Pedigrís e índices de alfabetización

Apartados xeográficos Europa ARQUIVO
Idiomas Galego

“Si un obreiro británico, cando fai quinielas, aposta por un cabalo ou un can tendo en conta cál é o seu pedigrí, ¿por qué non han de ser os millor educados membros da Cámara dos Lores os depositarios da nosa confianza tendo en conta os poderes de liderazgo que herdaron?”, escribía un lector ao xornal londinense The Daily Telegraph, alá polo ano 1969, nunha das moitas veces que se estaba debatendo a posibilidade de transformar a Cámara dos Lores nunha especie de senado elexido por sufraxio popular.

A cita mereceu ser recollida nunha sección do semanario The New Statesman, titulada “This England” (no senso de “hai que ver qué cousas se dín nesta nosa Inglaterra”).  E, salvando as distancias temporais e xeográficas, podería servir de introito para as recentes declaracións do Presidente da CEOE, Juan Rosell, na presentación dun informe do seu propio Instituto de Estudios Económicos, no que se afirma que o éxito escolar depende, tanto ou máis, da xenética que do entorno socioeconómico do aluno.

Semellante tese, que nunha coluna do xornal Público do xoves 23 de xuño mereceu que se califique de “neovictorianos” (quer dicir, de mentalidade propia da época da Raíña Victoria de Inglaterra) aos membros da patronal española, semella ir a contrapelo de todolos estudos máis importantes sobre problemas da educación escolar.

Por exemplo, na versión máis recente (9 de xuño do presente ano) do informe que publica o National Literacy Trust da Gran Bretaña, titulado Literacy: State of the Nation (estado da alfabetización na nación), ofrécense datos moi interesantes: de cada seis británicos, ún ten problemas de alfabetismo; quer dicir que o seu nivel de alfabetización é inferior ao nivel propio dun neno de once anos de edade. Calcúlase que hai 370.000 pais e nais en Londres que teñen problemas de lectura e que non poden ler con confianza cos seus fillos.

Hai un 66 por cento de adultos que pensan que a capacidade de ler, escribir e comunicarse é un dereito fundamental nunha sociedade moderna, mais, con todo, unha cuarta parte de nenos e xovens non recoñecen un vencello entre saber ler e ter éxito na vida..

¿Qué relación hai entre eses datos e o perfil socioeconómico dos alunos? a) O normal é que nenos e xovens que non acadan os niveis de alfabetización esperados procedan das capas máis desfavorecidas da sociedade; b) un 14 por cento de nenos e xovens de familias con poucos ingresos raras veces, ou nunca, lén libros por placer.  Hai uns meses, nunha das moitas informacións sobre índice de alfabetización no Reino Unido, decíase que, nunha escola de zona pobre na que os maestro pediulles aos nenos que trouxeran da casa algún libro de lectura, un cativo apareceu co único volume impreso que encontrou: un catálogo de ventas por correo.

Está demostrado que os pais son os modelos que os nenos siguen nos seus hábitos de lectura, e a conclusión do informe que estabamos citando é a de que as probabilidades de que os pais lean libros aos seus fillos dependen das suas circunstancias socioeconómicas.  Si nas familias con ingresos entre 40.000 e 50.000 libras esterlinas anuais o 21 por cento de pais son os lectores principais, nas familias con 10.000 a 15.000 libras de ingresos o porcentaxe descende ao 11 por cento.

Na Gran Bretaña, que saibamos, non se bota man da xenética para explicar a diferencia entre nenos listos e nenos menos listos. Mais a estratexia da presente coalición conservadora-liberal gobernante é moi semellante á que se agacha baixo a faramalla do estudo da CEOE, e que forma parte dunha ideoloxía contraria ao Estado do benestar.  No caso do Reino Unido, coma no caso dos “centros de excelencia” que se proxectan en España, estase privilexiando a centros privados de ensino e deixando aparte ás escolas que non acadan niveis de “performance” altos dabondo.  E, craro está, esas escolas adoitan estaren en zonas desfavorecidas.

O obxetivo final, tanto da coalición británica como da tese da CEOE, que moi probablemente prefigura o que sería o obxetivo dun goberno do PP en España, é o de reducir os gastos públicos en educación e deixar a parte que presenta maís posibilidades de acadar a excelencia académica no sector privado.

A Cámara dos Lores vai camiño de desaparecer coma tal (non moi axiña, porque hai moitas forzas que se resisten) e deixar paso a un Senado sen membros nomeados por teren bon pedigrí nobiliario. Agora, e cada vez máis, o pedrigrí económico é o determinante, non a herdanza xenética.