Pumas e xaguares

Apartados xeográficos Latinoamérica ARQUIVO
Idiomas Galego

Unha onda de tremor removeu as entrañas da escritora Patricia Verdugo ao recibir a citación do xuíz Juan Guzmán, en xuño de 1998. Nestas datas, a paralizante sombra do dictador se proxectaba, tamén, sobre a xustiza chilena. Aos poucos minutos de estar no despacho do xuíz a súa tensión interna foi desaparecendo, cando comprobou con satisfactoria sorpresa, que non fora citada como acusada, senón como acusadora. O interese de Guzmán centrábase en coñecer polo miúdo os termos, feitos e xerarquías da tétrica "Caravana de la muerte" que a escritora, e filla de desaparecido, narraba no seu "best-Séller": "Los zarpazos del Puma".

A penas transcorrera un mes dende o golpe do 11 de setembro que rematara coa vida de Salvador Allende. Un grupo de militares montados nun Puma (helicóptero), ao mando do xeneral Sergio Arellano, principiaron nunha macabra ronda para acelerar procesos sumariais contra prisioneiros políticos, propugnar execucións sen garantías legais, facer desaparecer a detidos…Nas cinco escalas que fixo a patrulla aerotransportada deixou un saldo de 75 víctimas, 18 delas aínda desaparecidas.

Catorce anos máis tarde, Guzmán Tapia comezou a elaborar o seu minucioso e discreto traballo sobre a caravana. Foi amontoando pacientemente máis de duascentas querelas contra o dictador de damnificados da represión, entre as que se encontra a presentada pola tortura e morte do cantautor Victor Jara.

A providencial estela do xuíz estrela, Baltasar Garzón, quen tamén seguía o rastro de Pinochet cruzouse no seu camiño, catro meses despois do encontro oficial entre Patricia e Guzmán. Mudou, entón, a sorte dunhas denuncias que semellaban abocadas ao arquivo nun soto dun xulgado chileno. Senón podería rematar coma o Maxistrado Carlos Cerda, quen en 1982 fora sancionado con suspensión de emprego e soldo logo de procesar a cinco xenerais implicados na desaparición dunha ducia de cadros comunistas.

Na Mesa do Diálogo, dous anos máis tarde, a clase política, a igrexa, certos sectores vencellados á defensa dos dereitos humanos e o exército, estaban a piques de atopar un final "…honorable, consensuado e lexítimo". Comprometíanse a facer unha declaración principios sobre a vixencia dos dereitos humanos, a pedir publicamente perdón polo seu colaboracionismo coa dictadura ( igrexa e exército) e os militares a contribuír na procura de datos sobre os 1.185 desaparecidos. Para chegar a reconciliación, respectaríanse tres regras inviolables: Pinochet é intocable, anonimato para os mandos que aporten datos sobre os desaparecidos, e, militar procesado… militar á reserva -sen expulsións do corpo castrense-.

O día 1 de decembro o xuíz Guzmán rompeu a baralla do xogo ao violar a 1ª regra e procesar ao intocable, cando xa estaba a piques de escapulirse do peso da lei, gracias ao seu precario estado de saúde.

As contradictorias resolucións, da Sala Penal da Corte Suprema Chilena, poden dificultar que o discreto xuíz Guzmán chegue a tempo de poder formular as 75 preguntas que lle tiña preparado para a frustrada comparecencia do 27 de decembro.

Se os peritos do Servicio Médico Legal e os dous neurólogos da Universidade de Chile determinan a súa actual incapacidade mental, xa nunca terá que respostar sobre a estructura da DINA(Dirección Nacional de Intelixencia), as conversas cos bispos da época, os centros de detención, os ascensos do militares que participaron na "Caravana da morte", das testemuñas inculpatorias do Xeneral Joaquín Lagos, das probas manuscritas….Tantas e tantas preguntas sobre unha época negra dos dereitos humanos na que a economía de Chile era florecente, "o xaguar de Latinoamérica", na que poucos se facían preguntas. É posible que entre xaguares e pumas, a debilitada fera, consiga fuxir da xustiza. Mais xa non é perigosa, só é un pesadelo do pasado, coma tantos ilustres dictadores aos que EEUU lles foi pechando o seu paraugas protector: Fujimori, Suharto…

Outras especies depredadoras que se alimentaron de crimes contra da humanidade para sobrevivir politicamente coma Hugo Banzer, Vladímir Putin, Ríos Montt… gozan de mellor saúde física e política.