Pontevedra no Mundo

O recoñecemento internacional contribúe a poñer en valor as nosas propias accións. A participación internacional é unha obriga en calquera política pública que se prece no mundo de hoxe, tanto para achegar o valor da nosa experiencia como para enriquecela a partires dos inputs que os demais nos achegan. E como toda ela debe ser obxecto de transparencia e fiscalización, non co ánimo de entrabala ni para desautorizala, senón para mellorala. E, nese sentido, debera ser obxecto do maior nivel de consenso cívico –non só institucional- posible. Ese consenso debe ser a pedra angular dunha estratexia integral que visibilice os intereses da cidade no mundo e afirme un liderado institucional proactivo que poña en valor o conxunto dos nosos recursos.

Liñas de investigación Paradiplomacia
Apartados xeográficos Acción exterior de Galicia
Idiomas Galego

O recoñecemento internacional contribúe a poñer en valor as nosas propias accións. A participación internacional é unha obriga en calquera política pública que se prece no mundo de hoxe, tanto para achegar o valor da nosa experiencia como para enriquecela a partires dos inputs que os demais nos achegan. E como toda ela debe ser obxecto de transparencia e fiscalización, non co ánimo de entrabala ni para desautorizala, senón para mellorala. E, nese sentido, debera ser obxecto do maior nivel de consenso cívico –non só institucional- posible. Ese consenso debe ser a pedra angular dunha estratexia integral que visibilice os intereses da cidade no mundo e afirme un liderado institucional proactivo que poña en valor o conxunto dos nosos recursos.

A cidade pode e debe ser un motor máis da internacionalización, unha palabra que leva anos en boca de todos pero que non sempre se ve acompañada de políticas coherentes. A cidade, como expresión de moitos sectores (empresariais, educativos, sociais…),  debe facer por acompañalos fornecéndolles un apoio consistente, un paraugas institucional que dea sentido a todo o capital relacional no noso haber (e que compre identificar, tanto dentro como fóra da cidade), e establecer sinerxías que poidan beneficiar ao conxunto, tanto en clave local como en clave galega, facilitando a posta en común dos axentes empresariais, o sector da investigación e outros actores.

O determinante para o éxito é dar o salto da anécdota á constancia, da sorpresa á estratexia. Sen perseveranza nin estratexia, os froitos serán sempre parciais ou malograranse. Compre comezar por un inventario de actores, unha identificación de oportunidades, a definición de liñas de acción compartidas e sectoriais... Pode haber  instrumentos á nosa disposición que non manexamos debidamente e outros produto das nosas circunstancias específicas que debemos crear para significar o noso marco diferencial. É entón cando a suma de activos achega competitividade, suma perspectiva e beneficia ao conxunto.

Pontevedra ten potencial abondo e vive un tempo único. O recoñecemento que está a obter polo modelo de cidade, sen prexuízo de melloralo permanentemente, brinda unha gran oportunidade para, apoiándose nel, gañar en ambición para arrastrar ao conxunto das expresións que a habitan, propiciando unha evolución acorde co momento do entorno socioeconómico.

A xeración de confianza e de complicidades fomentando o traballo en rede e a participación ofrece un horizonte de cultura cívica, institucional e empresarial que permite ganar competencia estratéxica, un valor cualitativo substancial que moitos quixeran para si. Para unha comunidade pequena e cun tecido con límites ben definidos, unha inserción internacional eficaz constitúe unha garantía de futuro. Non por ser “menos” podemos facer menos ou imos ter necesariamente máis dificultades. Hai que saberse mover. Quen saiba aprecialo a tempo ten moito ganado. Temos as bases, transformémolas nunha nova cultura democrática de xestión en consonancia coas experiencias mais avanzadas a nivel global.

Abordar esta política pública con frivolidade e intentando facer dela “política pequena” desacreditando o investimento ou equiparándoo a desbalde sen matices é un fraco favor que só consegue tirar pedras sobre o noso propio tellado. O que cómpre é formulala con profesionalidade e rigor apoiándose nun pacto amplo que sosteña adecuadamente ambos os dous criterios. O mundo en por si non vai resolver os nosos problemas como por arte de maxia pero estar no mundo axuda a identificar as mellores oportunidades e solucións para resolvelos.