"Estou ameazada de morte por Roberto Madrazo, presidente do Partido Revolucionario Institucional (PRI)". Estas arrepiantes declaracións feitas o 2 de setembro de 2005 corresponden a Elba Esther Gordillo Morales, secretaria xeral do PRI, e aspirante a suceder na presidencia do partido a Roberto Madrazo, quen abandonaba o cargo para poder concorrer ás eleccións presidenciais de 2006.
Logo de 71 anos de exercicio hexemónico do poder, o 2 de xullo de 2000, o Partido Revolucionario Institucional, era desaloxado do Palacio de Os Pinos por un recoñecido e exitoso empresario que encabezaba a candidatura presidencial do PAN (Partido de Acción Nacional), chamado Vicente Fox. Non quedaba mais horizonte que transitar, alomenos durante seis anos, polo arduo deserto da oposición. En sete décadas, o PRI fora creando unha rede de administración paralela de servizos administrados por organizacións satélites (Sindicatos, entidades culturais, organizacións empresariais…) que xestionaban caudais de diñeiro inxentes e administraban discrecional e clientelarmente os servizos públicos que se prestaban, en sintonía cos intereses do PRI, difuminando a liña divisoria entre Estado e partido ate facela invisíbel.
Xa na mesma hora da derrota se desenvaiñaron as espadas xusticeiras que querían cobrar o prezo da derrota, inmolando aos culpábeis. As tensións existentes no partido eran tantas que na triste noite do 2 de xullo, destacados parlamentarios do PRI, como o senador Manuel Bartlett, que competira nas internas previas ás presidenciais de novembro de 1999, afirmaban sen pudor que o Presidente Zedillo entregara o poder deliberadamente ao opositor Vicente Fox, do PAN. Entre a base militante circulaba o alcume de o enterrador" para dirixirse ao ultimo presidente do PRI.
Mais no fondo da tempestade estaban as vellas loitas que persistiron durante décadas entre os intereses das familias do PRI. Entre tecnócratas e populistas, entre grupos de poder económico e líderes sindicais con maior sensibilidade social, entre os do DF capitalino e os dos estados periféricos…
No medio dunha confrontación tan extremadamente ácida, emerxeu unha voz que se laiaba amargamente: "No lugar de reorganizarnos, de erguernos da derrota, estamos a pelexarnos polos cravos e as táboas do cadaleito". Esta actitude de concordia serviulle a Roberto Madrazo para erixirse en árbitro e dirixir o partido nas seguintes contendas electorais.
Madrazo fora electo para o período 1995-2000 como gobernador de Tabasco, onde acentuara seu perfil populista de home empeñado na reactivación económica do estado, promovendo fortes investimentos en infraestruturas, mais sen abandonar a sensibilidade social que dirixiu especialmente na mellora da educación.
Home de carácter aparentemente afable en sociedade, dun cinismo que pode manter impasiblemente formas de luva de seda, mesmo para apartar aos que se interpoñen no camiño do seu control total da organización, enganando sempre que o esixa a estratexia, calculando tensións para repartilas e afrontalas sempre coas forzas apropiadas, e adiando con promesas sempre incumpridas aos que circunstancialmente van da man na dirección do proxecto Priista.
Pero o PRI do 2005, xa non dispón da burbulla de cristal que o protexía das crises internas durante os 71 anos ininterrompidos na presidencia de México. Naquel partido atado umbilicalmente ao poder do Palacio Presidencial dos Pinos, non había espazo para disputas, nin controversias partidistas. O priismo acataba submisa e disciplinadamente as decisións presidenciais que mesmo estaban facultadas para elixir un candidato presidencial, aínda que anteriormente non tivese cargos partidarios, nin pasase pola peneira das experiencias de elección popular.
Ás portas das eleccións presidenciais do 2006, o PRI debe afrontar antes as eleccións internas ás que Madrazo vai competir co Gobernador do Estado de México, Arturo Montiel, quen posúe o aval do poderoso grupo de presión Atlacomulco, co que se identifican destacados grupos económicos mexicanos e internacionais.
Co paso das décadas os nomes cambian, pero as pugnas internas seguen encabezadas polas mesmas faccións de sempre: tecnócratas como Elba Esther Gordillo, populistas como Roberto Madrazo ou lobbistas como Arturo Montiel. Madrazo deixa ao partido nunha boa posición de partida para competir nas presidenciais de 2006. O PRI está organizado, sen grandes ameazas financeiras e gañando eleccións parciais. Conxuntamente co PRD, fixeron un fino e implacable traballo de desgaste do PAN, conformando unha pinza antinatura que impediu ao partido do goberno, en minoría parlamentaria, afrontar as grandes reformas estruturais pendentes.
Mais o PRI chega ás Presidencias do 2006 cos mesmos vicios de sempre, con candidatos que cheiran a reseso, sen ideoloxía definida nun programa electoral propio, sen propostas frescas e novidosas, gravemente confrontado e dividido internamente, sen a protección mediático-política do Palacio Presidencial e cun precandidato, López Obrador, doutro partido que xa vai distanciado e co acelerador pisado a fondo.
Se o PRI non é quen de reformularse, renovarse e refundarse, dificilmente vai poder retornar ao Palacio Presidencial de Los Pinos no 2006. Transitar outros 6 anos polo deserto da oposición pode resultar mortal para un partido afeito a hidratarse nos jacuzzis do poder absoluto. Quizais sexa entón cando haxa que entoar durante o enterro un Requiescat in pace por un candidato que xa estará defunto e metido nun cadaleito confeccionado coas ríxidas táboas da estrutura do PRI . Un RIP polo PRI.

