Presidente Putin

Os prognósticos que lle prometían a Putin entre un 70 e un 80 por cento dos votos nas eleccións non fallaron esta vez (tampouco había moitas dúbidas ó respecto). Despois de rematado o cómputo do 99 por cento dos votos emitidos, obtivo un 71 por cento e seguirá sendo presidente outros catro anos. Hai catro anos saíu elixido por un 53 por cento dos votos, pero agora conta co apoio expreso de 50 millóns de rusos.

Entre os seus rivais só o candidato comunista, Nikolay Jaritónov, puido atraer unha cantidade notable de electores, con preto do 14 por cento dos votos, demostrando así certo peso do seu partido no escenario político de Rusia. A votación resultou nun 4,1 por cento para o economista da esquerda nacionalista Serguey Glázyev, e nun 3,9 por cento para a líder liberal Irina Hakamada. O candidato liberal demócrata Oleg Malyshkin e o presidente do Senado Serguey Mirónov só foron quen de reunir un 2 e un 0,8 por cento, respectivamente.

Os resultados electorais poñen de manifesto un triunfo indiscutible de Putin, tanto da persoa, o antigo oficial do servicio secreto soviético, como do seu goberno, que moitas veces é acusado de mostrar tendencias autoritarias. Como é tradicional en Rusia, o pobo en épocas de crise séntese nostálxico dunha man dura que poida pór orde ás cousas: os exemplos máis grandes da historia son para el o tsar Pedro Primeiro e o dictador soviético Stalin. Os dous obrigaron ó pobo a sacrificios crueis, pero modernizaron o país e o converteron nunha potencia importante. Neste sentido, Putin aparece como unha persoa máis adecuada que outros pretendentes, sabendo combina-la imaxe dun político moderno co uso populista daquelas tradicións soviéticas que se deixan adaptar á realidade da Rusia de hoxe, unindo, con logrado efecto simbólico, a aguia bicéfala do imperio zarista co himno soviético. Os seus versos, que aínda lembra moita xente maior, glorificaban a Stalin.

Non embargante, mirando ben as cousas, pódese ver que os éxitos do político Putin non son tan importantes coma grandes son os seus fracasos. Basta con menciona-la guerra de Chechenia, un tema que Putin esgrimiu no comezo da súa presidencia, ignorando que nin os tsares nin Stalin lograron acabar coa resistencia do pobo conquistado. No interior do país, que pretende ser europeo, continúa unha guerra que pola súa envergadura non pode ser, por moito que teime, minimizada -"operación antiterrorista"-, levándose vidas de mozos e resoando en plena capital rusa con ataques terroristas fronte á incapacidade das forzas de seguridade, de cuxo seo tería saído o presidente recen reelixido.