Putin e Chechenia: ¿o Estado, ante todo?

Sería difícil imaxinar peor escenario para o final da crise dos reféns. Os mortos e feridos cóntanse por centos, moitos deles nenos. Quedan moitas cousas por aclarar, tantas que será difícil darse por satisfeito coas versións oficiais facilitadas polo Kremlin. A traxectoria de Putin en momentos de tensión similares sempre se caracterizou pola primacía da forza, sen importar o sacrificio de vidas humanas: o Estado, ante todo. E nos sectores máis extremistas dos independentistas chechenos, a combinación de desesperación e despropósito conducen a accións coma esta, con resultados certamente macabros.

As condenas están claras, tanto como o abismo que separa a análise das causas que provocan este tipo de feitos, que co paso do tempo van subindo escalóns en gravidade e traxedia. É unha espiral, como acababamos de ver, moi difícil de controlar e que pode conducir a calamidades inda maiores se a senrazón se instala como pedra de toque en ambos bandos.

Putin solicitou unha xuntanza do Consello de Seguridade da ONU para recabar a condena internacional. As noticias que apuntan á participación de árabes no comando terrorista contribuirían a asentar esa idea da internacional do terror como inimigo, desligado do problema checheno, tal e como desexa o Presidente ruso. Pero o problema checheno é o fondo do asunto e pese a que algunhas voces en Rusia reclaman solucións políticas, son silenciadas por aqueles que confían en poder mantelo nun nivel de baixa intensidade e focalizado, mesmo útil en determinados momentos para satisfacer as máis perversas demandas do xogo político.

Pero nesta crise de Osetia a todos se lles foi a man e a traxedia resultante todos a coñecemos e lamentamos. O Kremlin pode influír na opinión pública para que saia en aplauso da súa política de man dura, pero vaille custar un gran esforzo e non resolverá o problema de fondo nin evitará que novos episodios de terror masivo se produzan.

Europa non pode desentenderse do problema checheno. A historia secular das relacións entre Rusia e os pobos do Cáucaso advírtennos da persistencia de longas etapas de enfrontamento. Urxe tender pontes ás voces que en Rusia e en Chechenia, ante o horror do sucedido, teñan a valentía suficiente para sentarse a dialogar establecendo un marco razoable e pacífico para solventar as diferencias. Europa debe comprometerse para poñer coto a esta espiral de violencia.