20071014 hebron escena vida diaria

Primeira “Intifada hebrea”

Apartados xeográficos Oriente Medio ARQUIVO
Idiomas Galego
 Escena da vida diaria nun barrio de Hebrón; clic para aumentar
A devoción das diferentes crenzas relixiosas provocou que Hebrón fose un centro de disputas dende antes da formación do Estado de Israel; é dicir, pouco antes de que á contenda relixiosa se lle engadise a política. Neste sentido, cabe puntualizar que, se ben é certo que as tensións deron comezo durante o mandato británico, nunha época na que os nacionalismos árabe e xudeu competían polo poder, non é ata 1967 que ambas comunidades declaran unha guerra en continua escalada violenta. [Foto: Unha escena tradicional nun barrio de Hebrón. ©Moncho Iglesias].
 

A Intifada hebrea tradúcese como unha revolución de pedras realizada nunha lingua distinta a aquela na que escribiron os palestinos, hai anos, na procura da liberación do seu Estado. O idioma non é a única diferenza entre ambas revoltas, tamén as causas e os efectos mudaron. Con todo, si hai algo en común entre estes levantamentos: o enfrontamento contra o Estado de Israel.

Hebrón é sinónimo de conflito, reflexo dunha realidade bélica ancorada en vestixios históricos. Tanto para a tradición xudía como para a musulmá, Hebrón foi a cidade á que descenderon Eva e Adán tras ser expulsados do Edén. Alí xacen, xunto ao patriarca Abraham e parte da súa descendencia, e xuntos son venerados polas tres grandes relixións monoteístas: cristianismo, islamismo e xudaísmo.

A devoción das diferentes crenzas relixiosas provocou que Hebrón fose un centro de disputas dende antes da formación do Estado de Israel; é dicir, pouco antes de que á contenda relixiosa se lle engadise a política. Neste sentido, cabe puntualizar que, se ben é certo que as tensións deron comezo durante o mandato británico, nunha época na que os nacionalismos árabe e xudeu competían polo poder, non é ata 1967 que ambas comunidades declaran unha guerra en continua escalada violenta.

En 1929, varios árabes asolagaron a comunidade xudía de Hebrón, asasinando a 67 dos seus membros. Daquela, as autoridades británicas prohibían aos xudeus entrar na zona, que en 1948 pasou a formar parte de Xordania. Pero a guerra de 1967, na que as tropas israelís ocuparon novamente Cisxordania, devolveu a posibilidade de que os grupos relixiosos máis nacionalistas se asentasen na cidade santa. As tensións foron habituais dende entón, contándose, como a peor, o masacre de 1994, cando un colono entrou na mesquita de Ibrahim, matando a 29 musulmáns e ferindo a máis de cen.

A día de hoxe, medio millar de xudeus viven rodeados de 170.000 hebronitas, á vez parapetados por varios centos de soldados israelís. Os colonos xudeus defenden o seu dereito a vivir na terra que Deus lles prometeu, considerándose herdeiros da misión emprendida polos seus devanceiros. Os palestinos defenden a súa liberdade, ocupando as casas que dende hai décadas levan habitando. Os soldados israelís cumpren ordes. Dentro destes tres grupos hai divisións e máis alá deles, estas aumentan.

Entre os colonos, algúns afirman que os disturbios dos últimos días veñen provocados por parte do goberno de Israel "ao que algúns tachan de nazi" que, unidos aos xornalistas, tratan de amosar ao mundo a versión máis violenta dos habitantes dos asentamentos, e así distribuír imaxes nas que os soldados loitan por desfacerse dos asentamentos de Cisxordania. Outros colonos defenden a loita pacífica para conquistar o lugar que lles foi encomendado de xeito divino, e outros protexen o territorio coa maior violencia posible.

Dentro da comunidade palestina, simpatizantes de Hamas acusaron ao partido al Fatah de ser incapaz de protexer aos palestinos que viven ameazados en Hebrón. Por último, algúns soldados, como os rexistrados no grupo "Rompendo o Silencio" acusan aos colonos das súas actuacións bárbaras, ás veces coa permisividade e axuda de militares; fronte a estes, outros soldados argumentan que cumpren servizo, protexendo a cidadáns israelís.

Nas últimas semanas, Hebrón volveu ser o centro de atención, no conflito árabe-israelí, despois de que a ocupación dunha casa, por parte dun grupo de colonos, rematase en golpes, detencións, feridas e o peche militar da zona. Tras varias xornadas anárquicas, nas que varias vivendas e tendas palestinas foron destruídas, así como parte dun cemiterio musulmán, evidénciase un conflito interno que Israel sempre trata de ocultar.

Un problema con 60 anos de existencia, no que o Estado xudeu logrou reunir xentes de culturas e ideoloxías dispares baixo unha mesma bandeira, cosida con remendos de comunidades alleas, e ondeando contra un inimigo común: o palestino. Con todo, as desavinzas entre as pezas que non encaixan dentro do quebracabezas xudeu, comezan a desafiar a estabilidade dun mito, a reunificación do pobo xudeu, espallado polo mundo durante séculos, nun só lugar e baixo un mesmo credo.