Putin e a democradura rusa

O resultado das recentes eleccións rusas non sorprendeu a ninguén. Unha ampla maioría do 70% dos votos para Vladimir Putin nunha espiral de claro ascenso electoral: hai catro anos "só" o 53% da poboación rusa apoiara a súa candidatura ao Kremlin. Desgraciadamente este ascenso non pode explicarse por unha obvia mellora do país nos últimos anos no terreo económico, maior igualdade social, solución ao problema das mafias e corrupción ou pola consecución da tan desexada pacificación en Chechenia. De feito, os únicos méritos de Putin nestes anos foron a fortificación do Estado e a centralización do poder.

O motivo do ascenso electoral de Vladimir Putin debe buscarse na súa capacidade para adaptar os usos e costumes do stalinismo e a KGB a unha democracia nova. Estas actitudes non sorprenden en absoluto a unha sociedade na que o sistema democrático non xurdiu tanto por aclamación popular como a causa do fracaso total do comunismo para satisfacer os desexos individuais da cidadanía.

Putin foi quen de eliminar do proceso electoral aos seus opositores con maior capacidade para discutirlle o poder, como foi o caso de Mikhail Khodorkovsky. Escándalo no que é fácil supor que o Kremlin está detrás e que confirmaría as moitas sospeitas entre a comunidade internacional de que a democracia rusa dende a chegada ao poder de Putin, recuperou moitos dos usos mais rocambolescos do comunismo. As formas que se lle atribúen a Putin para desembarazarse dos seus rivais van dende o uso das forzas policiais e investigacións exhaustivas sobre a relación coas mafias ata o uso destas ou dos servicios secretos para o secuestro ou a extorsión. As mafias son xa unha parte clave da sociedade rusa, e todo aquel que trunfa economicamente precisa chegar a acordos con elas. Nese contexto, relacionar os novos políticos e oligarcas con mafias e mandalos ao cárcere non é unha tarefa difícil. A Putin relacionóuselle coas mafias dende a oposición en non poucas ocasións, pero polo de agora semella quen de mantelas baixo control e asegurar o seu favor. A actual presencia da delincuencia organizada na sociedade fai pensar nunha convivencia na que o Estado acepta que non é o único que sostén o monopolio do uso da forza e control do territorio.

Do labor de Putin debemos destacar o seu control absoluto dos servicios secretos dos que noutrora formou parte. Deste xeito, obtivo e obtén unha gran accesibilidade a todo tipo de información sensible. En moitos países, as relacións entre os servicios de intelixencia e o goberno son escasas e lentas, acudindo a eles dende o executivo en contadas ocasións. Putin, por mor do seu coñecemento dos interiores da intelixencia rusa posúe a capacidade para manexalas e utilizalas en cada momento en función das súas necesidades políticas.

A sociedade rusa mantén a esperanza de que a man de ferro de Putin poida sacar adiante o país neste momento de profunda crise e grandes desigualdades sociais, pero a súa abrumadora maioría soamente pode comprenderse atendendo á súa capacidade para controlar todos os medios de comunicación e reprimir os opositores. Valla un exemplo: nos medios de comunicación rusos nunca teñen eco os informes de diversas institucións internacionais que sitúan a saúde da economía rusa en estado delicado e moito peor do que o Kremlin está disposto a admitir. Todo tipo de critica está controlada como nos mellores tempos do comunismo. Significativo é tamén o dato de que a tres meses das eleccións a única dubida non era quen ganaría, senón se a participación permitiría validar os resultados. Putin amosou aquí as súas propias capacidades, ao destituír o seu goberno, desligarse de boa parte do seu pasado e así romper a apatía electoral da cidadanía. E resultou elixido co mais avultado resultado nunhas eleccións presidenciais rusas cun programa baseado, entre outros, en reforzar o liberalismo económico, evitar os monopolios e continuar na liña de reforzar o Estado. Amais disto, en diversas repúblicas dirixidas por oligarcas ao seu favor ou persoas que saíron dos servicios secretos, Putin rexistrou misteriosamente maiorías próximas ao 90%, alimentando sospeitas de manipulación nos resultados electorais.

Rusia hoxe posúe un sistema deficientemente democrático cunha saúde preocupante. Os usos e costumes da época comunista como a manipulación, o control dos medios de comunicación e a corrupción política están aínda lonxe de ser parte do pasado desta nación e da a impresión de que se acomodan a xeito nesta peculiar democradura.