![]() | |
Os asinantes da Declaración se comprometeron a traballar conxuntamente nun conxunto de obxectivos concretos, con prazos determinados para o seu cumprimento, encamiñados a combater a pobreza, a fame, a enfermidade, o analfabetismo, a degradación do medio ambiente e a discriminación contra a muller, e que se coñecen como "Obxectivos de Desenvolvemento do Milenio". (Foto: Vista da Asemblea Xeral da ONU, 24/10/2003). | |
A carga simbólica do cambio de século fixo do ano 2000 un momento único para que os Estados membros de Nacións Unidas afirmaran unha visión renovada da organización, cuns obxectivos adaptados aos desafíos e realidades da nova era. A Asemblea das Nacións Unidas dedicada ao Milenio estivo precedida do Foro do Milenio "Nós os Pobos", unha iniciativa impulsada por organizacións da sociedade civil que se celebrou en Nova York en maio de 2000. A Declaración Final e o Plan de Acción do Foro presentouse como un documento oficial da Asemblea Xeral.
O Cumio do Milenio reuníase en setembro de 2000, unha oportunidade histórica para chegar a un acordo sobre un proceso de revisión profunda do papel de Nacións Unidas e dos retos aos que se enfronta a organización no novo século. Froito dese encontro é a Declaración do Milenio das Nacións Unidas, adoptada por 147 xefes de Estado e 191 nacións. A Declaración establece a axenda global para o inicio do século XXI. Nela se definen os valores, temas e obxectivos, algúns específicos e cun prazo para a súa consecución, que han de guiar a actividade diaria da ONU e os seus programas, de maneira que a mundialización se converta nunha forza positiva para todos os habitantes do planeta.
A través da Declaración, os xefes de Estado e de Goberno consideran que os valores esenciais para as relacións internacionais do século XXI son a liberdade, a igualdade, a solidariedade, a tolerancia, o respecto á natureza e a responsabilidade común. Para traducir estes valores comúns en accións, os representantes estatais formulan unha serie de obxectivos clave, moitos deles suxeridos de forma tal que poida facilitarse a avaliación do seu cumprimento. Os obxectivos xerais son conseguir a paz, a seguridade e o desarme, o desenvolvemento, a erradicación da pobreza, a protección do medio ambiente, o respecto aos dereitos humanos e as liberdades fundamentais, a democracia e o bo goberno, a protección das persoas vulnerábeis, a atención ás necesidades especiais de África e o fortalecemento das Nacións Unidas.
Ademais, os asinantes da Declaración se comprometeron a traballar conxuntamente nun conxunto de obxectivos concretos, con prazos determinados para o seu cumprimento, encamiñados a combater a pobreza, a fame, a enfermidade, o analfabetismo, a degradación do medio ambiente e a discriminación contra a muller, e que se coñecen como "Obxectivos de Desenvolvemento do Milenio".
Concordando, naturalmente, con toda esta filosofía que nos radiografía cabalmente as miserias do mundo en que vivimos, un non sabe qué pensar, se os líderes mundiais entran en Nacións Unidas coma nunha especie de burbulla cunha substancia tóxica humanizadora que esperta neles as bondades mais elementais e solidarias, ou se o primeiro obxectivo de Nacións Unidas debería ser a erradicación do cinismo e a hipocrisía nas relacións internacionais.
Os obxectivos do Milenio só son asumíbeis se os países ricos se comprometen na súa consecución e apostan pola creación de estructuras económicas que repartan mellor as riquezas do planeta. Sobran fórmulas, pero escasean as vontades. Salvo no planeta ONU.