A crise política orixinada no noso país veciño por mor dos resultados das eleccións municipais abre un escenario de reflexión importante no seo da esquerda portuguesa. O trunfo de Durâo Barroso explicase non tanto por méritos propios como polas insuficiencias do discurso político do Partido Socialista. Nin os propios militantes e seguidores do Partido Social Democrata agardaban uns datos tan óptimos, medrando á dereita e á esquerda, rebaixando o electorado progresista pero tamén, e non menos importante, o voto do Partido Popular de Paulo Portas, reducido a unha expresión tan testemuñal que deixa unha seria incógnita sobre o seu futuro.
O estilo Guterres recolle hoxe todos os parabéns nunha despedida que lle honra pero menos gabanciosa na súa xestión á fronte do goberno e do Partido. Sabe demitir, sen dúbida, pero non soubo ilusionar. A pesar dos evidentes signos de recesión, non era a situación tan mala e complexa como para xustificar unha derrota tan ampla e contundente, nin no rival gañador se albiscaba unha mensaxe de cambio seguro e prometedor. ¿Donde está a clave da desfeita? Numerosas voces próximas viñan alertando dende hai tempo sobre o marasmo burocrático dunha acción de goberno carente de horizontes, sen pontes posibles para habilitar consensos con outras forzas que podían estar en condicións de contribuiren ao deseño e plasmación de políticas de progreso. Dificilmente poderá o Partido Socialista saír da actual crise sen afrontar un problema de identidade política que arrastra dende hai anos. Algunhas esperanzas se centran na figura de António Vitorino como recambio no liderato do Partido, pero o aparato parece apostar polo aínda número dous, Jorge Coelho, que simboliza o continuismo.
Pero ademáis a derrota do PS é unha derrota común que abre tempos difíciles para o conxunto da esquerda portuguesa. O emerxente Bloco de Esquerda de Miguel Portas freou en seco o seu ascenso e a coalición de Carlos Carvalhas experimentou tamén un serio retroceso mesmo nas posicións máis consolidadas do seu feudo alentejano tradicional donde colleitou o seu pior resultado de sempre, asegura Vital Moreira, ex-deputado do PCP e un dos fundadores daquel chamado "grupo dos seis" que iniciou un de tantos movementos de contestación á política tradicional do Partido do histórico Cunhal. Xa non é que a CDU, a coalición liderada polo PCP, non recollera desta vez o desencanto do PS senón que os desencantados do PCP votaron a un PS en franco desplome. Houbo un desprazamento global do electorado. Tamén Carvalhas debería tirar da derrota as debidas consecuencias e impulsar un debate interno e a fondo sobre o sentido dunha política de desmarque continuo do PS cada vez menos proveitosa para ninguén. Claro que deben mudar moitas cousas pero a ambos urxe propiciar un diálogo aberto e sen preconceitos como reivindica Eduardo Prado Coelho dende o Público, se queren volver a ter outra oportunidade, unha nova ocasión para afirmar unha forma diferente de gobernar, coherente cunha intersección posible das respectivas tradicións culturais e políticas.
Hai un novo ciclo político en marcha que non augura situacións seguras para ninguén. O propio Durâo Barroso, alén das limitacións dunha victoria inagardada e producto mais dun voto de castigo que da adhesión social ao seu programa, é consciente da consolidación da bicefalia no seu Partido, con ese trunfo espectacular de Pedro Santana Lopes en Lisboa. Toda unha oportunidade, en fin, para que todos se esforcen por recuperar unha credibilidade seriamente ferida, un empeño necesario e irrenunciable que polo seu calado desaconsellaría agora mesmo a convocatoria dunhas eleccións lexislativas antecipadas que no actual contexto ben pouco substancial poden aportar.