20090310 san salvador mauricio funes

Pulso político hemisférico no Salvador

 Mauricio Funes nun mitin de campaña; clic para aumentar
Un goberno esquerdista de Funes (na foto) e o FMLN acercaría a O Salvador cara outros gobernos centroamericanos de esquerda, como Nicaragua e Honduras, e propiciaría un maior radio de acción para o presidente venezolano Hugo Chávez e a súa plataforma de integración continental representada polo ALBA, que podería contar co Salvador como novo membro, xunto aos xa existentes Venezuela, Cuba, Bolivia, Nicaragua, Honduras e Dominica.
 

Aumentan as expectativas políticas de cara aos comicios presidenciais en O Salvador, a celebrarse o próximo domingo 15 de marzo, especialmente pola posibilidade de vitoria do ex movemento guerrilleiro Fronte Farabundo Martí para a Liberación Nacional (FMLN) e o seu candidato Mauricio Funes. De ser este o resultado, por primeira vez o país centroamericano tería un goberno de esquerda elixido democraticamente.

A finais de febreiro, a vantaxe de Funes sobre o candidato dereitista Rodrigo Ávila (un ex director de policía agora candidato do partido gobernante ARENA) alcanzou os once puntos, rexistrando unha intención de voto próxima ao 50%. Non obstante, e a medida que avanzaba a polarización da campaña electoral, diversas enquisas amosan unha radiografía máis equitativa entre Funes e Ávila.

Para acometer o tramo electoral final, o partido ARENA impulsou unha especie de "fronte común" contra o FMLN, contando cun sistema de alianzas con outros partidos de centro e dereita, como o Movemento Social Cristián e a Alianza polo Cambio. Segundo ARENA, esta alianza foi definida para "salvar ao país do comunismo".

De gañar o FMLN modificaríase sensiblemente o panorama político hemisférico. Desde a perspectiva histórica, a vitoria electoral da ex guerrilla salvadoreña afianzaría os cimentos do proceso de paz e reconciliación que permitiu o fin das hostilidades en 1992. Sería tamén probable que o FMLN inicie un proceso de revisión da memoria histórica e accións xudiciais contra determinados altos cargos políticos e militares, aínda impunes da súa responsabilidade en violacións contra os dereitos humanos.

Non obstante, existen determinadas perspectivas xeopolíticas e económicas que colocan as eleccións presidenciais salvadoreñas no centro da atención. A semana pasada, unha delegación de 50 congresistas do Partido Demócrata premeu ao goberno de Barack Obama para que aprobara unha renegociación dos tratados de libre comercio con países centroamericanos, entre outros.

Tomando en conta a hexemonía electoral de ARENA e a posición pro-estadounidense do actual mandatario salvadoreño Antonio Saca (confirmada ata o punto de ser O Salvador o único país latinoamericano con tropas en Iraq), dende Washington semellan non ocultar a súa preferencia polo candidato deste partido, Rodrigo Ávila. Velaí que un grupo de 140 intelectuais e académicos estadounidenses enviaron unha carta á secretaria de Estado, Hillary Clinton, para esixir o fin deste apoio e da eventual "guerra sucia" que Washington realiza a favor de ARENA na campaña presidencial salvadoreña.

Cun panorama igualmente determinado pola crise económica global e os seus efectos para as economías latinoamericanas, é posible que antes de asumir o próximo goberno salvadoreño exista unha nova etapa de relación comercial con Washington, probablemente con maiores cláusulas proteccionistas para favorecer os mercados e traballadores estadounidenses.

Este apartado resulta decisivo para O Salvador, economicamente dependente das remesas dos seus traballadores emigrantes en EEUU e atado ás disposicións do TLC con Washington. Paralelamente, o país debe enfrontarse a unha dura realidade social, motivada pola presenza de grupos delincuentes (os mais coñecidos son os Maras), que erosionan todo tipo de políticas sociais.

Alén do eido económico, un goberno esquerdista de Funes e o FMLN acercaría a este país cara outros gobernos centroamericanos de esquerda, como Nicaragua e Honduras, e propiciaría un maior radio de acción para o presidente venezolano Hugo Chávez e a súa plataforma de integración continental representada polo ALBA, que podería contar co Salvador como novo membro, xunto aos xa existentes Venezuela, Cuba, Bolivia, Nicaragua, Honduras e Dominica.

Se ben o FMLN advirte dun posible fraude electoral o próximo domingo, o pulso presidencial no Salvador define en gran medida a radiografía política hemisférica, acentuada nos últimos anos coa vitoria de movementos de esquerda críticos coa idea de integración hemisférica impulsada dende Washington. Unha realidade que merecería unha maior atención por parte do presidente Obama.