europa mundo

Positivo 2006

 Europa no mundo, clic para aumentar
A nova situación que se configura abre expectativas para que a UE asuma un maior protagonismo internacional. A aposta polo multilateralismo e pola solución pacífica dos conflitos é inherente ao proceso europeo. Pero Europa, hoxe máis grande ca nunca, existe menos ca nunca. A consolidación dunha Europa "americana" no Leste e a falla de liderado e de orientación, impiden que a UE dispoña da cohesión necesaria para defender propostas aceptables.
 

No ano que remata, o mundo presenta dous trazos moi positivos. Dunha banda, deixou en claro os límites do uso da forza, mesmo cando vai acompañada dos máis espectaculares avances tecnolóxicos. As persoas morren igual e non mingua en absoluto a capacidade destrutora da violencia. Nin o máis poderoso exército do mundo é quen de consolidar unha ocupación como a perpetrada en Iraq. Mesmo os estritos problemas de seguridade non poden afrontarse prescindindo da política, nin cabe pensar en conseguir pola forza aqueles obxectivos que dende a política se resisten á impaciencia e aos intereses dos países máis poderosos. Se a raíz do 11S, EEUU ou Israel podían soñar con conseguir de forma violenta, botando man dos exércitos mellor equipados do mundo, o que a diplomacia dificultaba, queda claro que sen ela, en Afganistán, en Iraq, no Líbano, etc, todos son pasos atrás. Por moito que se mobilizen máis tropas, prescindindo da política nunca haberá paz.

En segundo lugar, se restablece a confianza no multilateralismo. A magnitude dos problemas globais e a complexidade crecente dos conflitos locais dificultan a consolidación de calquer tipo de hexemonismo, mesmo cando se disfraza de boas intencións como a propagación da democracia e dos dereitos humanos ou a superación da controvertida ineficiencia de Nacións Unidas. Non hai outra vía mellor que a sinalada polas negociacións e a vertebración de amplos consensos para dotar de autoridade e de eficacia propostas políticas que fagan avanzar a humanidade na mellor dirección e resolver os conflitos máis duros que puidera encarar. Non sobra ninguén. E se admitimos o pluralismo como esencia da democracia, tamén debemos admitir a diversidade política universal como un acicate para perfeccionar o sistema mundial. Un mundo en mans dun único país é como unha democracia de partido único, unha democradura.

A nova situación que se configura abre expectativas para que a UE asuma un maior protagonismo internacional. A aposta polo multilateralismo e pola solución pacífica dos conflitos é inherente ao proceso europeo. Pero Europa, hoxe máis grande ca nunca, existe menos ca nunca. A consolidación dunha Europa "americana" no Leste e a falla de liderado e de orientación, impiden que a UE dispoña da cohesión necesaria para defender propostas aceptables. A súa é hoxe unha voz inexistente e as posibilidades de emancipación e vertebración dun discurso propio son directamente proporcionais á consolidación, no plano político, de diferentes niveis de integración e de adhesión. Todos xuntos, agora mesmo, é inviable.