Pinochet xa non divide por dous

Apartados xeográficos Latinoamérica ARQUIVO
Idiomas Galego

A resolución do xuíz Morris Kay, pola que se rexeitan os recursos interpostos dende o Goberno de Bélxica e seis organizacións humanitarias, contra da posta en liberdade, en base a razóns médicas, do dictador Augusto Pinochet, provoca reaccións encontradas en Chile, mais o dictador xa non divide o pais en dúas metades irreconciliábeis. A indiferencia xeneralizada só se altera nas sedes da Fundación Augusto Pinochet Ugarte ou da Agrupación de Familiares de Detidos e Desaparecidos, onde, por razóns contrapostas, os sentimentos son vehementemente exteriorizados.

Poucos creen na casualidade para explicar a fantástica triple carambola pola que o xeneral da "Operación Cóndor" volta a extender ás súas negras ás sobre os Andes. Nunha mesma xogada o Goberno español deu prioridade as suculentas relacións comerciais con Chile sobre a persecución á impunidade dos xenocidas. Gran Bretaña solta a presión de ter un dictador en casa coma hóspede molesto, e empurra ao correlixionario Lagos cara a presidencia, decantando o complicado voto dos hipercríticos abstencionistas. Chile, que endexamais comprendeu coma antiga metrópole daba leccións de transicións democráticas, cando non xulgou a súa propia, pode, ¡por fin!, liberarse da merecida etiqueta de minusválido xudicial. Asumir a maioría de idade coma estado de dereito afastándose da tan destestada tutela exterior. O 60 % dos chilenos desexan a volta do ex-dictador. Carambola demasiado perfecta como para ser froito do azar.

Os tres xogadores non ocultan a súa satisfacción mentres os defraudados e millonarios espectadores so atinan a esbozar un tenue lamento de "tongo", logo de comprobar que non vai ser nesta partida na que se asente o precedente da extraterritorialidade dos crimes contra a humanidade. Por primeira vez, foi da partida, pero lamentabelmente perdemos.

En Chile xa están preparando as alfombras para permitir unha cómoda aterraxe do ex-dictador. En sesenta días estará aprobada unha consensuada reforma constitucional que se adapta coma un guante de seda, feito á medida da dura man de Pinochet. Mediante esta modificación, os ex-presidentes da República que actúen coma senadores vitalicios poderán renunciar ao seu cargo, sen que por isto perdan a súa inmunidade parlamentaria e as 670.000 pta de soldo mensual.

As forzas parlamentarias pretenden non ter que pasar pola vergonza internacional de ver ao incapacitado dictador recuperarse para pasear polos corredores e profanar o santuario da institución parlamentaria ou sentarse nun escano usurpado á representación popular. Tamén, desexan non reabrir vellas feridas sen cicatrizar. As 57 querelas criminais que se acumulan no despacho do xuíz Juan Guzmán terán que superar, a barreira da inmunidade con ou sen Pinochet no Senado.

O país andino xa non está tan crispado coma hai un ano. Serenamente, desexa non repetir a fractura vivida. Segundo o Centro de Estudios da Realidade Contemporánea (CERC), o 71% apoia as decisións da xustiza contra das forzas armadas que participaron na violación dos dereitos humanos.

A sociedade chilena estaría disposta a pasar esta páxina da súa historia. Os familiares das víctimas e dos desaparecidos preferirían arrancala dun golpe ou quizais, mellor, desexarían que nunca se tivese escrito.