¿Pode Iraq evitar a guerra?

Se Washington está decidido a destruír a Sadam, Iraq non pode escapar da guerra, sen importar canto coopere cos inspectores de Nacións Unidas. Coido que esta é unha afirmación bastante compartida por unha ampla maioría da opinión pública, a xulgar polas declaracións de Bush e os preparativos bélicos da Administración norteamericana. A aceptación da resolución 1441 da ONU por parte de Bagdad conseguiu deter, polo momento, a segunda Guerra do Golfo. A implementación xusta e integral desta resolución, que esixe unha fonda e efectiva cooperación do goberno iraquí, determinarán que esta oportunidade se aproveite ou non.

Iraq nega e renega a producción e posesión de novas armas bilóxicas, químicas e atómicas. Na inspección dos 300 expertos de Nacións Unidas pode estar a clave. Afortunadamente, proceden de máis de 40 países, incluíndo a 27 estadounidenses, 25 franceses, 22 rusos e algúns orixinarios dos países árabes. Hans Blix e Mohamed El Baradei, director da AIEA, comandan o dispositivo.

Despois de 1991, en sete anos, máis de 200 grupos de inspección realizaron unhas 400 revisións por todo o país, aínda que moitas veces con numerosos conflictos coas autoridades que motivaron a interrupción do proceso. Pero non parece ser o caso de agora: a actitude do goberno iraquí é cooperadora. Para evitar a guerra, Bagdad debe evitar que Estados Unidos atope algunha excusa para acusalo de violar a resolución 1441. Aceptou o mandato, emitiu o informe detallado e amosa disposición para proporcionar aos inspectores "acceso sen obstáculos, sen condicións e sen restriccións a todas as áreas, incluíndo calquera das instalacións, construccións, equipos, rexistros e medios de transporte, nos que os inspectores queiran investigar, así como contactos privados sen impedimentos e sen restriccións con calquera dos funcionarios e persoas cos que os inspectores desexen entrevistarse dentro ou fóra de Iraq". Ante tan rigurosos termos, Bagdad deberá deixar de lado a dignidade nacional e permitir que o grupo de inspección escudriñe o país de punta a cabo.

En teoría, se non se atopan armas de destrucción masiva en parte ningunha do seu territorio, o grupo de inspección pode presentar un informe ao Consello de Seguridade, demostrando que non existe tal ameaza, ben porque nunca existiu ou porque as armas deste tipo foron destruídas. O lóxico sería entón non soamente o cese dos preparativos bélicos senón tamén o inmediato levantamento das sancións impostas ao país durante os últimos doce anos e que tan duramente castigan á poboación civil.

Pero ¿podemos excluír a ameaza de guerra aínda que Iraq cumpla por completo coas condicións da resolución 1441? En absoluto. Hai quen pensa que esta non é unha guerra na que poden morrer milleiros de persoas senón na que se poden gañar moitos centos de millóns de dólares. Estados Unidos e Gran Bretaña poden utilizar as rigurosas condicións da resolución para provocar unha crise, acusando a Iraq de violar o mandato se os seus avións de guerra son atacados por forzas terrestres nas zonas de exclusión aérea, ou incluso se hai un embotellamento de tráfico no camiño cara os sitios de inspección.

I é que son dous os combates a librar: liquidar o belicismo de Sadam e conter o unilateralismo estadounidense.