Putin chega a Madrid co propósito de activar as relacións bilaterais con España, moi por baixo, segundo di, e é certo, das posibilidades reais, en función das capacidades de ambas economías. Pero o problema de Rusia e de Putin ten o seu epicentro non tanto na economía, onde tamén sobran buratos negros, como na política. E a dous niveis. En primeiro lugar, na deliberada frouxidade democrática do réxime. Nos seus anos de mandato, a inseguridade xurídica e a destrucción de todo canto presente un mínimo arrecendo a sociedade civil e a poder independente, por feble que resulte, foi obxecto de acoso e derribo por parte do Kremlin. Sexa para mellor ou para peor, a existencia dese tipo de espazos, a modo de contrapesos do omnipotente poder presidencial, é un requisito de saúde democrática que non pode obviarse por razóns, seica, de tipo patriótico. O ideal de Putin é a eliminación de todo resquicio de poder alternativo, procurando a integración no poder dos asimilábeis arredor da idea do neorexurdir da nación rusa. Confrontados á perda de influenza diplomática e á exacerbación da pobreza e das desigualdades, a sociedade rusa mantén notábeis cotas de nostalxia do imperio soviético, non en razón dunha adhesión sentimental ós ideais socialistas, senón por imperativo de supervivencia. E iso explica que Putin, modernizando a tradicional autocracia rusa, actualizando ese discurso nacionalista, privado da mais elemental sustancia social, moldee un réxime cun considerable nivel de apoio popular.
Con todo, o mellor espello da natureza do réxime de Putin é o conflito checheno, que lle serviu en 1999, nunha escura operación, digna deses servizos secretos que tan ben coñece, para acceder dende o anonimato á Presidencia, desatando a segunda fase da guerra iniciada en 1994, despois do parón de 1996. A Chechenia de Putin está hoxe en mans de Ramzan Kadirov, primeiro ministro interino, logo da morte en atentado do seu pai, o presidente Ajmad Kadirov, en maio de 2004. Cando a Putin lle fan saber o que xa sabe, que Kadirov, de 29 anos, é un violento e responsable de numerosas violacións dos dereitos humanos nesta República, o Presidente ruso colócalle a medalla de "Heroe de Rusia". Á fronte dun batallón duns sete mil kadirovski, oficialmente organizados para reprimir aos independentistas, Kadírov e a súa xente especializáronse nas desaparicións, torturas e na execución de civís inocentes, sementando o terror por onde pasan. Estes somaténs fináncianse mediante a reorientación das axudas de Moscova, que fai a vista gorda ante a corrupción porque lle permite reducir as perdas das tropas federais que Rusia mantén en Chechenia. O programa político de Kadirov, en quen Putin pon a súa confianza, centrase na potenciación do turismo ou na reconstrucción de Grozni, ou na defensa da poligamia (como medio para que os ricos poidan manter legalmente ás numerosas viúvas de guerra).
Rusia está lonxe de ser unha sociedade normal. Non quer isto dicir que a normalidade deba traducirse na conformación dun sistema político exento de especificidades, pero, de darse, esas non deberían conculcar nin os dereitos dos individuos nin dos pobos. Por moi patriótico que lle resulte a Putin ese negocio.