e os valores nacionalistas, pero os pasos que está dando na súa construción socialista semellan incluír un talante totalitario e vertical, reforzados cun discurso ambivalente, tan benévolo como polarizador.
O "partido único"
Para acrecentar a súa hexemonía política interna, o primeiro paso da "construción socialista" de Chávez foi a unificación partidaria e política en torno ao Partido Socialista Unitario de Venezuela, PSUV, nun intento por acabar coa preeminencia do Movemento Quinta República, MVR e os seus aliados Patria Para Todos PPT, Partido Comunista de Venezuela PCV, Movemento ao Socialismo MAS, Movemento Electoral Popular MEP, etc, como aglutinadores do "chavismo".
Espérase que no 2007, Chávez e a considerada "ala dura" do chavismo, principalmente por medio do seu irmán e novo ministro de Educación, Adán Chávez, unifiquen criterios, principalmente de tipo ideolóxico, político e electoral, para consolidar ao PSUV como o "partido único da revolución" cuxo obxectivo, definido polo propio Chávez, debe "transcender o electoral".
Este proxecto, tanto nos seus pasos prácticos como nos seus períodos temporais, xa estivera estipulado no "Axenda Nacional Simón Bolívar" concibida por Chávez en 1992, pouco antes do seu intento de golpe "cívico-militar" do 4 de febreiro. A diferenza inicial era que os métodos de construción revolucionaria non incluían a toma do poder por medios electorais senón por medios violentos.
Tralo seu indulto en 1994, Chávez descartou a opción de rebelión e violencia unha vez decidira concorrer aos comicios presidenciais de 1998. Pero mantén firmemente os lapsos temporais: a "transición revolucionaria" (1999-2006) e a "radicalización da revolución" (2007-2021), tomando este último ano como referencia histórica para consolidar o socialismo no momento en que se conmemore o bicentenario da batalla de independencia venezolana ante a Corona española, ocorrido en 1821.
O asunto da temporalidade no poder espera solucionalo Chávez a traveso dun referendo consultivo, previsto para o 2010, sobre a reelección indefinida, ou ben por medio dunha lei habilitante e unha nova reforma constituínte, xa solicitadas ante a Asemblea Nacional, para outorgarse "poderes especiais" e que tamén estipulan novas reformas constitucionais e un novo nome oficial: "República Socialista Bolivariana de Venezuela".
Este anuncio de Chávez provocou o aumento das críticas internas e externas cara estas intencións de perpetuarse no poder, relegando os mecanismos de transitoriedade democrática e expandindo un certo sentido mesiánico á súa labor. Animado polas súas vitorias electorais, o presidente venezolano interpreta como válido o mandato popular para o seu modelo socialista, quizás obviando que un 40% da poboación votou na súa contra nas pasadas eleccións e que os partidos políticos de oposición comezan a ver diminuídos os seus espazos de actuación.
A pesares do entusiasmo inicial entre os diversos movementos e partidos políticos dentro do espectro "chavista" por unirse ao PSUV, a consolidación deste "partido único" está a provocar inquietude e preocupación non só entre a oposición política e as clases medias e altas senón na ampla amalgama de movementos sociais e comunitarios que apoian a Chávez e á revolución, temerosos de que esta "verticalización do poder" dificulte a viabilidade e "horizontalidade" destes movementos civís.
"Socialismo á venezolana"
A proclamación "socialista" de Chávez comezou co 2007, tralo xuramento do novo gabinete de goberno, no que destácase a remoción dun dos mais elevados políticos do "período de transición", o ex vicepresidente José Vicente Rangel, e o ascenso de elementos fieis ao "chavismo duro".
A caída de Rangel é significativa, debido a súa indubidable capacidade estadista, a pesares de que a súa figura era unha das mais vilipendiadas e odiadas pola oposición a Chávez. Rangel ocupou os cargos de ministro de Relacións Exteriores, ministro de Defensa (primeiro civil en ocupar este cargo en 50 anos) e vicepresidente da República. Ao mesmo tempo, posuíu a habilidade para lidiar cos momentos máis difíciles para a presidencia de Chávez, como o golpe de 2002, os paros petroleiros e o referendo revogatorio do 2004.
Chávez substituíu a Rangel por Jorge Rodríguez, ex director do Consello Nacional Electoral no momento do referendo de 2004 e estreito colaborador presidencial. No cargo de ministro de Educación está agora Adán Chávez, irmán do presidente, ex embaixador venezolano en Cuba, mentor ideolóxico de Hugo Chávez nos anos da constitución do Partido Nacionalista Venezolano, nas décadas dos setenta e oitenta. Incluso o seu nomeamento provocou gran sorpresa pola remoción neste ministerio de Aristóbulo Istúriz, un dos mais carismáticos e estimados ministros chavistas.
Adán Chávez constitúe un verdadeiro factor de poder dentro do cualificado "chavismo duro e radical", xunto a ministros como Diosdado Cabello ou ideólogos como Guillermo García Ponce. Moitos sectores opositores critican a posibilidade dunha "ideoloxización" en materia educativa e a "estatización" dos centros de ensinanza privados que no estean afectos ao proceso revolucionario, tal e como se especula poida iniciar Adán Chávez desde o seu despacho.
As primeiras medidas gobernamentais para o próximo período xa aumentaron a preocupación entre os sectores económicos e financeiros. Os anuncios da nacionalización dos sectores de telecomunicación e enerxéticos (CANTV, Electricidade de Caracas, proxectos da estatal petroleira PDVSA con multinacionais estranxeiras) así como o control total e peche de autonomía do Banco Central de Venezuela, BCV, realizadas por Chávez no xuramento do seu novo gabinete dentro do seu proxecto de "defensa das empresas básicas" e "desenvolvemento endóxeno", propiciaron unha estrepitosa devaluación do 20% da moeda nacional co respecto ao dólar e unha caída de 18 puntos na Bolsa de Valores de Caracas.
Outro elemento que aumenta a polarización e tensión actual constitúe a posibilidade do control estatal dos medios de comunicación, ante a puxa actual que está a manter o goberno de Chávez cun dos principais canais de TV, Radio Caracas Televisión, RCTV, acusado oficialmente de violar disposicións legais e de "apoiar o golpe de 2002". A Corte Interamericana de Dereitos Humanos da OEA acaba de apoiar a RCTV mediante unha resolución crítica con Chávez. Este, pola súa banda, respondeu con insultos ao secretario xeral desta organización, o chileno José Miguel Insulza.
Neste sentido, o 2007 aumenta a percepción da consolidación dunha política exterior por parte de Chávez cun ambivalente carácter integrador e polarizador. As vitorias de Rafael Correa en Ecuador e Daniel Ortega en Nicaragua permitiron a Chávez aumentar os seus aliados ao proxecto hemisférico fraguado na Alternativa Bolivariana para as Américas, ALBA, xunto a Cuba e Bolivia.
Pero resulta tamén evidente que existen fracturas dentro da esquerda latinoamericana entre os elementos considerados "moderados" (Lula, Bachelet, Tabaré Vázquez) e o actor mais radical, personificado en Chávez. Esta puxa aumenta en cada foro rexional, principalmente no escenario andino e de MERCOSUR.
Pola súa banda, a recente visita do presidente iraniano Mahmud Ahmadíneyad a Caracas e a súa xira por Nicaragua, Ecuador e Bolivia, así como as alianzas militares con Rusia, e a súa pretensión de influír nos asuntos rexionais cara o patio andino e suramericano, confirman a tendencia de Chávez en crear "polos de fractura" no escenario internacional, destinados a obstruír a hexemonía global estadounidense.
Mirando o futuro
Resulta obvio que, amparado en considerables doses de popularidade e na efectividade asistencialista das "misións" educativas e sanitarias nos sectores mais pobres, Chávez interpreta a súa vitoria como un factor de lexitimidade que permita asentar as bases dunha "revolución permanente" e iniciar unha "nova era histórica" en Venezuela.
Chávez presenta unha inédita concentración de poder do Executivo sobre os demais poderes públicos e o estamento militar, mentres adianta un ambicioso programa de reestruturación do Estado venezolano que inclúe a supresión das alcaldías e gobernacións por "consellos comunais", principalmente afectos ao proceso revolucionario, e a completa unificación dos poderes públicos, propiciando un tipo de autoritarismo "popular", con visos de lexitimidade electoral.
Pero o complexo panorama sociopolítico venezolano, a pesares da consolidación de Chávez como principal actor político, augura momentos de tensión a mediano e longo prazo. A polarización segue a ser evidente nas principais cidades, aínda que a oposición estea a construír unha plataforma viable que presente alternativas efectivas para a poboación. E non se coñece con exactitude se o proceso revolucionario marcha con dinámica propia ou depende excesivamente do carisma e a enerxía de Chávez.
Do mesmo xeito, Venezuela segue a presentar problemas crónicos, herdados dos dous decenios anteriores, pero que tamén aumentaron nos derradeiros anos. Os altos índices de pobreza e violencia criminal, a debilidade institucional fronte ao poder presidencial, a corrupción administrativa e a inseguridade no proxecto de país son elementos que dificultan unha efectiva labor gobernamental, aumentados ante o exceso de politización no debate nacional e o aumento da intolerancia sociopolítica.
As desigualdades socioeconómicas seguen a ser evidentes ao mesmo tempo que a "Venezuela bolivariana" baixo Chávez permitiu o ascenso dunha nova elite política e económica, coloquialmente coñecida como a "boliburguesía, amparada polos altos prezos petroleiros, o elevado gasto fiscal (respaldado por $55.000 millóns en reservas internacionais) e a súa "militancia revolucionaria", e que permite manter o alto consumo venezolano de importacións en diversos sectores.
Como consecuencia, a economía venezolana persiste na súa excesiva dependencia dos avatares do sector petroleiro e marcada polo expansivo gasto público. O crecemento no 2006 foi elevado, do 8,5%, pero o elevado gasto público (51%) segue a estar atado ás dinámicas dos prezos do petróleo, mentres a inflación (17%) foi a mais alta de América Latina no ano pasado.
Probablemente, a definitiva constitución da Venezuela actual e dos próximos anos reflicte unha puxa por espazos de poder entre estas novas elites "populares e revolucionarias" e as elites tradicionais, oficialmente denominadas polo chavismo como "oligarcas". Esta puxa marcará a busca dun consenso que, desde fai anos, resulta inexistente nun país altamente polarizado en torno ao seu presidente e o modelo que representa.
Se ben Chávez amosou a súa disponibilidade a remediar estes problemas crónicos, os seus pasos seguen a crear posicións encontradas mentres estes problemas persisten e aumentan. Por moito que Chávez proclame o "socialismo" como camiño, as condicións reais de Venezuela dificultan a análise e o prognóstico sobre o seu verdadeiro futuro e amosan contraditorios diagnósticos. En todo caso, unha nova e incerta etapa ten comezado.