Os poderosos brazos que manexou Vladimiro Montesinos se prolongaban axilmente polas institucións máis importantes do país. Poucos poderes funcionaban autonomamente sen a supervisión e directrices do asesor de Alberto Fujimori, mais dende a súa volta a Perú a herba ségase cada vez máis a rentes dos pes do outrora poderosísimo doutor arraglalotodo. No exército, na xustiza, nos medios de comunicación estase a podar, sen pausa, os tentáculos que impedían a volta da democracia.
Nada se resistía ao poder de Montesinos. Na CIA a confianza no xefe, sen cargo orgánico do SIN (Servicio de Intelixencia Nacional), era absoluta. Calquera atranco diplomático, económico, militar, nas relacións exteriores… era resolto con impecable eficacia, ata o punto de gañarse o alcume de doutor arreglalotodo.
Pero os tempos mudan unha barbaridade. Tivo a oportunidade de fuxir da queima, e despreciouna, cando toda a pesada diplomacia do continente empurrou para sacalo do país e buscarlle acomodo transitorio no Panamá. Non se sabe se en pago polos servicios prestados na loita contra das guerrillas ou como medida e prudente opción co fin de apartalo dos malignos tumores de contrapoder antidemocrático que alimentaba.
Coa súa desafiante volta, pretendeu maniatar a transición e provocou, pola contra, unha reactivación acelerada no camiño de retorno a democracia. A Mesa para Diálogo que baixo a mediación da OEA estaba atrancada en busca dun consenso que parecía imposíbel, axiña acadou unha data para as eleccións da transición á democracia, no 8 de abril. A pretensión, das cúpulas militares implicadas na guerra sucia contra da subversión, de impor unha lei de amnistía e punto final, baixo ameaza de golpe de estado, veuse rebaixada finalmente a unha inconcreta Lei de Reconciliación, sen ruídos de sables perceptibles.
A intocable promoción do 66, a mesma do ex-capitán Vladimiro Montesinos, que estaba colocada caprichosamente nas máis altas instancias do poder militar, foi apalpada e removida con publicidade, sen marmullos de protesta coñecidos. Mesmo o fiel cuñadísimo de Montesinos, Luís Cubas, foi relevado das súas responsabilidades ao mando da II Rexión Militar.
A poda nos ramificados tentáculos de Montesinos, non se detivo nos estamentos militares. A Fiscal Xeral do Estado Blanca Nélida Colán que sempre amortezou e devolveu contra os damnificados denunciantes, cada golpe dirixido no estamento xudicial cara a Montesinos, por vulneración de dereitos, corrupción, fuga de divisas, narcotráfico, lavado de diñeiro… ven de tirar a toalla ante tanto dedo que a sinala coma cómplice dun período de corrupción, para deixar paso a unha persoa de recoñecida independencia xudicial.
Ata os privilexiados axentes do SIN, os mimados ositos do ex-asesor, ven como se lles esfuma a paga extra de 350 soles que percibían polas súas especiais funcións e se enguedellan nunha guerra dialéctica cos antigos irmáns do SIE (Servicio de Intelixencia do Exército), quen saíron reforzados da actual axitación.
Os signos que prometen unha primavera democrática non cesan de amorearse. O crítico empresario Baruch Ivcher poderá recuperar en breve a súa emisora televisiva Frecuencia Latina- Canal 2, da que foi turbulentamente desposuído por atrevese a ser mordaz co vello réxime. A ONPE (Oficina Nacional de Procesos Electorais) na que se coceron os máis pestilentes pucheirazos nas últimas consultas electorais, vai ser remodelada e supervisada polas forzas democráticas.
Tantas evidencias aínda non tranquilizan a un Perú que leva metido o medo no corpo e que teme a rexeneración dos tentáculos seccionados por outros novos que rematen por desempeñar as mesmas funcións. Quizais por iso non lles abonde a poda selectiva das súas podres ramificacións e agarden con impaciente sede de xustiza a caída da cabeza do debilitado monstro : o apresamento de Montesinos.
No Perú nada vai ser xa como antes e aínda que ao final así sexa, entón terá que ser con novos personaxes.