A Unión Europea (UE) deberá enfrontar en 2008 unha axenda especialmente importante e complicada. No eido interior, dous temas destacan: o status de Cosova e a ratificación do Tratado de Lisboa. Recentemente, o primeiro ministro de exteriores de Eslovenia, Dmitri Rupel, veu a dicir que a UE dubida aínda se aceptar ou non unha declaración unilateral de independencia da provincia administrada pola ONU dende 1999. Por outra banda, a ratificación do Tratado de Lisboa, asinado o pasado 13 de decembro, debe levarse a cabo ao longo de 2008 en todos os países da UE para que poida entrar en vigor a comezos de 2009. O primeiro ministro esloveno, Janez Janza, dixo en Estrasburgo o pasado 16 de xaneiro, que dende a presidencia de turno da UE alentaría o proceso de ratificación durante o primeiro semestre deste ano pero, con independencia das complicacións derivadas da lóxica de cada país, as disputas respecto á titularidade dos principais cargos ameaza tamén con tensionar todo o proceso.
Na orde exterior, cabe sinalar dúas frontes importantes. A primeira, en relación a EEUU, a chegada ao poder de Sarkozy supón unha maior normalización de relacións entre Bruselas e Washington, xa iniciada da man de Ánxela Merkel. A estratexia de Sarkozy pasa por afortalar a posición internacional de Francia indo da man de EEUU, o que tamén lle pode permitir mellorar as relacións con aqueles países europeos que manteñen boas relacións con EEUU. Segunda, en relación a Rusia, seguridade e política seguirán marcando a axenda das disensións. Moscova suspendeu o 12 de decembro o Tratado sobre as Forzas Armadas Convencionais en Europa, en resposta ao plan estadounidense de instalar en Polonia e Chequia o sistema de defensa antimisiles. Moscova tamén rexeita a independencia de Cosova e non comparte as teses europeas sobre o problema nuclear iraniano, cada vez máis orientadas a aceptar a imposición de novas sancións, tal e como pretende EEUU. Por outra banda, a tensión entre Moscova e Londres non presenta indicios de moderación.
As relacións da UE con China presentan un perfil estable, se ben cunha axenda marcada polas diferenzas nos asuntos comerciais. As tensións entre China e Alemaña benefician o recoñecemento do liderado francés por parte de Pequín que aspira a establecer en 2008 as bases dun novo equilibrio bilateral a todos os niveis. Cabe imaxinar, por outra banda, que en 2007 a UE preste maior atención a Africa despois do cumio de Lisboa do pasado 8 e 9 de decembro, celebrado con sete anos de retraso. A burocracia comunitaria deberá desatascar unha estratexia lastrada polas diferenzas en diversas materias sensibles, dende o comercio ata os dereitos humanos, e os receos africanos ante os novos acordos de asociación económica que propón a UE e que poderían prexudicar os seus mercados.
En suma, retos importantes que a UE debera afrontar con tino e sentido de futuro, cualidades que hoxe escasean na maioría dos lideres continentais escasamente comprometidos coa idea dunha Europa dona de seu.