Co novo ano, a diplomacia do Kremlin semella alentar un xiro para recuperar protagonismo e facer saber a Europa e ao resto da comunidade internacional que necesitan a Rusia e a súa enerxía. A crecente demanda mundial, coa irrupción de grandes consumidores como China e India, reforzan a posición de Moscova a nivel global, e Putin, cunha política exterior caracterizada ata o momento por situarse maiormente á defensiva, aproveita a crise con Ucraína para darse a valer.
Despois da "perda" da Europa do leste e dos países bálticos, a sucesión de "revolucións" en Xeorxia e Ucraína e as tensións vividas en Asia Central, evidenciaron a perda de influencia do Kremlin no conxunto do espazo post-soviético. Rusia quere darlle a volta á súa debilidade fincando no gas, nunha estratexia que no inmediato visa influír nos resultados electorais das lexislativas previstas para marzo en Kiev a través do hipotético debilitamento da administración pro-occidental de Yúschenko, máis en entredito dende o abandono da Yulia Timoshenko. Pero esa política de presión podería tamén reforzar as forzas antirusas e prooccidentais en Ucraína. O presidente de Ucraína, Víctor Yúschenko, nunha alocución televisada describiu a disputa con Rusia como unha manifestación da loita pola independencia do seu país. Non é un segredo que Yúschenko pretende emancipar Ucraína da tutela rusa orientándoa cara Europa occidental e EEUU, suxeitos que, como a propia Rusia e o mesmo hiper-presidente Putin, participaron activamente na campaña presidencial "a tres voltas" na que foi derrotado o home de Moscova, Víctor Yanukovich.
Algúns agardaban que a "perda" de Ucraína levaría a Rusia a abandonar o seu "complexo de imperio", abrazando definitiva e resignadamente os modos democráticos e do libre mercado segundo canons homologables. Pero o Kremlin, instalado nesa peculiar mestura de autocracia e capitalismo clánico, resistíndose a admitir o declive do seu poder, virou dende entón no sentido contrario para impulsar un profundo reexame da súa política exterior. Se Yúschenko fala de independencia, Putin, presidente de turno do G8, avizora unha especie de complot contra Rusia, no que participarían EEUU e tamén algúns estados europeos, en particular, aqueles partidarios de manter unha liña de firmeza cara Moscova, como é o caso de Polonia e os bálticos, todos eles interesados en establecer un contra-modelo atractivo para os países da zona, que puidera influír de inmediato na Belarús de Lukashenko, e mesmo na Rusia de Putin, cada vez menos dócil e permeable aos intereses occidentais.
Dende a asunción de poderes por parte de Yuschenko, os acordos asinados con Rusia nos últimos anos, en especial, a creación dun espazo económico común quedaron en letra morta. Moscova viña aplicando tarifas preferenciais ao seu veciño ucraíno no marco das relacións establecidas na CEI (Confederación de Estados Independentes). Se agora resulta que Kiev quere aproximarse máis á UE, tanto no ámbito económico como xeopolítico, OK, din en Rusia, pero nese caso, as tarifas serán as mesmas que para os demais países europeos. Non será Rusia quen financie esa revancha.