Pinochet versus Guzmán

A Corte Suprema de Chile resolveu desposuír de inmunidade parlamentaria a Pinochet por catorce votos contra seis. Queda aberto así o proceso xudicial contra o dictador pola súa presunta implicación na denominada "Caravana da Morte", célula militar dirixida polo xeneral retirado Sergio Arellano Stark, quen en outubro de 1973 comandou a desaparición de 19 persoas nas cidades de Calama, Copiapó e Cáuquenes.

Non se agardaba un pronunciamento tan contundente da Corte Suprema. Cómpre ter en conta que na resolución do pasado 25 de xullo que rexeitaba a procedencia dos exames médicos antes de resolver sobre o desaforo, foi moito máis axustada, once votos contra nove. Mesmo maxistrados como Guillermo Navas, Luis Correa Bulo, designados membros do máximo tribunal na era Pinochet, votaron desta vez a favor da retirada dos privilexios ó xeneral, mentres que outros como Humberto Espejo designado pola Concertación, facíao en contra. Para ben da credibilidade da institución, fallou a lóxica das presuntas proximidades políticas.

Todas as miradas se dirixen agora ó xuíz Guzmán. Gabado como profesional comprometido coa imparcialidade da xustiza, mentres uns lembran que xa someteu a proceso a cinco ex uniformados pola mesma causa, procedementos iniciados cando Pinochet estaba detido en Londres, outros destacan que aplicou a Lei de Amnistía en máis de coarenta casos sen que lle doeran prendas. Segundo se desprende da lectura das 51 páxinas do fallo, Guzmán podería ter aberta aínda a posibilidade de investigar a Pinochet pola súa participación en casos de homicidios e asociación ilícita, delictos ambos os dous non amparados pola lei de amnistía.

O primeiro obstáculo que deberá salvar no longo procedemento que agarda é a negativa de Pinochet a someterse ós exames médicos que o Código penal chileno preceptúa para todos os acusados maiores de setenta anos. Esa vía quixeran explorar os seus partidarios e o propio goberno de Ricardo Lagos coa esperanza de pechar o caso canto antes. Axiña comprobaremos se Pinochet insiste na defensa da súa "honorabilidade" a toda costa e se o xuíz Guzmán aplica todo o rigor da lei dispoñendo a súa detención ou, en suma, parafraseando a Malcolm Forbes, ata que punto é quen de ser xusto con quen non o foi con milleiros de cidadáns do seu país.