Quen espera ¿desespera?

"Cuando esto cambie…" me suxería sen moito entusiasmo nin convicción, unha humilde vendedora de colares de coralino encarnado no monte da Pedra, na Sierra Maestra cubana, que podía gañar ao mes con esta actividade un mínimo de cinco veces máis que o Arquitecto xefe da Oficina do Conservador da segunda cidade máis importante do país. Nesa outra Cuba que é Santiago pode advertirse aínda a inmensa complexidade que rodea o presente e futuro da illa: dende a fatiga sistémica ao entusiasmo cederista. Se percibe unha estendida sensación de espera, de incerteza respecto do que poida pasar nos próximos anos, quizais meses. Non hai dúbidas a respecto dos logros sociais da revolución cubana, insuperables aínda para moitos países da rexión, máis ricos en termos de PNB. A subsistencia en condicións de bloqueo e período especial, realidades que asfixian pero que tamén serven de lexitimación para mil e un desleixos, faise a duras penas, pero cunha definición clara das prioridades sectoriais e demográficas que poucas fendas pode admitir en tempos de batalla das ideas.

É de supoñer que exista plena conciencia sobre a actual encrucillada. La Habana tende pontes cara o exilio moderado, autoriza a Menoyo a residir na illa, anuncia medidas liberalizadoras da entrada e saída para os cubanos que emigraron e que hoxe envían importantes remesas de dólares, mentres reforza as represalias selectivas e intensifica o discurso político para consumo interior. No recente Congreso dos CDR (Comités de Defensa da Revolución), a loita contra a delincuencia, contra a subversión, ocupou o primeiro plano. Tamén a liquidación de gando maior, fiel expoñente da desesperación e/ou deriva delictiva. A penas dúas liñas se dedicaron á importancia de "convencer de su error a muchachas con tendencia a prostituírse", un problema dunha envergadura inocultable pero que moitos non queren ver. É chocante a tolerancia con que o sistema dixire o proxeneta mentres reprime sen contemplacións ao intermediario agrícola.

"Se lucha cuando hay porqué", dicía José Martí. ¿Qué hai de cosmética superficial e qué de apego e conviccións na sociedade cubana, entre os seus dirixentes medios e capas administrativas? Coincidindo co congreso dos CDR, se celebraron en mil e unha rúas de todos os pobos de Cuba festas populares nas que podía correr a cervexa, as tartas achegadas polos cidadáns mentres outros se afanaban na reciclaxe de latas para facer as veces de adornos. Pero soamente un elevado nivel de conciencia pode facerlles comprender a todas esas persoas a tesitura na que se atopa a sociedade cubana. Os tempos para resistir son longos; a penas se poderá progresar nas actuais condicións internacionais. E moita conciencia será precisa para defender a precariedade actual, a delicada situación material. Congresos, cursos, manifestacións, se celebraban tamén nos países do Leste, pero chegado o momento ninguén se mobilizou para defender o sistema. ¿Pasará o mesmo en Cuba?

Hai unha xeración preparada para tomar o relevo de Fidel. Existe un aparato con mil e unha prolongacións disposto a defender a revolución. Esa continuidade semella estar garantida nun primeiro momento. Pero ¿despois? ¿pode caer todo polo seu propio peso, víctima da inexistencia dese porqué do que falaba Martí? O fracaso da experiencia cubana resultaría un revés inmenso para os que aspiran a construír unha sociedade distinta e mellor. As forzas progresistas de América Latina, no poder ou na oposición, deben facer moito para evitalo. Iso significa tamén facer chegar a mensaxe de cambio preciso, difícil, complexo, pero inevitable. Un Bush na Casa Branca pode ser de gran utilidade para aparcar as tensións pero mais tarde ou mais cedo o que hoxe pode pasar por ser un desastre perfecto podería acabar sendo un perfecto desastre.