Retrato do Primeiro Ministro Rishi Sunak Wikimedia, Prime Minister's Office

Que pasará nas eleicións do Reino Unido?

Ninguén esperaba que estas eleicións se convocaran agora, no vran, dado que o goberno Conservador non ten nada que festexar e que o Primeiro Ministro, Rishi Sunak, é do mais impopular. Din que o Sunak as convocou sen consultar con ninguén. Sería por medo a que o seu partido, de puro desespero, escollera a outro para remprazalo?
Liñas de investigación Relacións Internacionais Unión Europea
Apartados xeográficos Europa
Palabras chave Eleccións Reino Unido

As pesquisas de opinión auguran unha victoria inmensa dos Laboristas e unha baixada tamén inmensa dos Conservadores, case a sua desaparición. Non porque haxa entusiasmo nengún polo Partido Laborista, que está tan desconectado dos votantes como o Conservador. Á clase traballadora, a esquerda actual parécelle mais elitista ainda que a direita.

Pero hai un elemento que fai moi interesante estas eleicións que, senon, serían do mais aburridas: o novo partido Reform, que ven sendo a continuación do que foi o UKIP (United Kingdom Independence Party) e logo o Partido Brexit. Nigel Farage decidiuse hai pouco a liderar Reform, e o Farage abofé que conecta có público e cós votantes. Farage, a diferencia dos líderes dos dous partidos principais, é loitador, dí o que pensa ainda que non sexa popular, e non trata aos votantes como se foran lelos e pailarocos sen entendedeiras. Tampouco os trata con condescencia nen fachendea de familia pobre, como fan Sunak e Stanmer, millonarios os dous e que sempre falan de que veñen de familia ¨humilde¨ para convencer de que entenden ao ¨povo¨. Stanmer, o laborista, non hai día que non diga en público o moito que se identifica coas dificuldades económicas que ten a xente porque o pai del non era mais que un fabricante de ferramentas. Tanto o repite que a xente xa bota unha gargallada cando o dí, e el nen entende de qué rin. E o Sunak conta unha película de chorar, do sacrificio que foi para os seus pais, emigrantes ao Reino Unido, mandalo a él a unha das escolas privadas mais caras e exclusivas da Inglaterra. Tal como o conta fai pensar que os pais saíron do lugar mais remoto da India, que eran pobres de vez cando chegaron, e que viviron con moitos traballos dunha tendiña das que están abertas a todas horas, pero logo resulta que o pai era médico do NHS (National Health Service) e a nai farmacéutica con farmacia propia: non exactamente ¨humildes¨, pero vese que a el doíalle non estar nas alturas económicas e sociais e aquilo parecíalle de pobres.

O sistema eleitoral británico fai case imposíbel que un novo partido como Reform consiga deputados ainda que o voten moitos. Se consegue algún, sería un grandísimo trunfo. Se non, o mais seguro é que siga guerreando e preparándose para o futuro, porque o plan do Farage é aproveitar a derrota do Partido Consrvador que se prevé para formar unha direita libertaria e patriota.

E que sucederá na Escócia? Cansáronse os escoceses dos independentistas e volverán a votar o Laborismo en masa como facían antes?

O momento é de cambio forte de correntes e podería haber algunhas sorpresas.