Alguén podìa imaxinar que esa recente visita de Lord George Robertson a Armenia e Azerbaidzhán evidencia, unha vez máis, o intento da OTAN por tirar proveito das presuntas feblezas de Rusia, facendo medrar a súa influencia nesta rexión de tanta importancia estratéxica. Sen embargo, se algunha mensaxe puideron recibir os dirixentes transcaucásicos foi a de que a OTAN non ten intención de librar batalla ningunha con Rusia polo control da rexión.
En Bakú, Gueidar Aliev, por exemplo, agardaba palabras de respaldo ás posicións azerís no longo conflicto de Nagorni-Karabaj, enclave armenio situado no seu territorio e prácticamente independente dende 1994, cando se estancou despois de seis anos de guerra. Pero Robertson lavouse as mans evitando repartir responsabilidades entre as partes. A OTAN, asegura o seu actual secretario xeral, non ten a intención de interferir no traballo do grupo de Minsk da OSCE. Robertson rexeitou, segundo o diario Azadlyg, a invitación das autoridades azerís para visitar unha escola militar, restando contido a un encontro que en poucas ocasións traspasou a fronteira do meramente protocolario. Os observadores locais interpretan a mensaxe de Robertson en clave rusa: os estrategas americanos e a OTAN deixan a Transcaucasia como premio de consolidación para Moscova, mentres gañan influencia na Europa do Leste e na Europa ex-soviética.
Nese mesmo contecto, cabe apreciar signos claros dun maior entendemento entre Putin e Aliev. As posicións en relación a conflictos como o de Chechenia ou Nagorni-Karabaj estaban encontradas. Rusia apoiou tradicionalmente a Armenia na rexión e cando as tropas rusas invadiron Chechenia, en Bakú manifestaron a súa simpatía polos chechenos. Moitos feridos desta guerra foron curados nos hospitais azerís. O aeroporto de Bakú servía de ponte para o desembarco na rexión de guerrilleiros islámicos.
Pero Putin semella que conseguiu consolidar un novo clima bilateral, asentando un compromiso maior das autoridades de Bakú a propósito do control fronteirizo dos milicianos chechenos e noutros temas espiñentos coma o futuro o radar de Gabalin, instalacións da URSS que Azerbaidzhán reclama para si (Moscova asinou un acordo con todos os estados da CEI para garantir o control directo de todos os radares por espacio de vinte anos). No ámbito petrolífero, a sociedade rusa Lukoil asinou un acordo de 250 millóns de dólares coa empresa azerí SOCAR, para a exploración de novos xacementos. Bakú estudia tamén a posibilidade de transportar petróleo bruto do mar Caspio a Novorossisk, a cambio dunha oferta de gas natural provinte de Rusia.
A situación en Xeorxia é algo máis complexa. Tblissi ofrece resistencia a Putin. No pasado mes de decembro, Moscova cortou o subministro de gas natural e impuso a obriga de visado con este Estado alegando que Xeorxia autorizou aos rebeldes chechenos para refuxiarse no pasadizo de Pansiki. Putin, por outra banda, presiona a Shevardnadze para que acepte a súa proposta da Opción cero que consiste nun reescalonamento da débeda de Xeorxia con Rusia (158 millóns de dólares) se renuncia ás súas pertenzas da época soviética. Se Tblissi accede, outros estados da CEI poderían facer o mesmo. Por iso, dende Kiev, Leonid Kuchma alenta a resistencia do seu colega xeorxiano. Pero as esperanzas non son moitas. Xeorxia é un país fragmentado e cuns niveis de empobrecemento dos piores da antiga URSS.