Putin II

Remata o primeiro mandato de Vladimir Putin. Co cese anticipado do seu primeiro ministro, Mijail Kasionov, cortou o derradeiro reducto que o ligaba ás súas orixes, marcadas pola designación cortesana por parte do entorno de Boris Ieltsin, que precisaban, antes que nada, alguén leal e decidido para protexer os seus intereses, tanto manifestos coma ocultos. E niso non erraron. Se daquela Rusia vivía inmensos pasmos depresivos, cunha economía en aberta bancarrota, unha sociedade desestructurada, con múltiples tendencias centrifugas acosando ao Kremlin e unha posición internacional claramente marxinada, catro anos despois, o balance de Putin presenta claros trazos de reconducción, especialmente nun ámbito, o control firme das rendas do poder, cunha autoridade central fortalecida que mesmo presenta claros acenos de autoritarismo.

Pouco oportunamente, o pasado 18 de febreiro, o Banco Mundial publicaba un informe sobre a economía rusa, no que se situaba a Moscova, contrariando claramente a opinión do Kremlin, baixo os mesmos parámetros da economía saudita. Cuestionando o rigor das estatísticas oficiais rusas, segundo o Banco Mundial, a dependencia do petróleo e do gas é mais avultada do recoñecido e ascende a un 25% do Producto Interior Bruto (e non o 9% como asegura o Kremlin). As exportacións dependen dos hidrocarburos que aseguran ata o 80-90% de todo o valor do comercio exterior, fraxilizando de maneira absoluta o seu sistema económico. Nunha situación como a actual, con prezos elevados do ouro negro, Rusia conseguiu ingresar por este concepto 15 mil millóns de dólares mais que en 2002, situándose detrás de Arabia Saudita como o segundo exportador mundial. En suma, ven a dicir o Banco Mundial, a mellora dos índices xerais rusos, non son tanto producto da modernización e das anunciadas reformas estructurais do sistema económico como dunha conxuntura tan favorable como fráxil por mor do bo pago do barril de petróleo.

Esa "fortuna" poderíase dicir que tamén influíu na ausencia de deterioro substancial da súa posición no escenario internacional, lixeiramente percibida como mellorada despois do 11S, cunha rápida reacción de Putin para situarse a carón de Bush, que optou por non tomar nota da súa oposición á guerra de Iraq, ante o inmenso desafío xurdido coas divisións transatlánticas e intraeuropeas. Ese contexto permitiulle a Rusia eludir o illamento.

As desgracias maiores afectan aos procesos de consolidación democrática. Os retrocesos en materia de liberdades fundamentais, con esa guerra brutal e sen fin en Chechenia, e unha notable presencia de servicios de seguridade en operacións encubertas promovidas para desestabilizar e anular toda discrepancia coa política do Kremlin, hábil instrumentalizador da xustiza e demais servicios públicos para eliminar de raíz toda disidencia, configuran un panorama extremadamente sombrío. Non hai razóns de seguridade nin de defensa dunha suposta estabilidade en perigo que xustifiquen a deriva autoritaria que podería experimentar neste segundo mandato de Putin, cunha victoria cantada o próximo vinte de marzo, unha nova volta de rosca. Proceso ademais que podería desenvolver coa complicidade dunha sociedade cansada dunha democracia que non calla nun escenario visiblemente eslavófilo en moitos aspectos, e mesmo comprensiva co discurso da orde do Presidente que sabe á perfección que no imaxinario ruso pesa moito mais aínda o apego á defensa e realización dos chamados dereitos económicos e sociais, vituperados e prioritarios nas reivindicacións sociais, que aos dereitos políticos.