O 2001 foi un mal ano para a economía portuguesa. O incrible crecemento experimentado nas dúas últimas décadas sufriu un pequeno parón semellante ó da maioría dos países europeos. Sen embargo, o caso portugués destaca polas enormes repercusións políticas que orixinou.
Durante o último ano e medio notouse en Portugal un lixeiro incremento do déficit público que levou ás autoridades comunitarias a advertiren do perigo, aínda bastante lonxano, que iso supón. Para consolo, incluso a todopoderosa Alemaña ten que escoitar advertencias semellantes sobre os seus orzamentos. Pero se ben a nivel internacional as miradas desviáronse cara á locomotora europea, o pequeno baixón económico sí que foi aireado abondosamente no interior de Portugal, tanto polo centro-dereita coma polos medios de comunicación. As constantes críticas deron lugar á inestabilidade política que desembocou na debacle do partido socialista, primeiro nas pasadas eleccións locais e logo nas precipitadamente convocadas eleccións xeráis de marzo. Resultan cando menos curiosas semellantes repercusións electorais tendo en conta o constante incremento dos salarios (moi por riba do incremento da productividade) así como a existencia dun desemprego mínimo de tan só o 4 por cento (cifra unicamente mellorada na Unión Europea por Luxemburgo e Holanda).
A situación actual de déficit parece estar orixinada polo enorme estimulo público introducido de cara á integración no Euro. Os mencionados incrementos salariais provocaron un exceso de crecemento da demanda interna, imposible de satisfacer coa producción nacional e que orixinou á súa vez os constantes déficit da balanza comercial portuguesa na última década. As recomendacións tanto da Comisión Europea como do FMI, en cadanseus documentos sobre a economía portuguesa publicados a finais de abril, sinalan a necesidade dunha moderación salarial, principalmente no sector público. E nese senso móvense as iniciativas do executivo.
O novo Governo apresurouse a elaborar un Plan de Estabilidade acompañado da aprobación, o pasado 15 de maio, da Alteraçao à Lei do Orçamento do Estado para 2002. Entre as medidas adoptadas polo executivo atópanse a conxelación das "partidas non prioritarias" (preto do 0.5 por cento do PIB, segundo a Lei), a suspensión de subsidios para a adquisición de vivenda ou a conxelación das contratacións de funcionarios. Tamén se anunciaron novas formas de vixilancia contra a evasión fiscal.
Curiosamente, se en algo se contivo durante o último ano o déficit comercial portugués foi precisamente gracias ó turismo, ó que non pareceu afectar o tan trillado efecto 11-S. Se ben as entradas de turistas en Portugal disminuiron no transcurso do último ano (no periodo xaneiro-xuño de 2001 reducíranse nun 4.5 por cento respecto do mesmo periodo de 2000) os ingresos totais por turismo continuaron crecendo exactamente ó mesmo ritmo que antes dos atentados. Apenas se notou un breve descenso dos ingresos do 1.8 por cento nos dous primeiros meses deste ano con respecto ó ano pasado e que se recuperaría notablemente en marzo e abril. A importancia de semellantes datos non é pouca xa que o sector turístico é un dos motores da economía portuguesa, contribuindo nun 8 por cento á formación do PIB e dando traballo ó 6 por cento da poboación activa.