20060807 satelite terra fogos espanha portugal

Que podemos esperar de Europa na loita contra incendios?

Apartados xeográficos Europa ARQUIVO
Idiomas Galego
 Localización lumes España e Portugal, clic para aumentar
É moi difícil acadar reformas no monte galego no horizonte dun ano, e do mesmo xeito, é complicado avanzar nunha maior implicación europea a curto prazo. (Foto do satélite Terra: Localización dos lumes en España e Portugal o 7 de agosto de 2006. ©MODIS).
 

Cada ano prodúcense en Europa máis de 45.000 incendios forestais, e cada cinco anos desaparece do mapa un territorio verde equivalente a Bélxica, co conseguinte dano a nivel medioambiental e humano. Máis aló da acción da seca, da velocidade do vento ou da topografía, que contribúen á propagación do lume, é indiscutible o impacto dos intereses económicos e políticos na incidencia que os incendios teñen en cada campaña anual.

Cómpre para a erradicación dos incendios, comprender a perda de sentido utilitarista dos montes e non obviar os novos intereses creados que motivan os lumes. Alén diso, cando o lume xa está presente e é inevitable, poderemos tratar sobre o comportamento do fogo e dos seus autores, así como proporcionar ós responsábles, ós técnicos, ós bombeiros, e ás forzas da orde, bos instrumentos que lles permitan actuar coa eficacia e a rapidez requiridas.

Actualmente, os dispositivos non son pequenos, pero no caso que nos toca, que é o galego, a concentración da maioría dos lumes nun breve espacio de tempo, dende o día 4 de agosto ate agora, fai necesaria a implicación de tódolos medios posibles de loita. Cando a necesidade aprema, pídeselle axuda ó estado, ou a Europa. Pero o noso continente non responde de forma unitaria e coherente, senón que as respostas de estados individuais suplantan a estratexia común. A solidariedade é cuestión de particulares, se podería dicir, e a política europea antiincendios, non deixa finalmente de ser fume, nosos montes…

Na teoría, a Comisión Europea, esa mesma que promoveu políticas agrarias intensivas e que avoga polo liberalismo agrario a ultranza que desfai o equilibrio ecolóxico que tradicionalmente existiu en Galicia, e que está detrás destes incendios, financia varios proxectos de investigación para a identificación precisa de zonas de risco, a posta a punto de medios de detección, e a elaboración de solucións eficaces no relativo á propagación, ou o control e a reducción dos incendios, así como a restauración das zonas sinistradas. Pero os resultados non son palpables, cando menos na nosa comunidade.

Pouca parece a intervención europea e repercusión evidente na vida práctica dos lumes. De que serven os proxectos MEGAFIRES, que elabora o mapa de puntos sensibles nos países "mediterráneos"? Ou o programa MEFISTO encargado de simular incendios forestais en tempo real? Ou o programa PROMETHEUS que estudia os efectos dos incendios sobre a vexetación e promove métodos de xestión para limitar danos ocasionados? Tal vez eses medios e os seus resultados existen, pero temos a impresión de que non lle saquemos partido, ou ben non se lle dá a difusión necesaria.

En 2003, a superficie total queimada polos incendios ascendeu a 740.000 hectáreas, ou o que é o mesmo, case tres veces a superficie de Luxemburgo. Os sinistros custaron a vida a 40 persoas e provocaron a maior destrucción polas lapas rexistrada desde 1989, o que representa unha catástrofe que require a máxima implicación dos estados membros e o maior nivel de compromiso e coordinación. 2005 trouxo de novo consigo un rexurdimento dos incendios forestais de forma masiva, e é mellor non pensar o que esta pasando en Galicia no 2006, e ata onde podemos chegar.

O Centro Común de Investigación e a Dirección Xeral de Medio Ambiente, da Comisión Europea, brinda apoio ós esforzos dos Estados membros para controlar os incendios forestais unha vez que xa están presentes, pero tan só parece funcionar parcialmente. O apoio europeo resta concentrado na previsión de riscos a través do Centro Europeo de Información Forestal (EFFIS), composto de representantes de 19 países, que fai informes que completan unha descrición do impacto dos incendios forestais e das previsións de risco e control dos incendios forestais do futuro. Pouco mais. O EFFIS permite o troco de información entre Estados membros, pero a resposta e o apoio loxístico, non se producen ate que un goberno non se dirixe ós demais directamente.

A seca persistente, e a nova estratexia adoptada polos terroristas do monte, atacando a poboación coa aparición súbita de focos múltiples de incendio de rápida expansión, fan irrelevante calquera acción preventiva autóctona ou europea adoptada ate o momento. A solución, sería a promoción das reformas estructurais que non están en camiño nin se promoven eficientemente dende Europa. As propostas non poden quedar no papel nin na mera detección de potenciais zonas de risco de incendios, senón que ten que haber un compromiso das institucións europeas que impulse concretamente as políticas de reforma e posta en valor da masa forestal a nivel comunitario, con respecto polo equilibrio medioambiental e a protección do paisaxe e a natureza.

O VI Programa Comunitario de Medio Ambiente 2001-2010, que pretende a elaboración de políticas de desenvolvemento rural e de protección do medio ambiente, non está a funcionar tampouco. Dá a impresión de que o monte non é unha prioridade, e como se viviramos de costas ó monte non nos lembramos del ate agora que hai que apagar o lume. Existen moitos intereses creados que favorecen o abandono do monte e a súa parálise, amais duns custes considerables para levar adiante as reformas necesarias que posibiliten a súa posta en valor.

É moi difícil acadar reformas no monte galego no horizonte dun ano, e do mesmo xeito, é complicado avanzar nunha maior implicación europea a curto prazo. Sobre todo cando esta non é unha problemática común de tódolos membros da unión.

Se o problema da inmigración debido á súa magnitude, non foi quen de unificar posturas entre os 25, máis complexo é acadar acordos que impliquen reformas verdadeiras das políticas forestais e agrarias (ligadas á Política Agraria Común, PAC), que promoven o abandono das terras agrícolas e forestais, e comprometer recursos económicos na protección da natureza e na loita contra o despoboamento e o desequilibrio urbano-rural.