Putin e os oligarcas

En plena xira europea, na que recolleu entusiastas apoios por parte do presidente do goberno Aznar e do chanceler Schröder, Vladímir Putin seica se viu sorprendido polo encarceramento do magnate Vladímir Gusinski. ¿Coñecía ou non a orde de detención?. En calquera caso a súa imaxe quedou deteriorada. Ao regreso a Moscova, o presidente ruso topouse cunha revolta palatina inspirada polo poderoso plutócrata Berezovski "enfrontado dende hai anos con Gusinski" á que se sumou o líder de Iábloko, Grigori Iavlinski.

O magnate ruso Vladímir Gusinski entraba no cárcere o pasado martes, o venres era posto en liberdade condicional e seica sometido a arresto domiciliario. Enriquecido nos anos de "acumulación primitiva" de transición ao "capitalismo de gavela". No seu momento acudiu ao chamado de Berezovski para salvar a Ieltsin e impedir a victoria do comunista Ziugánov. Posteriormente afastouse do Kremlin e os seus medios foron críticos coa "Familia", a ruptura agrandouse coa segunda guerra de Chechenia e converteuse en definitiva nas campañas das lexislativas e presidenciais. Gusinski optou decididamente pola alianza Patria-Toda Rusia e o dúo Luxkov-Primakov. Perdeu a aposta e gañouse a inimizade do Kremlin e do seu novo inquilino.

O actual vicepresidente do Congreso Mundial Xudeu puxo en marcha, baixo as formas do cooperativismo permitido pola perestroika, unha multitude de iniciativas empresariais de curta duración ata que creou unha unha empresa mixta ruso-norteamericana especializada en traballos de asesoría financeira e política. Pouco despois naceu a Banca Most e logo o grupo Most, xa sen participación estranxeira. Coa desaparición da URSS e as privatizacións de Chubáis o grupo converteuse nun imperio centrado nos medios de comunicación (canles de tv., diarios, revistas, etc.). Non é a primeira vez que ten problemas semellantes, en 1994 os homes do daquela todopoderoso gardacostas de Ieltsin, Alexander Korxakov tomaron por asalto as oficinas do Banco; hai menos dun mes as forzas do Servicio Federal de Seguridade (SFS) fixeron o mesmo na sede central do grupo.

¿Cales son as novidades nesta situación? Unha destaca de xeito sobranceiro, a oposición de Berezovski. O magnate, tamén de orixe xudía, que durante anos moveu entre bambolinas os fíos do Kremlin e principal apoio de Putin no seu fulgurante ascenso, semella distanciarse definitivamente do presidente. Na campaña das presidenciais, Putin fixo repetidas referencias, aínda que sen propostas concretas, á necesidade de que os plutócratas e os lideres das repúblicas, territorios e rexións se sometesen a legalidade federal.

O pulso Berezovski-Putin comezou. O primeiro acusou ao presidente de cometer dous erros estratéxicos: non intentar unha saída política ao conflicto checheno e iniciar unha reforma administrativa que pretende limitar a autonomía das rexións. Segundo Berezovski, Putin pretende aplicar en Rusia o "modelo latinoamericano" de estado autoritario fortemente centralizado e liberalismo económico.

O certo é que o "caso Gusinski" ten provocado unha reacción en diversos sectores e Berezovski, ao facer un chamado a unha ampla alianza de oposición a Putin, semella disposto a pórse á fronte. Tanto Luxkov "o poderoso alcalde de Moscova ligado a Gusinski" coma Iavlinski "líder de Iábloko" apoiaron esta alianza que abranguería dende os ultraliberais de Chubáis ata os comunistas de Ziugánov.

Putin declarou que descoñecía a orde de detención xa que procedía da Fiscalía e viña motivada por presuntos delictos fiscais. Non é necesario ser un experto no funcionamento das instancias de poder na Rusia de hoxe para decatarse de que se o presidente non tivo coñecemento desta orde foi porque alguén decidiu por el "algúns expertos apuntan ao xefe da Administración Presidencial, Alexander Voloshin, sobrevivente do período de Ieltsin e considerado un home de Borís Berezovski.

Non semella que as cousas fosen así, senón, máis ben, que estamos ante o primeiro intento, fracasado, de Putin para reducir o inmenso poder financeiro, político e mediático dos oligarcas. Para esta inicial tentativa foi elixir ao único que lle fixo a contra con algo semellante a unha información obxectiva.