1. Crecemento moderado e desigual
As previsións dos principais organismos multilaterais, como o Fondo Monetario Internacional e o Banco Mundial, apuntan a un crecemento global moderado, cunha expansión máis dinámica en Asia que en Europa, debido ao maior dinamismo das economías asiáticas e a que estas contan con puntos de partida inferiores en canto a calidade e condicións de vida.
A Unión Europea continúa a amosar un avance contido, condicionado pola debilidade da industria alemá e pola lenta recuperación do consumo. Alemaña manifestaría así os efectos dunha economía parcialmente deslocalizada e da menor velocidade de adaptación fronte ás innovacións doutros países, como acontece no sector do automóbil co vehículo eléctrico.
Para España, o contexto externo supón unha oportunidade para gañar cota en servizos, turismo e exportacións agroalimentarias. Mentres, Galicia cunha economía aberta e fortemente exportadora en sectores como o automóbil, o téxtil, a pesca e a madeira, depende directamente da evolución dos mercados europeos. A moderación do crecemento implica unha maior competencia en prezos e marxes máis axustadas. A mellora da demanda interna continuaría a ser un asunto pendente a nivel rexional desde a última crise financeira, coa suba do prezo da vivenda, da enerxía e dos vehículos de transporte.
2. Tipos de xuro e política monetaria
Tras o ciclo de endurecemento monetario iniciado anos atrás, o Banco Central Europeo atópase nunha fase máis flexible, con baixadas graduais de tipos para estimular o investimento sen reactivar tensións inflacionistas. Con todo, un recrudecemento da guerra en Irán, acompañado de alza da inflación apuntaría a posibles subidas de xuros.
Para España, altamente endebedada en termos públicos e privados, un escenario de tipos máis baixos aliviaría a carga financeira e favorecería o investimento empresarial. En Galicia, isto podería traducirse nun impulso para Pemes exportadoras e para proxectos vinculados á transición enerxética. Mais a dirección da política monetaria europea condicionará o contexto.
3. Reconfiguración xeoeconómica e cadeas de subministración
A rivalidade entre Estados Unidos e China continúa a marcar parte do proceso de desglobalización iniciado polo goberno Trump na década pasada coas políticas MAGA (Make America Great Again). En efecto, no contexto mundial non se trata xa dunha globalización expansiva, senón dunha globalización selectiva, con estratexias de “friendshoring” e “nearchoring” con relocalizacións industrias en países aliados e veciños.
Para España e Galicia, esta fragmentación abre espazos en cadeas de valor europeas, especialmente en sectores estratéxicos como o vehículo eléctrico, os semicondutores ou as enerxías renovables. As políticas de captación de fondos europeos e o fortalecemento do tecido industrial serán determinantes, pero o coñecido como “Plan Rearme” apunta a unha drenaxe de recursos públicos cara a industria armamentística e, sobre todo, a transformarse nun sucedáneo de rentismo cara as grandes empresas tecnolóxicas e á ciberseguridade. Será este o modelo de soberanía dixital europeo desexado, ou o papel público debería ser diferente e máis presente e proactivo?
4. Enerxía e transición verde
A transición enerxética consolídase como un dos eixos estruturais da economía mundial. A Axencia Internacional da Enerxía sinala un incremento sostido do investimento en renovables, almacenamento e hidróxeno verde, unha carreira na que Europa aínda se sitúa por detrás doutros competidores, como é o caso de China coa enerxía solar.
No contexto europeo, España parte cunha posición relativamente vantaxosa en solar e eólica, e Galicia destaca en eólica terrestre e potencial mariño. Porén, a competencia internacional por materias primas críticas e tecnoloxías limpas intensifícase, o que introduce riscos de dependencia exterior.
5. Comercio internacional e proteccionismo selectivo
A Organización Mundial do Comercio segue a afrontar dificultades para revitalizar o sistema multilateral. Proliféranse acordos rexionais e medidas de protección selectiva, especialmente en sectores tecnolóxicos e industriais.
España, como economía media aberta, necesita regras previsibles e acceso a mercados. Galicia, con forte orientación exportadora (mexillón, conservas, compoñentes de automoción), vese particularmente afectada por calquera barreira técnica ou arancelaria. En concreto, os tratados de libre comercio co Mercosur e a India obrigan a elaborar unha estratexia-país e sectorial que aínda non existe. Ademais, a diversificación relacional baseada na innovación segue a ser unha tarefa pendente na xeración de valor engadido e no avance cara a produción de bens e servizos de maior intensidade tecnolóxica. Neste contexto, as estratexias eurorrexionais conxuntas poderían ser un punto forte de ser quen de aproveitalas.
6. Riscos financeiros e débeda
O elevado nivel de débeda pública global segue a ser un factor de vulnerabilidade. Calquera choque externo adicional aos mencionados -xeopolítico e/ou financeiro- podería reactivar tensións nos mercados de capitais.
Para España, manter a credibilidade fiscal é clave dentro do marco da gobernanza europea. Para Galicia, a estabilidade macroeconómica estatal é un requisito previo para soste-la súa estratexia de internacionalización empresarial.
7. Adaptación, resiliencia e innovación
En 2026, a previsión era que a economía internacional se caracterice por un crecemento moderado e asimétrico, por unha contención da inflación pero persistencia de incertezas (como a derivada da guerra en Irán), e pola crecente fragmentación xeoeconómica. Ademais, outros trazos relevantes virán marcados pola aceleración da transición enerxética fronte á dependencia do petróleo e pola maior competencia industrial e tecnolóxica. Con todo, a fraxilidade ideolóxica da ultradereita norteamericana, unida ao seu posible declive económico, convértense en factores susceptibles de xustificar a confusión sementada no contexto internacional, creando así as condicións que permitan dar carta branca ao espolio continuado de materias primas. Nun escenario como o debuxado, a proliferación da inestabilidade mundial sementaría o camiño de vantaxes para o dominio estadounidense.
Desde Galicia e España, a resposta a este contexto pasaría por cinco piares:
- Favorecer a resiliencia da economía;
- Reforzar a competitividade empresarial;
- Investir en innovación e capital humano;
- Procurar unha inserción máis estratéxica nas novas cadeas de valor europeas e mundiais;
- Mellorar a capacidade de tecer alianzas con actores internacionais, especialmente cos países asiáticos e emerxentes.
En resumo, no exercicio 2026 non estariamos ante unha ruptura total coa globalización, senón perante a súa transformación. A capacidade de adaptación determinará se Galicia e España actúan como suxeitos activos desta nova orde económica ou se permanecen nun papel periférico.

