Pontevedra, capital dos estudos internacionais

O congreso que Pontevedra acollerá os días 28 e 29 de xuño, arredor dos estudos internacionais, é o primeiro do seu xénero en Galicia. A elección de Pontevedra como sede garda relación con dous feitos significativos. Primeiro, a forte conexión da cidade con aquel galeguismo universalista do século pasado que enxergou a demanda dunha Galicia universal, dona de seu pero aberta ao mundo. Segundo, a proxección global da cidade no tempo presente como expresión dunha internacionalización que ten no poder local unha das súas ponlas mais dinámicas. O congreso coincidirá tamén co oitenta aniversario do referendo do noso primeiro estatuto de autonomía. Non é un feito casual. O autogoberno e a universalización, pensan os organizadores, deben ir da man.

Liñas de investigación Paradiplomacia
Apartados xeográficos Acción exterior de Galicia
Idiomas Galego

O congreso que Pontevedra acollerá os días 28 e 29 de xuño, arredor dos estudos internacionais, é o primeiro do seu xénero en Galicia. A elección de Pontevedra como sede garda relación con dous feitos significativos. Primeiro, a forte conexión da cidade con aquel galeguismo universalista do século pasado que enxergou a demanda dunha Galicia universal, dona de seu pero aberta ao mundo. Segundo, a proxección global da cidade no tempo presente como expresión dunha internacionalización que ten no poder local unha das súas ponlas mais dinámicas. O congreso coincidirá tamén co oitenta aniversario do referendo do noso primeiro estatuto de autonomía. Non é un feito casual. O autogoberno e a universalización, pensan os organizadores, deben ir da man.

O programa desta iniciativa quer reflexionar sobre as dimensións institucional, económico-empresarial, cívica e cultural en relación á internacionalización, as capacidades e instrumentos con que contamos, o balance destas últimas décadas, as estratexias de futuro, etc. Dende unha perspectiva plural, aberta a todas as sensibilidades e transversalidades, quixera servir de plataforma para unha posta en común, para unha alianza ambiciosa capaz de marcar un punto de inflexión no xeito en que Galicia encara o reto exterior.

As cidades, como as universidades ou os think tanks, teñen un papel importante a desenvolver no eido da internacionalización. Como expresión da diplomacia pública, correspóndelles unha importante misión na revolución do propio concepto de acción exterior, que en modo algún pode quedar circunscrito a un modelo estatocéntrico que está periclitado. A incorporación de novos actores e as súas bagaxes á presenza global é unha manifestación mais da democratización dunha política pública ata hai pouco condicionada por un elitismo e exclusivismo de nulo percorrido hoxendía.

No novo escenario internacional, autonomías como a nosa poden ofrecer un paradigma alternativo de gobernanza pública que asume a vontade do sistema territorial no seu conxunto de contribuír  á participación social  e á plasmación de consensos para a planificación e o desenvolvemento da acción exterior. Neste escenario aberto, aproveitan máis as oportunidades aqueles que chegan a identificar mais proactivamente as claves do tempo que vivimos.