Cando se aproxima o décimo aniversario da desintegración da URSS, Rusia, a vinculeira da mesma, vai deseñando o seu modelo para a nova etapa que se pretende estable. Un sistema autoritario, continuador da tradición. Nunca houbo en Rusia períodos prolongados de liberdade política, e moito menos un modelo democrático ao estilo occidental. Ás causas endóxenas que están na base do permanente autoritarismo cumpre engadir a permanente desconfianza occidental. Rusia foi sempre un mundo bárbaro ao que había que temer e manter a distancia.
Logo dos extravagantes e convulsos anos de Ieltsin, o acceso de Putin e os seus homes de San Petersburgo ao goberno primeiro e despois ao Kremlin significou a posta en marcha dun deseño político simple, claro e eficaz que poderíamos esquematizar nos seguintes puntos:
1º.- Deixar de mirar para occidente. Na permanente tensión entre as tendencias occidentalistas e as eslavófilas, gañaban estas. Rusia é grande e non tiña porque continuar coas actitudes papaleisonas de Ieltsin. Con occidente, esto é o binomio USA-OTAN, non conviña enfadarse mais cumpría marcar os lindes. Esto significaba unha doutrina de seguridade propia que pasaba, eso si, pola ratificación dos tratados START. Os últimos meses da administración Clinton e as ínfulas coas que iniciou o seu mandato Bush non fixeron máis que confirmar esta posición.A insistencia da administración norteamericana en iniciar unha nova carreira de armamentos co impulso, semella que definitivo, do Sistema de Defensa Nacional Antimísiles (NMD) supón un duro revés para o Kremlin, ao tempo que confirma a imposibilidade de manter relacións fluídas con quen sigue considerando a Rusia unha potencia de segunda categoría da que hai que desconfiar.
2º.- Recompoñer o espacio imperial. Primeiro resolvendo o conflicto do norte do Cáucaso, nomeadamente o checheno, que segue a furgar no zapato, despois incorporando a Bielorrusia, afondar as relacións económicas e políticas coas repúblicas asiáticas, premer intensamente sobre as do sur do Cáucaso , sempre sen perder de vista a evolución dos acontecementos na Ucraína.
3º.- Estabilizar a vida política rusa. Deseñando un sistema bipartidista con Vredme nun polo e o PCFR no outro. Neste senso evitou a verborrea anticomunista de Ieltsin, axudou á institucionalización do PCFR e promoveu a súa ala socialdemócrata. Finalmente, conseguiu eliminar ao partido de centroesquerda Patria-Toda Rusia que lideraban o alcalde de Moscova, Luzkov, e o ex primeiro ministro Primakov. A unión entre Vredme e Patria-Toda Rusia supón a consolidación dunha forza política en sintonía co Kremlin e o control da Duma, ao ser o grupo parlamentar máis numeroso superando por primeira vez ao comunista.
4º.- Poñer orde no capitalismo de gavela. Foi a cuestión menos doada. Custoulle convencer á oligarquía cleptocrática que se apoderou do estado a prezo de saldo que a fase de acumulación brutal tiña rematado, e xa que logo cumpría regulamentar o mundo das finanzas e someter a vida económica ás directrices do Bankburó. Nesta tarefa tivo que pelexar duro con algúns dos oligarcas (Berezovski, Gusinski, etc).
As últimas escaramuzas da batalla político mediática tiveron lugar nestes primeiros días de abril. A xigantesca compañía estatal Gazprom executou o control da NTV como pago das débedas de Gusinski. A rebelión dunha parte dos periodistas da cadea televisiva rematou co seu paso a TV-6 propiedade de Berezovski, o poderoso oligarca da era Ieltsin, agora exiliado. Os magnates son agora os defensores da liberdade de expresión.
Mentres, Putin e os seus, consolidan paso a paso, a pesares de desgustos como o afundimento do submarino ou o inacabable conflicto checheno, o seu proxecto de capitalismo autoritario e eficaz segundo o modelo chileno que lle permita consolidar a Rusia como un polo de referencia á altura de China que sexa quen de falar case en igualdade de condicións cos EEUU. En Washington non semellan estar polo labor.