20070402 varsovia tributo juan pablo ii

Populismo en Polonia

 Candeas en tributo a Juan Plablo II, clic para aumentar
En Polonia, o populismo é unha clave que se podería aplicar á práctica totalidade das formacións políticas. A demagoxia, o culto ao xefe, o anhelo dun poder forte, a convicción nacional-católica (e antieuropea, a pesar do tanto que reclama o Vaticano a inclusión dos seus valores na futura Constitución, se chega a habela) que abraza os valores máis tradicionais debuxan un cadro omnipresente, reforzado coa denuncia da corrupción e a nostalxia dun Estado que garantía as coberturas sociais básicas. (Foto: Varsovia, 02/04/2007. Milleiros de candeas acendidas como tributo no segundo aniversario da morte de Juan Plablo II).
 

Dende as eleccións lexislativas de setembro de 2005, Polonia vive un auxe imparable dos valores retrógrados e xenófobos. Non é un caso illado. Con máis ou menos forza, situacións similares poden apreciarse na maioría dos países da Europa do leste, Rusia incluída. Ata agora, rara era a formación que lograba subsistir máis dunha lexislatura e mais aínda que se reclamara unha hipotética participación en coalicións gobernamentais, pero Polonia está a definir un tempo diferente e a situación demográfica e a degradación económica e social fan temer un ascenso dun voto de protesta que se acomoda no extremismo e no populismo máis rancio.

A mestura de movementos neo-nazis e antisemitas cunha taxa de abstención importante en todo tipo de comicios viñan alertando hai tempo da profundidade do resentimento social que as elites políticas, dunha e doutra Europa, preocupadas por unha rápida homologación sistémica, non quixeron atallar. Hoxe deben afrontar un serio descrédito institucional como consecuencia desa letal combinación de defensa das orixes coa crispación de capas sociais marxinadas no novo sistema e para as que a propia UE non ofrece esperanza de futuro algunha.

En Polonia, o populismo é unha clave que se podería aplicar á práctica totalidade das formacións políticas. A demagoxia, o culto ao xefe, o anhelo dun poder forte, a convicción nacional-católica (e antieuropea, a pesar do tanto que reclama o Vaticano a inclusión dos seus valores na futura Constitución, se chega a habela) que abraza os valores máis tradicionais debuxan un cadro omnipresente, reforzado coa denuncia da corrupción e a nostalxia dun Estado que garantía as coberturas sociais básicas. Á excepción da Alianza da Esquerda Democrática, que tanto decepcionou no seu último mandato, ou da Plataforma Cívica, xa sexan formacións de centro, de dereita ou máis indefinidas, en todas elas poden identificarse con nitidez eses factores e son elas as que recollen o descontento suscitado pola virulencia das transformacións poscomunistas. O exemplo de Samoobrona, constituído en 1992, para defender aos campesiños fronte á terapia de shock, é paradigmático: tanto defende a familia como o traballo, ou a dignidade humana, a liberalización, ou combate o monetarismo e a privatización do sector público que deriva en desemprego e pobreza.

O medre da influencia do populismo vese favorecido pola existencia dun forte continxente de inadaptados que, paradoxalmente, tampouco representan os intereses nin o ideario do antigo aparato da Polonia comunista (asociada á Alianza da Esquerda Democrática). Iso explica que poucos se opoñan ao avance da política de lustración ou descomunización impulsada polos Kaczynski ou a complicidade, máis ou menos entusiasmada, co discurso relixioso extremista. A exaltación de valores tradicionais ou a busca de explicacións históricas baseadas na teoría do complot teñen eco nunha sociedade vulnerable que é consciente dunha decadencia asociada ás transformacións recentes e a propia adhesión á UE, como pouco, mal negociada. A sucesión de discursos hostís ao control da natalidade, de expulsión da muller do mercado laboral "na casa e coidando dos fillos", a consideración de enfermidade de toda práctica sexual non "correcta", etc, son fáciles de exacerbar en medio de tanta frustración, atizada por curas e medios de comunicación (Radio Maryja ou Tlewizja Trwam) devotos da intolerancia.