Foi un 24 de agosto de hai dez anos cando a Dieta (Parlamento) elixiu a Tadeusz Mazowiecki primeiro ministro de Polonia. Un feito normal na vida política de calquer Estado pero que neste caso conlevaba toda unha revolución. Por primeira vez dende a fin da segunda guerra mundial un "disidente" accedía á xefatura do goberno nun país do bloque soviético. Mentres outros líderes de Europa oriental non daban creto ó sucedido e mesmo algúns facían plans para invadir Varsovia, o xeneral Jaruzelski, máximo dirixente do POUP e do Estado, felicitaba ó novo primeiro ministro, un socialcristián que militaba na oposición. Polonia daba enterramento á "doutrina Breznev" da soberanía limitada e adentrábase na procura dun camiño propio para resolver os seus problemas. Dende dentro do propio POUP, Gomulka, axexado moi de preto por Jruschev, intentarao sen éxito a finais dos anos cincuenta, pero agora Gorbachov prometía ós dirixentes polacos non interferir na súa elección.
Pioneira na demolición daquel sistema soviético que en nome do socialismo lexitimaba a ausencia de democracia real e de liberdades, Polonia tamén probou axiña a amargura das desigualdades e tensións xeradas pola idealizada economía de mercado. Sería ese mesmo mercado quen conduciría á quebra e peche definitivo ós míticos asteleiros de Gdansk onde en 1980 prendera a mecha da rebelión. Porque, en Polonia, aínda que tamén os houbo e moi importantes (Schaff, Kuron, Modzelewski, Kolakowski, Gemerek, etc) non foron pequenos grupos de intelectuais os principais protagonistas. Quen vilipendiaba e daba as costas ó sistema eran os propios obreiros, o suxeito histórico a redimir, que da man de Walesa e do seu confesor, o antisemita Jankowski, reivindicaban unha nova cruzada contra o comunismo e a prol do capitalismo e do catolicismo: "Fieis a Deus e a Solidarnosc" era o seu slogan, e as manifestacións eran case procesións. Ata facían milagres: o electricista Walesa convertía a Ronald Reagan nun devoto amigo dos sindicalistas…
Aquel "socialismo real" pouco tiña que ver cos principios descritos nas enciclopedias marxistas. No plano económico era ineficaz; no político, inviabilizaba a participación social; no cultural, establecía importantes trabas á creación intelectual. Nada tiña que ver co prometido. Ben estivo que a verdade aflorase e que a esquerda social teña agora a posibilidade de emancipar o seu pensamento e vertebrar novas alternativas para atopar ese novo equilibrio entre xustiza e liberdade, para construir un mundo máis solidario sen necesidade de sacrificar nin unha cousa nin outra.
Cando chegue novembro, mil e unha cerimonias lembrarán a caída do muro de Berlín. Certamente ese feito evidenciou mellor ca ningún outro a fin da Europa dual que dicía Raymond Aron, pero sen a contribución polaca non se retirarían as alambradas húngaras e probablemente aquel muro tardaría máis en cair. Por iso, Polonia merece ser lembrada.