A estratexia de promoción turística da República de Portugal na última década ven sendo un exemplo que, de seguro, pronto será estudado –e posteriormente imitado- por moitos países e competidores. Especialmente no derradeiro lustro, Portugal experimentou unha explosión brutal, que está permitindo ao sector liderar o crecemento do país do que falamos hai apenas unhas semanas neste mesmo foro.
A estratexia de promoción turística da República de Portugal na última década ven sendo un exemplo que, de seguro, pronto será estudado –e posteriormente imitado- por moitos países e competidores. Especialmente no derradeiro lustro, Portugal experimentou unha explosión brutal, que está permitindo ao sector liderar o crecemento do país do que falamos hai apenas unhas semanas neste mesmo foro.
Portugal acadou o pasado 2018 o seu récord histórico de 73,3 millóns de noites desfrutadas por turistas visitantes(1). Atinxindo, en termos absolutos, o posto número 11 das 27 economías que conforman a Unión Europea e dando pasos de xigante para recuperar un terreo que. Endexamais. debería ter perdido no panorama europeo a tenor das posibilidades que a súa terra lle ofrece.
En apenas sete anos, entre 2010 e 2017, as exportacións resultado do turismo duplicáronse. Superando, en moito, a media do crecemento do mesmo sector no resto de veciños competidores, aumentando considerablemente a súa cota internacional e colándose entre ás maiores potencias do sector. Con respecto ao crecemento no propio país, se de media entre 1999 e 2009 estas exportacións representaban un 4% do total do PIB, no 2017 acadaron case o 8% e, como podemos ver no “gráfico 1”, as previsións apuntan no futuro próximo a representar ata o 10% do total, achegando mais de 20.000 millóns de euros anuais e consolidando ao turismo coma unha actividade absolutamente central e dinamizadora da economía portuguesa que xa representa actualmente mais do 12% da actividade total e do 9% do emprego(2).
Fonte: Boletín Estatístico de Decembro de 2018 do Banco de Portugal
O positivo saldo da partida “turismos e viaxes” pertencente á conta de servicios é o que realmente está conseguindo que a balanza por conta corrente do país recobre un saldo positivo e poida compensar os grandes déficits estruturais que presenta a economía lusa con respecto as importacións/exportacións de bens manufacturados–da mesma forma que a maioría de economías periféricas da Unión Europea, como é o caso do propio Estado español- e que adoitan rematar cun enorme desaxuste na Balanza de Pagos. Isto se ve claramente no “gráfico 2”, onde se aprecia efectivamente que é precisamente este saldo de “viagens e turismo” o que, tras o impacto da crise, comeza a presentarse como extraordinariamente relevante para mudar a tendencia á baixa do resto da economía.
Fonte: Boletín Estatístico de Decembro de 2018 do Banco de Portugal
Pero unha vez coñecidos os espectaculares resultados acadados; como conseguiu Portugal converterse nun dos maiores focos de atracción turística do continente?. Aquí, deixando de lado causas externas que poidan ter beneficiado ao país(3) e poñendo o foco estritamente nas políticas internas, cabe citar directamente os esforzos realizados a nivel político polos sucesivos gobernos e institucións do país en relación a esta materia: en particular o “Plano de Ação 2014-2020” como primeiro pilar sobre o que construír o actual documento estratéxico con vista a 10 anos: “Estratégia Turismo 2027” (ET27). (ao final do artigo se recompilan na bibliografía)
Son, ámbolos dous, documentos estratéxicos que marcan a canle pola que deben descorrer os diferentes plans operativos que se vaian executando nos vindeiros anos. Isto é, que plantexan unha liña de actuación de medio/longo prazo, que supera ós intereses concretos dos gobernos variantes e permite establecer un horizonte superior. A ET27 é pois, un proceso aberto que seguirá modificándose en función de futuribles variacións tanto do mercado como da propia realidade social e económica para establecer unha dirección integrada tanto a curto prazo (2020) coma a dez anos vista (2027).
Unha das peculiaridadesdeste proceso –e a súa vez un dos seus maiores puntos fortes- é precisamente tanto o xeito no que foi construído coma esa capacidade de continuar aberto e permeable; en tanto que se trata dun proceso liderado polo Estado, quen asume as funcións que lle corresponden e confire a responsabilidade máxima do proxecto a súa institución ’Turismo de Portugal’(4), pero que inclúe a tódolos axentes que participan no sector, procurando unha ‘visión 360º’ que poida establecer sinerxías e involucrar á maior cantidade de interesados posibles no mesmo.
Isto foi posible mediante numerosas sesións de traballo conxuntas con asociacións, comunidades municipais, fundacións, institutos especializados, universidades, empresas privadas, entidades públicas e, por suposto, empresas e axentes privados que ofreceron primeiro unha detallada análise do panorama turístico e a súa posible evolución futura, e construíron de forma conxunta despois todo o plan estratéxico que debía levarse a cabo para converter a Portugal nunha potencia quen de aproveitar todas esas oportunidades.
Pero de seguro, o mais destacado deste plan é a súa capacidade de integrar o nivel económico cos planos sociais e medioambientais. Que se ben parecen esferas indisociables ao falarmos de desenvolvemento económico, moitas veces se preparan e executan plans e estratexias que esquecen a interrelación total entre estas tres dimensións.
Esta aproximación holística está feita a través da persecución dun determinado tipo de crecemento; isto é, que non vale “crecer de calquera xeito”, polo que se procura que o sector turístico acade:un crecemento intelixente (a nivel de mellorar en I+D, TIC e competitividade), un crecemento sustentable (cunha economía mais limpa, atendendo ao cambio climático e a xestión de riscos, promovendo a eficiencia enerxética e mediante a promoción de transportes mais sustentables) e un crecemento inclusivo (a nivel de emprego e mobilidade de traballadores, combatendo a pobreza das áreas mais desfavorecidas, investindo en educación e mellorando as capacidades e competencias das persoas e reforzando a capacidade institucional e a eficiencia da administración pública).
Para loitar pola consecucióndeste tipo de crecemento aténdese aunha VISIÓN cimentada sobre cinco (5) obxectivos estratéxicos que deberán aterrar logo mediante plans operacionais que materialicen estas ambiciosas ideas: atraer (poñendo en valor o propio territorio e os seus recursos turísticos distintivos); competir (reforzando a competitividade e a internacionalización das empresas turísticas); capacitar (a través de capacitacións, formacións e inversión en I+D das actividades turísticas); comunicar (promocionando e comercializando a oferta turística do país e das diferentes rexións); e cooperar (a nivel internacional, especialmente europeo).
En relación a esa liña de cooperación, é mester comentar que comezan a aparecer esforzos por realizar proxectos e accións de forma conxunta entre os Estados portugués e español que xerminen nunha situación de win-win. Isto podémolo ver, por exemplo, na celebración da “I Xornada de Turismo Ibérico”na localidade portuguesa de Luso o pasado mes de febreiro de 2019, organizadas polo Grupo Gala (unha grande empresa portuguesa) na que se convocaron a 40 expertos de ambos países.
Para outro artigo cabe profundar en que tipo de turismo se está xerandoe o tipo de emprego e actividades que se dinamizan mediante encadeamentos do sector. Así, unha vez demostrado o éxito económico da proposta, cómpre verificar o cumprimento destes documentos estratéxicos nos niveis social e ambiental. Mais para pechar o presente e a colación do tema tratado, é apropiado lembrar aos lectores e lectoras a celebración do III Congreso de Estudos Internacionais "Galicia e a lusofonía diante dos desafíos globais" os días 27 e 28 de marzo na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación da Universidade de Vigo, situado na cidade de Pontevedra.
E é que este tipo de eventos e colaboración a ámbolos lados da fronteira debe convertese nunha situación mais común da rareza que supoñen hoxe. Portugal e Galiza (así coma o resto do Estado español lindeiro co veciño luso) deben tentar explotar as súas sinerxías conxuntas para aproveitar todas as posibilidades que as nosas marabillosas terras ofrecen. Esta cooperación conxunta debe marcar o camiño futuro.
Bibliografía
- BANCO DE PORTUGAL (2018): Boletín Estatístico de Decembro de 2018; II Tema en destaque: Exportaçoes de turismo: desenvolvimento recentes e perspetivas futuras.
- INSTITUTO NACIONAL DE ESTATÍSTICA, I.P. (2018): Estatísticas do Turismo 2017.
- REPÚBLICA PORTUGUESA & TURISMO DE PORTUGAL (2017). Estratégia Turismo 2027.
- TURISMO DE PORTUGAL (2014). Turismo 2020: Plano de açao para o desenvolvimento do turismo de Portugal.
Notas
- (1) De estes 73.3 millóns de noites, 48.8 millóns foron de non residentes e 24.4 feitas por residentes (2/3 e 1/3 respectivamente). Fonte: INE de Portugal.
- (2) Fonte: Boletín Económico de Decembro de 2018 do Banco de Portugal.
- (3) Coma a recuperación económica, problemas internos en competidores turísticos coma os países árabes na última década que poidan ter derivado turistas cara Portugal ou os beneficios de lindar directamente con outra potencia turística como é o Estado español.
- (4) Integrado no Ministerio de Economía, o “Turismo de Portugal” é a Autoridade Turística Nacional, responsable de promover, valorizar e garantir a sustentabilidade de actividade turística.