No número 1.281 de A Nosa Terra (20 ao 26 de setembro), manexábamos a idea de que EEUU estaba consolidando a súa permanencia militar no país construíndo bases estratexicamente situadas e que lle servirían para o dominio militar de todo o Oriente Medio. E que a solución de Corea podería estar nas mentes de Whasington para ser aplicada no Iraq.
Agora xa non hai dúbidas: o xeneral Douglas Lute vén de manifestar que o compromiso militar nese país, a súa forma e amplitude, así como o establecemento nel de bases americanas, con presencia permanente do exército de EEUU no país mesopotámico, "serán obxecto de negociación capital".
Todos sabemos que iso quere dicir: instauración dun neocolonialismo co asentimento de líderes postos polo invasor e á marxe do pobo, unha verdadeira farsa coa que o invasor pretende unha pantalla de legalidade, pero que, despois do que levamos visto, a ninguén pode enganar.
Tamén se nos di que as "negociacións" co Goberno colaboracionista van comprender relacións políticas e diplomáticas, así como as cuestións económicas do país "ou sexa, os hidrocarburos. O modelo de Corea corrixido e aumentado.
Aínda que os demócratas gañen as próximas eleccións, ningunha modificación van introducir nesa hipócrita e depredadora política exterior de Bush. Porque a súa política será tamén unha política imperial, e van aceptar os feitos consumados. Neutralizado Irán, ou iso semella, con Israel ao seu servizo e o Iraq ben suxeito, o dominio militar do Oriente Medio e dos seus recursos non é nada desavido. Velaí.