20041123ukraine kiev

Pintan cores en Ucraína

 Clic para aumentar
A pregunta clave é se Rusia estaría disposta a mobilizarse en apoio de Yanukovich se as autoridades de Kiev non son quen de controlar a crise declarando o estado de emerxencia en todo o país. O expediente de Putin é ben coñecido e a man non lle tremería dabondo. O presidente Kuchma, cunhas mencións inquietantes á necesidade de evitar a ruína do país, non dubida por escrúpulos democráticos senón pola falla de certeza en canto á lealdade das tropas que debería mobilizar. A derrota da oposición no intento de derrube do goberno por vía parlamentaria obriga a radicalizar as súas mobilizacións fóra dos canais lexítimos. As distancias agrándanse.
 

Entre tanto laranxa e amarelo, se diría que a crise de Ucraína non camiña polo fío da navalla. Ata agora, todas as partes, dentro e fóra (que tamén as hai e ben notorias e interesadas) veñen exaltando a madureza dunha sociedade que, en conxunto, expresa as súas opinións de forma pacífica, e duns líderes que, ao optaren pola negociación, evitan o escenario peor, o do recurso á forza. Non obstante, a medida que pasa o tempo, tamén se van queimando as diferentes opcións baralladas por unhas partes cada vez máis intransixentes e as apostas por alternativas situadas fóra do sistema institucional vixente abren o camiño dun enfrontamento inevitábel. A crise xa dura de máis.

Se a lei electoral ucraína non contempla unha terceira volta electoral, a Corte Suprema, deliberando aínda por varios días, ten difícil a xustificación da repetición da segunda volta. Se anula os comicios, habería que repetir todo o proceso, pero sen que os candidatos agora en liza poidan presentarse de novo. A oposición, por outra banda, rexeita a hipótese dunha anulación parcial coa repetición só naqueles distritos onde se constata a existencia de fraude (Donetsk e Luhansk, polo momento). A opción de intercalar unha reforma lexislativa para dar cobertura ao que politicamente semella máis razoábel, implicaría unha demora que a oposición tampouco pode aceptar, temerosa das estratexias que permiten gañar tempo ao oficialismo. O xeneral inverno está enriba e con temperaturas de menos dez ou menos vinte graos resulta imposíbel manter a xente nas rúas.

Así as cousas, se as partes son incapaces de atopar unha saída e se o inverno non se demora facilitando que milleiros de persoas continúen a bloquear as institucións, a demanda de respecto pola legalidade xurídica e constitucional do país gañará peso cada día que pasa sen solución pacífica á vista. E de aí a decretar o estado de excepción hai só un pequeno paso. Segundo recollía este luns o diario moscovita Kommersant, 800 membros das forzas especiais rusas levan unha semana en territorio ucraíno, informacións negadas polas autoridades militares rusas, que descartan asesoramento a Kiev. A hipótese dunha saída militar foi descartada o día anterior polo Consello de seguridade nacional e de defensa, quen apostou polo diálogo, a invalidez de todas as decisións ilegais dos poderes rexionais e a fin do bloqueo dos edificios públicos.

A pregunta clave é se Rusia estaría disposta a mobilizarse en apoio de Yanukovich se as autoridades de Kiev non son quen de controlar a crise declarando o estado de emerxencia en todo o país. O expediente de Putin é ben coñecido e a man non lle tremería dabondo. O presidente Kuchma, cunhas mencións inquietantes á necesidade de evitar a ruína do país, non dubida por escrúpulos democráticos senón pola falla de certeza en canto á lealdade das tropas que debería mobilizar. A derrota da oposición no intento de derrube do goberno por vía parlamentaria obriga a radicalizar as súas mobilizacións fóra dos canais lexítimos. As distancias agrándanse.

Non parece que ningún dos dous candidatos mereza ningún respaldo cos ollos pechados. Por suposto que non o oficial, responsábel do escurantismo e cómplice da represión desatada por Kuchma nos últimos anos. Pero tampouco inspira demasiada confianza Yushenko, que non augura grandes cambios significativos, mais que o de situar o vagón ucraíno noutra dirección. Nin os padriños dun (a Rusia de Putin) nin esta Unión Europea que só parece atreverse cando lle interesa e cos que son menos ca ela, son merecedores de especial estima. En Belgrado, en Xeorxia, etc, gobernarán os testaferros de quen sexa, pero para a xente común nada cambia a mellor e deles nunca máis se volve a falar. En fin, que a nauseocracia avanza con paso imparábel e veloz.