Perú fronte ao turbio pasado e ao negro futuro

Apartados xeográficos Latinoamérica ARQUIVO
Idiomas Galego

Cúmprense 20 anos democracia e un síndrome da putrefacción irremediábel apodérase da sociedade. Entre un 20 e un 30% dos peruanos teñen decidido votar en branco ou en nulo nas eleccións do 3 de xuño, para explicitar a “ira dos mansos” da que falou Unamuno. Alan García e Alejandro Todelo tratan de saír a flote neste naufraxio democrático colectivo. Aos presidenciábeis aparécesenlle, en campaña, os turbios pantasmas do seu pasado, sen que sexan quen de debuxar un futuro ilusionante que resulte críbel para os electores.

Hai exactamente un mes, tiña lugar na sede do Parlamento Europeo un seminario organizado pola Rede de Cooperación Eurolatinoamericana, no que se trataba de afondar na inestabilidade Andina e de debuxar algunhas perspectivas para o futuro da rexión. As conclusións non sorprenderon a ninguén, por máis que foron especialmente desoladoras. Para os reunidos, os niveis de corrupción dos gobernos son de tal envergadura que posúen máis arraigo que as propias democracias, chegando mesmo a ser anteriores a elas. A rexión mergúllase nun futuro incerto, a economía debilitase e a democracia empobrecese.

Desta realidade non está ausente o Perú, onde está programada para o próximo domingo a segunda volta das presidencias, nas que compiten, o favorito Alejandro Toledo, e o corredor de fondo Alan García. Os dous aspirantes a inquilinos da Casa de Pizarro teñen queimado a maior parte do capital da súa credibilidade e dedican case todo o tempo a sortear ou defenderse das acusacións de corrupción ou de escándalo que os perseguen ses desmaio.

O “Cholo de Stanford” que representou a esperanza mestiza do indixenismo coa modernidade quen de rematar co réxime de Fujimori tivo que enfrontarse, nas últimas semanas, á acusación de cocainómano. Sobre el pesa unha demanda de suposta paternidade presentada pola nai de Zaraí,una nena de 13 anos. Saen luz as demandas que presentou no 1986 contra da súa muller Elianne Karp, por fuxida de fogar e abandono da súa filla Chantal, cando a estabilidade da parella facía augas.

En círculos próximos á dirección de campaña temen que nesta semana decisiva saían a luz dous vídeos comprometedores que foron ofrecidos diversos medios de comunicación , producidos con moita probabilidade da factoría Montesinos. Nun deles estaría en plena orxía sexual con prostitutas, no outro a protagonista é a súa muller, quen asistiría ao enterro de Augusta La Torre, dona do líder de “Sendeiro Luminoso” Abimael Guzmán.

Baixo a etiqueta de socialdemócrata presentase o outro candidato, Alan García., a quen as enquisas sitúano entre 9 e 15 puntos por baixo nas espectativas de voto. Sobre el, non só pesa a pesada lousa dunha xestión económica nefasta e de terse amosado ineficiente na loita contra do terrorismo durante o período comprendido entre 1985 e 1990; senón que seguen a proxectarse negras sombras sobre causas xa prescritas. Acusacións de corrupción na compra de avións “Mirage” ou na contratación da empresa italiana Tralima dos dereitos de construcción dun nunca realizado tren eléctrico de Lima, enriquecemento ilícito co traspaso de fondos de Banco de Creto e Comercio Internacional.., xa non ten enriba da súa caluga a guillotina da xustiza, máis ten pouco marxe para a confianza.

Pero se hai un caso emblemático no que estivo implicado o ex-presidente foi na “matanza dos cárceres”, cando terroristas presos nos penais de Santa Bárbara, Lurigancho e El fronton decidiron amotinarse, atopando a man firme de A. García quen ordenou por fin ao levantamento. O resultado foi arrepiante e saldouse coa morte de 248 presos. Este turbulento episodio podería aínda complicar o a supervivencia deste auténtico animal político. A Comisión da Verdade nun futuro próximo ten previsto revisar todos aqueles casos no que existen denuncias de violación dos Dereitos Humanos ocorridos dende 1980 e a matanza dos cárceres aconteceu en 1986, por tanto, suxeita a investigación.

Só a súa endiañada facilidade de argumentación, a oratoria convincente e a capacidade de encantamento, sen máis arma que a súa fácil palabra, son quen de adormecer a memoria dunha parte dos peruanos e facelo chegar á rolda decisiva nunha breve e meteórica campaña de dous meses. A Corte Suprema Peruana non lle levantou a orde de captura ata o 18 de xaneiro deste mesmo ano, e o ex-presidente non regresou ao país ata fins do mesmo mes.

Dos programas pouco se debate, as promesas son merecentes de pouca credibilidade, os papeis están en moitos casos trasmutados. Xa que logo, un socialdemócrata acusado de corrupción pode propugnar a pena de morte para os corruptos e un neoliberal pode ofrecer un amplo programa social…

Gañe quen gañe, o Perú seguirá a ter un futuro incerto, pero con menos ilusión. A “ira dos mansos” aínda non está madura para tomar a iniciativa. Corresponderalle a Toledo ou a García pilotar un país afundido na desesperanza. Ogallá traían a ilusión, mesmo para os hoxe desilusionados.