Realidade ou desexo, pero semella que algo se move na sociedade americana. Deica os últimos tempos, por non dicir que os últimos meses, nada se movía nesa sociedade, como se aceptase a arrogancia de Bush mentres se consagraba, el e os seus compañeiros do Goberno, a dinamitar as institucións democráticas, a invadir eidos dos outros poderes e a prescindir de canto se opoña aos seus fins e obxectivos persoais.
Percíbense movementos ben dispares: arredor dun 53 por 100 da sociedade quere que gañen os demócratas as eleccións do mes que vén. E, ademais, o apoio que a sociedade dispensa a Bush, que veu baixando dende hai meses, non pasa do trinta e tres por cento, o máis baixo, dísenos, que obtivo ningún outro presidente. E, á par, foros, comunicados, anuncios pagados nos medios, alertan de que a democracia está en perigo.
Para o pasado día 5 deste mes foron convocadas manifestacións en máis de 175 cidades baixo o lema: "O mundo non pode esperar; fóra o réxime de Bush", en protesta polas políticas criminais deste e pedindo tamén a súa destitución. "Se perdemos esta loita, perderemos a democracia" "dixo Bill Goodman, director legal do Centro de Dereitos Constitucionais. "Bush e compañía "engadiu" están dispostos a destruír a nosa Constitución e a nosa Carta de Dereitos; non podemos permitir que o consigan".
Os intelectuais máis prestixiosos do país manifestáronse contra a política do presidente coa finalidade expresa de "sacar a Bush do poder". "O silencio e o parálise "din" non son aceptables… o desastroso decorrer deste réxime de Bush ten que ser detido. E temos que asumir a responsabilidade para facelo". A urxencia está presente en todas as mensaxes. A actriz Olympia Dukakis, por exemplo, nun manifesto que subscriben as xentes máis diversas, di: "Temos que actuar agora; o futuro está en xogo".
Confiamos que o Partido Demócrata, que consentiu e foi cómplice da política neonazi de Bush, e sabendo que unha porcentaxe moi significativa da sociedade quere que volvan ao poder, faga agora verdadeira oposición, que saiba recoller o espírito dese movemento que parece estar agromando no país a prol dos valores democráticos e o libere da ameza fascista, unha ameza real e non retórica, que supón Bush e o seus adláteres "para o seu país e para o mundo.