Texto de presentación do Informe Nós No Mundo 25-26, por Christoph Schreinmoser e Daniel Gonzále Palau (editores do anuario)
Nós no Mundo 2026 — Acción exterior de Galicia  nun sistema internacional inestable

Presentación: Acción exterior de Galicia nun sistema internacional inestable

Nun contexto internacional marcado pola fragmentación xeopolítica, a crise do multilateralismo clásico e o aumento das tensións entre grandes potencias, as dinámicas da acción internacional están a experimentar profundas transformacións. A redefinición da orde internacional liberal, a crecente competencia estratéxica entre Estados Unidos e China ou a emerxencia de novos espazos de rivalidade económica, tecnolóxica e política están configurando un escenario crecentemente complexo e inestable. Neste marco, rexións, cidades, universidades, redes transnacionais ou comunidades culturais e lingüísticas poden desempeñar un papel crecente como actores complementarios das políticas exteriores tradicionais dos Estados.

Galicia non permanece allea a estas transformacións. Ao longo da última década, a acción exterior galega experimentou un proceso progresivo de institucionalización, especialmente a partir da aprobación da Lei 10/2021, reguladora da acción exterior e da cooperación para o desenvolvemento de Galicia, e da posterior definición da Estratexia Galega de Acción Exterior (EGAEX). Neste proceso, o IGADI acompañou activamente o debate público e institucional arredor da proxección internacional de Galicia, formulando diversas propostas orientadas a fortalecer as capacidades estratéxicas, a coordinación e a articulación da acción exterior galega nun contexto internacional crecentemente complexo.

Algunhas destas ideas foron incorporadas ao documento final, aínda que sen medidas concretas nin calendarios de execución. Por outra banda, a principal proposta do IGADI —a elaboración dun Plan de Acción da EGAEX— non foi asumida. Ese Plan debía servir para normalizar e desenvolver plenamente a Lei de Acción Exterior e para avanzar cara a unha acción exterior galega coordinada e cohesionada, tanto no seo da Xunta de Galicia como co conxunto dos suxeitos da acción exterior: o Parlamento Galego, as entidades locais, as universidades públicas, o Consello da Cultura Galega, a administración corporativa, así como os axentes da sociedade civil que colaboren voluntariamente co sector público autonómico na execución da planificación estratéxica da acción exterior galega.

Así as cousas, a EGAEX 2025–2029 finalmente aprobada constitúe un instrumento relevante para comprender as prioridades e liñas xerais da acción exterior da Xunta de Galicia, ademais de reflectir unha crecente maduración normativa e programática neste ámbito. Con todo, a Estratexia non representa aínda o salto cualitativo necesario para consolidar unha acción exterior plenamente transversal, coordinada e estratexicamente integrada no conxunto das políticas públicas galegas.

Persisten importantes limitacións no relativo á súa tradución operativa, aos mecanismos de seguimento e avaliación e á articulación coherente dos distintos actores e dimensións da proxección internacional galega. Nun contexto internacional crecientemente complexo e competitivo, a coordinación, a coherencia e a definición de prioridades compartidas convértense en condicións indispensables para fortalecer a capacidade de inserción internacional de Galicia.

Isto implica non só mellorar a coordinación interna da Administración autonómica, senón tamén reforzar a conexión da acción exterior co conxunto dos actores institucionais, económicos, sociais e culturais que participan na proxección exterior do país. Só deste xeito a acción exterior poderá consolidarse plenamente non como un ámbito complementario ou sectorial das políticas públicas, senón como unha auténtica ferramenta estratéxica de país.

O IGADI, que desde marzo deste 2026 conta cunha nova planificación estratéxica: “Liñas 2026-2031. Desde Galicia, pensar e actuar no mundo”, continuará a traballar para conseguir un gran acordo de país que aposte por conducir unha Acción exterior de Galicia máis coordinada, coherente e avaliada, ao ser esta mellora, un factor crítico necesario para a competitividade do noso país no mundo do S.XXI.

O Informe Nós No Mundo 25-26

Desde o ano 2010 o Informe Nós No Mundo serve para facer un balance anual do desenvolvemento das políticas públicas de acción exterior de Galicia. O Informe Nós No Mundo, introduciu desta maneira, unha regularidade anual, a nosa misión fundacional do 1991, promover unha maior inserción de Galicia na sociedade internacional a todos os niveis.

Nesta edición número 17, quixemos poñer o foco na opinión e propostas das entidades que fan parte dos dous órganos consultivos que a Xunta de Galicia ten para as políticas públicas da Acción Exterior de Galicia, o Consello Galego de Acción Exterior (Decreto 368/2009) e o Observatorio da Lusofonía Paz Andrade (Decreto 134/2023).

Ao noso chamado responderon entidades tan significadas como a Confederación de Empresarios de Galicia ou a Real Academia Galega, as Universidades da Coruña e de Vigo, así como entidades senlleiras da proxección internacional de Galicia, como Ponte nas Ondas, ou observadores consultivos da Comunidade de Países de Lingua Portuguesa (CPLP), como a AGAL ou os Docentes de Portugués na Galiza.

Xunto as súas opinións e propostas, o Informe conta con achegas de destacados investigadores asociados do IGADI, como Diego Sande Veiga, Antonio Alejo ou Patricia Coloret, así como dúas reflexións estratéxicas, que abren e pechan o Informe anual, a do novo Director, Chistoph Schreinmoser e a do noso fundador e Presidente de Honra, Xulio Ríos.

Como este Informe demostra, o IGADI continuará a promover espazos plurais de reflexión e acción, coa vontade de que a Acción Exterior de Galicia sexa un motor tractor de oportunidades e benestar para a sociedade galega.

Só nos resta por agradecer de maneira entusiasta ás persoas e entidades participantes neste Informe a súa valiosa achega e colaboración, así como a Secretaría Xeral da Lingua, que desde hai 17 anos apoia a edición deste Informe anual.

Descarrega o Informe anual Nós No Mundo 25-26 desde esta ligazón.