Punto final para as FARC?

Unha lectura preliminar sobre a desaparición de Jorge Briceño, alias “Mono Jojoy”, máximo líder da estrutura militar das FARC, tras unha operación realizada polo Exército colombiano, ilustra o peor momento político e militar da guerrilla colombiana. Desde 2008, varios dos seus máis altos representantes, como Raúl Reyes, Iván Ríos, o “Negro Acacio” e agora o “Mono Jojoy”, foron abatidos en eficaces operacións militares paralelas ao repentino falecemento do seu histórico líder, Manuel Marulanda.

Apartados xeográficos Latinoamérica
Idiomas Galego

Unha lectura preliminar sobre a desaparición de Jorge Briceño, alias “Mono Jojoy”, máximo líder da estrutura militar das FARC, tras unha operación realizada polo Exército colombiano, ilustra o peor momento político e militar da guerrilla colombiana. Desde 2008, varios dos seus máis altos representantes, como Raúl Reyes, Iván Ríos, o “Negro Acacio” e agora o “Mono Jojoy”, foron abatidos en eficaces operacións militares paralelas ao repentino falecemento do seu histórico líder, Manuel Marulanda.

Acusado de “terrorista sanguinario”, “Mono Jojoy” representaba máis de tres décadas de loita guerrilleira, reafirmadas cunha indubidable sagacidade estratéxica que lle permitiu controlar o aparato militar das FARC, a través do Bloque Oriental, que concentra un 40% do territorio nacional. Ao seu peso político, militar e ideolóxico se engade o control da súa rede financeira, vía narcotráfico, secuestros e extorsión. Basicamente, “Mono Jojoy” erixíase como o artífice da guerra das FARC.

Trala súa violenta morte ábrese un momento de incerteza para as FARC, que con aproximadamente 4.000 efectivos diseminados en 32 frontes afronta unha difícil conxuntura, reforzada ante a popularidade da estratexia da “seguridade democrática”, impulsada polo ex presidente Álvaro Uribe Vélez e continuada polo seu sucesor, o actual mandatario Juan Manuel Santos.

Unha paz aínda distante

Sendo ministro de Defensa, Santos asestou os anteriormente mencionados golpes estratéxicos contra a cúpula central das FARC. Unha vez na presidencia, logrou reacomodar diplomaticamente as tensas relacións co seu veciño, o presidente venezolano Hugo Chávez, asegurando a súa non intervención directa no conflito interno colombiano.

Coa morte de “Mono Jojoy”, Santos obtén outro estratéxico triunfo contra as FARC, abrindo agora diversos escenarios non exactamente explicados en torno a un proceso de desarme e negociación política por parte da guerrilla.

A sensación máis común na opinión pública colombiana é que as FARC iniciarán un proceso de repregue de posicións militares, confirmando a súa actual debilidade táctica. Deste xeito, certificaríase a súa actual cúpula, conformada entre outros por Alfonso Cano, Iván Márquez e o “comandante Timoshenko”, quen aparentemente non posúen a capacidade estratéxica inmediata para manter unha ofensiva persistente contra o Exército colombiano.

Para completar este panorama, diversos medios aprecian unha sensación de desmoralización e deserción en varios sectores da guerrilla, limitando así sensiblemente a súa capacidade operativa. Non obstante, as FARC aínda manteñen unha considerable capacidade de reacción e de estrutura organizativa: no que vai de 2010, lograron lanzar máis de 600 ataques contra as Forzas Armadas colombianas.

A pesar da desaparición de “Mono Jojoy”, poucas expectativas hai de inmediata apertura dun proceso de desarme e negociación. Tras reabrir en agosto pasado unha ofensiva terrorista en Bogotá e outras cidades trala toma de posesión de Santos, as FARC necesitarán agora unha demostración militar de forza, aínda que a mesma estará inevitablemente enmarcada dentro dunha conxuntura radicalmente adversa.

A guerrilla observa cómo comezan a desvanecerse os seus canais internacionais de apoio, que lle permitían un aval exterior para dar curso á negociación política co goberno colombiano. Principalmente notorio é o caso de Chávez, concentrado en asuntos domésticos e persuadido por Santos para que manteña un táctico distanciamento das FARC.

Paralelamente, e a través de operacións militares contra a guerrilla e presión diplomática cara os países veciños contando coa colaboración directa de Washington, Bogotá logrou reverter esa especie de “tenaza” que as FARC mantiñan entre Ecuador e Venezuela.

O momento de Santos

En todo caso, resulta pouco probable que as FARC logren superar política e militarmente esta sucesión de golpes contra a súa cúpula, aínda que este escenario tampouco signifique un abandono inmediato das armas. Aquí é onde seguramente imporase a habilidade política de Santos para acoller diversas bandeiras políticas da guerrilla colombiana, tales como a reforma agraria a través da promulgación dunha Lei de Restitución de Terras para os campesiños desprazados do conflito, co evidente obxectivo de erosionar operatividade rural da guerrilla.

Non obstante, Santos afronta serios problemas endémicos para levar a cabo este iniciativa de restitución de terras, especialmente ante a oposición de narcotraficantes, paramilitares, guerrilleiros, terratenentes e funcionarios cómplices, os cales non dubidan en utilizar a violencia e o sicariato a fin de non devolver as terras nin indemnizar aos campesiños desprazados.

A pesar de apreciarse o peor momento das FARC, os escenarios anteriormente expostos incrementan a sensación de incerteza e complexidade na solución dun conflito con máis de catro décadas de duración. A nivel político, o panorama tampouco é clarificador, toda vez o ex presidente Uribe vese salpicado por denuncias de corrupción, arbitrariedades, violacións de dereitos humanos e espionaxe acaecidas durante o seu mandato.

Velaí que o actual presidente Santos interprete que este é o momento clave para impor a súa visión estratéxica, reforzando a súa popularidade a través da preservación da “solución militar” imperante ata agora. Os próximos catros anos da súa presidencia poden ser reveladores da evolución (ou involución) do prolongado conflito colombiano.