Antes de empezar preguntándose quen é Buttiglione habería que preguntarse, quen compón esta Comisión Europea e cómo se elixen os comisarios: En resume, son un grupo de xente que nos seus elementos máis á dereita, coinciden cos sinais de identidade da máis rancia dereita que se poida lembrar, e que ruboriza a moitos dos cidadáns -ós que serven- cos seus comentarios.
Estes individuos, reclamaron artigos na constitución europea que de terse reflectidos nela, serían máis propios da idade media, do achegamento ó Papa e ó emperador do sacrosanto imperio, e os cruzados, e ó Cid Campeador, que ós dereitos humanos. Se mal non me lembro por aquela época na que tres dirixentes de Estado (catro eran se ben se quere contar o conto…) se reuniron nas Azores, aínda Barroso -hoxe futuro presidente da Comision Europea- reclamaba unha constitución europea que consagrase a cristiandade como valor fundamental de Europa.
A saída de Buttiglione da Comisión europea é como un esbirro que anuncia un constipado. Un movemento reflexo de cal é o verdadeiro sentir e as crenzas dalgúns dos comisarios saídos de gobernos de dereita na Europa da actualidade. A súa marcha da Comisión Europea é a única saída posible en pago dun erro político tan grave como é posicionarse por uns intereses tan particulares como poden ser os da igrexa,ou os do partido, cando nin sequera se pode (en teoría) beneficiar os intereses dun propio Estado como membro da comisión europea, gardiana do interese supranacional europeo.
Parece por tanto que o señor Buttiglione non sabia cales eran as funcións, e as regras que debería respectar cando se foi a Bruxelas. E por iso ten agora unha viaxe de retorno se non quere que toda a Comisión sexa rexeitada polo voto do Parlamento Europeo, que de rexeitar ou aprobar, faino de toda a Comisión no seu conxunto, pois esta preséntase como corpo único e non de forma individual. E o parlamento non ten o dereito de vetar comisarios puntuais.
Pero a súa saída non podía ser tan clara e sinxela que representase unha claudicación por parte da persoa que o manda. Máis aínda cando é o elixido e designado do odiado Berlusconi, que xa tivo os seus encontros cara a cara coa esquerda no europarlamento, onde lle chamou "capo" ó líder dos socialistas europeos. Un amante da Italia con regras alternativas e corruptas, onde el ten que ser o bufónico centro de atención.
Para marcharse Mr.Butti tiña que facer un pouco de teatro, que neso consiste de vez en cando a politica, e Barroso semellar que vale para o cargo. Os parlamentarios ven unha ocasión de que a plebe se dea conta de que existen, e aproveitan. E Berlusconi busca unha saída honrosa para o seu nacionalismo de Estado e para a imaxe de home forte e resolutivo que para Italia sempre representou. De paso, un pouco de fumareda axuda a que a sensación de caos e despropósito se acrecente. Outros posibles candidatos na lista negra do parlamento europeo son Neelie Kroes, unha muller de negocios holandesa acusada de ter conflitos de interese, Peter Mandelson ao que ven de dubidosa condición logo dalgúns escándalos reiterados no Reino Unido, ou a danesa Marian Fischer á que se lle designou a carteira de agricultura que está un pouco achegada de máis ó que son os seus negocios…
Pero Mr. Butti é unha faba negra. O pasado venres sabendo da longa ponte anunciouse que dimitía. As augas baixarán máis mansas agora que el non está para avanzar negociacións e acordos a fin de achegar unha nova Comision Europea. Este home ten vínculos cos ultra-conservadores do "Opus Dei" e é membro da "Comunione e Liberazione", unha secta católica que está vista como os "Stalinistas católicos".
Segundo a organización "Catholics for free choice", o señor Buttiglione oponse á igualdade de dereitos para parellas do mesmo sexo, e en 2001 condenou a marcha Orgullo Gay en Milan, declarando que os comportamentos homosexuais son síntoma de "desorde moral". En 1989 nunha conferencia sobre a Sida no Vaticano, dixo que a Sida era un castigo divino da homosexualidade e do uso das drogas.
Cre que as mulleres están na terra para procrear, e que as mulleres solteiras "non son moi boa xente". E no tema da inmigración aposta por campos de inmigrantes no exterior da Unión con cotas de entrada dependendo do nivel de criminalidade de cada grupo nacional. Algúns grupos teñen un alto índice de criminalidade comparado cos católicos cristiáns, segundo el.
Vendo nel un carácter benefactor, santo e bondadoso, decidiuse o señor Barroso, -tal vez polas presións vidas dos Estados membros- a concederlle a este Dalay Lama italiano unha carteira que se axustase o grao da súa bondade: "Xustiza". Un traballo con responsabilidade e compromiso coa igualdade, onde as liberdades civís son respectadas.
Mellor sería que apostasen por un bispo para o traballo.