Nese novo "aqui me planto" de Bagdad hai aspectos que merecen reflexión. Non é admisible que a unha operación de desarme, vixiancia e verificación (UNSCOM), en funcionamento dende hai oito anos, non se lle albisque un final; nin tampouco se pode negar que a principal víctima das sancións internacionais é a propia poboación civil, e non o dictador e o seu cortexo. É inmoral baterse con Sadam Hussein sen importar o padecemento dos propios cidadáns iraquianos.
As ameazas de Estados Unidos, asumindo unha representación da comunidade internacional a todas luces discutible, nin debilitarán o réxime de Sadam, nin favorecen a estabilidade en Oriente Medio, nin benefician a credibilidade de Nacións Unidas. En definitiva, cómpre mudar de estratexia: sobran demostracións bélicas e urxen novas ideas para establecer un ponto e final a un conflicto que dura demasiado.