Portugal: no camiño da recuperación

Despois de ano e medio de aguda crise económica, Portugal parece que atopa o camiño da recuperación, e o seu PIB consegue datos positivos no primeiro trimestre do ano tras seis caídas consecutivas, debido principalmente ao aumento da inversión e o crecemento da demanda interna, sen olvidar, segundo a economista Teodora Cardoso, o impacto positivo da realización da "Eurocopa 2004".

O certo é que a crise que o país luso aínda atravesa vai máis alá dunha mera fluctuación da actividade económica semellante a outras que ocorreron no pasado, e detrás das cuais viña un novo período de recuperación e expansión. Esta crise é moito máis profunda e a súa orixe non se pode concretar nun só acontecemento, como son os atentados do 11-S de 2001 e o posterior aumento do crú de 2002, senón que é fruto de decisións internas tanto do sector público como privado e da dinámica internacional na que está inmersa a economía portuguesa.

Neste sentido, pode definirse esta situación como a primeira expresión da desadaptación das estructuras económicas e productivas portuguesas cara o proceso de integración europea. Trátase do primeiro gran choque sobre a economía lusa como consecuencia da moeda única e a recente entrada dos países do Leste.

Tendo en conta a posición portuguesa, non é fácil atopar as respostas para os problemas da súa economía. O que sí identificamos son dúas posibles actitudes para afrontalos: a primeira posibilidade sería esperar a evolución da economía europea e que ésta arrastre por inercia á economía portuguesa cara o crecemento e a converxencia cos países mellor posicionados. Esta é unha alternativa que pode permitir a recuperación pero que, nembargantes, non corrixe as deficiencias da economía lusa e anula toda capacidade endóxena de innovación e dinamización económica.

Por outra banda, unha segunda actitude estaría baseada nun papel máis activo dentro das posibilidades que ofrece a integración europea e a globalización. Sería a elaboración dunha estratexia que permitise a adaptación ás novas circunstancias da Unión, de tal forma que as empresas portuguesas conseguisen especilizarse en función das súas vantaxes comparativas.

O goberno de Durão Barroso optou por políticas de control sobre o gasto público para cumprir co Pacto de Estabilidade e esperar a recuperación internacional. Dende Lisboa leváronse a cabo medidas puntuais para obter máis ingresos como conxelar salarios, acabar coa contratación de funcionarios, recortar os gastos en políticas sociais, suspender a inversión, aumentar os impostos e vender patrimonio.

Ao contrario do esperado polos poderes públicos, a recuperación se está conseguindo polo aumento do consumo das familias e das empresas e non polo empuxón internacional, representado nun maior número de exportacións. No primeiro trimestre do ano, o consumo privado aumentou un 1.6%, e este incremento de consumo é o que fixo subir as importacións nun 5% frente ao 3’8% das exportacións.

Pese as cifras positivas, aínda non é posible coñecer o momento en que a mellora dos datos estatísticos convírtase en mellora apreciada polos cidadáns. De feito, o desemprego continúa a subir debido, en parte, as oportunidades abertas cara o Leste para algúns negocios baseados na man de obra barata, polo que hai moitas persoas que non van a atopar traballo.

Este feito constata unha opinión estendida entre moitos analistas que consideran agotado o modelo económico portugués, xa que a súa man de obra é demasiado cara para a súa baixa cualificación e productividade.

Se a isto lle sumamo-lo dato de que Portugal é o país que está peor posicionado de entre os antigos 15 da Unión Europea con respecto ao desenvolvemento humano, cabe pensar que, en lugar de obsesionarse coa reducción do gasto público e limitar o gasto en educación, sería mellor analizar as necesidades do país e gastar en función delas para solucionar as súas carencias, e pola contra restrinxir os gastos naqueles ámbitos que non inciden na mellora da situación a curto e a longo prazo.