20090109 washington barack obama

Poderá Obama?

 Barack Obama; clic para aumentar
Será capaz Obama de tranformar tanto poder de agresión, tanto énfase na primacía da forza, nunha enerxía virada para a diplomacia e comprometida co multilaterialismo e a multipolaridade? Numerosos e poderosos lobbies, dende o sector petroleiro ata o do armamento, tratarán de limitar os cambios que están no cerne desa mutación insinuada por Obama e que pon o acento no fomento do chamado "poder brando".
 

Yes, we can!, anunciou urbi et orbe Barack Obama durante a súa longa campaña electoral. Ese "podemos" referiase esencialmente á capacidade para mudar a política do país, incluída a súa política exterior. Ese cambio, de producirse, virá en calquera caso limitado e condicionado por outra premisa esencial da súa política: a restauración do liderado de EEUU no mundo, é dicir, que o cambio ten como leit motiv esencial a salvargada dos intereses americanos. Cabe imaxinar, pois, que os hipotéticos cambios afectarán máis ás formas que aos contidos, se ben as fronteiras entre unhas e outras aventuran permeabilidades, para ben e para mal, difíciles de evitar.

A primeira vista, o equipo presidencial, con presenza de numerosas caras do pasado, algunhas mesmo da Administración Bush, sitúa o optimismo en cuarentena e á expectativa. Mesmo no eido da política exterior hai quen falou xa de "equipo de rivais", cun primeiro reto cifrado en facer prevalecer as coincidencias sobre os desacordos. Será capaz Obama de tranformar tanto poder de agresión, tanto énfase na primacía da forza, nunha enerxía virada para a diplomacia e comprometida co multilaterialismo e a multipolaridade? Numerosos e poderosos lobbies, dende o sector petroleiro ata o do armamento, tratarán de limitar os cambios que están no cerne desa mutación insinuada por Obama e que pon o acento no fomento do chamado "poder brando".

Pero os datos son escalofriantes: o orzamento militar de EEUU representa o 4% do PIB e máis do 20% do gasto público. Se hai unha década o gasto militar estadounidense representaba o 40% dos gastos militares mundiais, hoxe equivale ao 55%. Segundo as estimacións do nobel de Economía Joseph Stiglitz, soamente a guerra de Iraq pode custarlle a Washington uns 3 billóns de dólares, (a II Guerra Mundial custou uns 5 billóns de dólares de hoxe). Ese nivel de gasto é insostible en tempos de crise económica como a actual e incompatible co compromiso de Obama de apostar polo incremento do gasto social (especialmente en saúde e educación), o que obrigará a reaxustar o gasto público.

Ademais das frontes internas, Iraq, Oriente Medio, Afganistán, son as grandes prioridades da súa política. Será capaz Obama de aplicar medidas non exclusivamente militares, senón políticas, para respostar a ameazas non convencionais e encarar, con imaxinación, conflitos onde a vitoria militar tense revelado practicamente imposible?

En Europa, as relacións con Rusia e o futuro do escudo antimísiles esixen a formulación dunha nova política de cooperación, na que a UE podería contar con certa marxe de influencia se logra aproveitar a oportunidade e recuperar certo dinamismo. Esa nova estratexia esixe frear o alargamento da OTAN e a apertura do diálogo político con Irán que coa súa iniciativa nuclear proporcionou o argumento para xustificar a aposta por novos programas de armamento disfrazados como defensivos. A relación con Israel, que desatando a guerra total en Gaza suxire unha rotunda negativa a secundar calquera reconsideración estratéxica da política para a rexión, será un dos seus maiores quebradeiros de cabeza.