A dirección do Partido Socialista francés, logo do revés sufrido no referendo constitucional europeo, non consegue levantar cabeza. Demasiados pretendentes para un só trono, o que unido á combinación cunha ambición ben cociñada dende hai un par de anos, fai que presidir este partido socialista sexa como pilotar un barco que fai augas.
François Hollande usa a mesma estratexia que o seu contrincante e opositor a favor do "non" no referendo constitucional, Laurent Fabius: utilizar ós seus fieis colaboradores no uso dos medios de comunicación.
Fabius, que aproveitou unha arroutada dialéctica de Laude Bartolone, o deputado de Seine Saint-Denis e fiel escudeiro, para atacar a Hollande e a dirección do partido que o puxo na porta, ambiciona un rol preponderante nesa esquerda que intenta de novo unir filas para preparar as eleccións presidenciais que deben celebrarse en 2007.
Nesta dirección reunificadora estase a traballar agora. O próximo Congreso Socialista, que terá lugar en Mans do 18 ó 20 de novembro, pretende ser unha chamada a filas. Por iso apóstase por prohibir a todo responsable que non respecte a opinión dos militantes, de se presentar en nome do partido durante os dous anos seguintes. Dese xeito, automaticamente excluiríanse arribistas do estilo Fabius, que aproveitando o descontento e a incerteza, poidan remar contra a corrente da maquinaria do partido.
Pola banda de Hollande o escudeiro chámase Rebsamen, o número dous do PS e alcalde de Dijon, que saíu ó paso dunhas afirmacións de Bartolone, nas que sostén tres conclusións: que Hollande dividiu a esquerda, que amosou o seu desprezo polo resto da esquerda, e que finalmente, deixoulle a François Bayrou, o presidente da UDF (Unión pola Democracia Francesa), o rol de oposición ó xefe de goberno, mérito que lle correspondería ó líder do PS. Para François Rebsamen, as afirmacións de Bartolone, están fora da realidade, e só responden a un descarado e irreprimible afán de linchamento de François Hollande, e a unha reivindicación de maior protagonismo por parte do sector crítico que se mobilizou no referendo do 29 de maio. O alcalde de Dijon, pretende que do 18 ó 20 de novembro xurda unha maioría o máis ampla posible, para desa maneira presentar unha imaxe reconstruída do PS. Algo que a día de hoxe non parece doado.
Dende unha das correntes minoritarias dos socialistas, Novo Partido Socialista (NPS), que apoiou o voto negativo á constitución europea, critícase a inmensa hipocrisía dos partidarios e detractores daquel texto, personificados nos seus líderes, Hollande e Fabius, pois segundo eles, estes dous persoeiros levan a dirección do Partido dende que Lionel Jospin deixou o seu cargo. E neste tira e afrouxa pelexan por consolidar as súas posicións. O NPS quere presentar a súa propia visión a través dunha moción no congreso de novembro. Pero para Annick Lepetit, a portavoz do PS, non é mais ca unha estratexia para promover a candidatura de Fabius.
Non podían faltar tampouco as voces que reclaman que os socialistas se deixen de liortas e divisións internas, para arrombar unha dirección estable e capaz de non facer o ridículo nun momento no que se apunta directamente á presidencia do goberno, co engadido de que tamén na dereita consolidanse posicións para o asalto ó Pazo do Eliseo. Jean-Marc Ayrault, presidente do grupo socialista na Asemblea Nacional, pediu calma, asegurando, con razoada lóxica, que non será do enfrontamento interno de onde saia un proxecto alternativo para o 2007.
A pesar de todo, a división no seo da esquerda socialista e a consolidación de familias e grupos de poder, semella menor que a de Sarkozy ou Villepin na outra ponla do escenario político galo. E tampouco se debe esquecer que o desgaste dun goberno de dereitas e a deteriorada imaxe pública de Chirac, pode, en última instancia, favorecer as opcións dun aspirante de esquerdas á xefatura do Estado francés.