Logo de dous meses e medio de bombardeos a primeira intervención militar directa da Alianza nacida hai cincuenta anos, semella ter iniciado unha nova fase. A noticia da detención dos ataques aéreos foi recibida pola cidadanía dos estados da OTAN coa mesma frialdade con que se acolleu a nova da guerra. Indiferencia escéptica e incomprensión de obxectivos e resultados, como cando a 1ª Guerra do Golfo ¿qué se perseguía e que se logrou nas dúas guerras?. Nin a chamada "sociedade civil" nin as forzas políticas reaccionaron ante unha acción bélica que vai determinar fondamente a Europa e o mundo do século XXI. A OTAN considerase vencedora por obrigar a Belgrado a aceptar a retirada do Kosovo e admitir a presencia dunha forza internacional. O réxime serbio tamén, por ter demostrado a súa capacidade de resistencia, obrigar a occidente a esquecerse de Rambuillet e conseguir un compromiso na reconstrucción de Iugoslavia.
Dende a óptica militar os obxectivos da Alianza están cumpridos: retirada das forzas militares iugoslavas do Kosovo cun mínimo de baixas en soldados e material. Dende a perspectiva política a cousa xa non está tan clara, nomeadamente por que o inimigo serbio non presentou batalla no terreo militar senón no político. A meta do goberno iugoslavo non era tanto responder aos bombardeos como resistilos e estender o conflicto á área coa expulsión dos kosovares, e acadouna. Resistiu o que puido ata comprobar que corría o perigo de ser abandonado polo protector ruso e que si forzaba o ataque terrestre non o podería resistir.
O mando político da OTAN, quen considerou, inicialmente, esta intervención como unha operación de castigo, víase arrastrado a unha guerra terrestre e optou pola negociación a fin de evitar unha decisión que segundo pasaban os días semellaba inevitable. Empregou ao feble e desorientado amigo moscovita, adiantou a presidencia semestral da UE e encargoulles a rusos e europeos a busca dunha saída que deixase claro o seu triunfo e evitase a intervención terrestre e a modificación dunha fronteira. Chernomirdin e o finlandés Ahtisaari cumpriron o labor. O primeiro tivo que convencer a Milosevic de que corría o perigo de quedar só, o segundo posibilitar o acordo negociando co presidente iugoslavo en representación da UE e máximo mandatario dun estado non integrado na Alianza. Milosevic podería presentarse como o líder que dirixiu a resistencia serbia contra os nazis da OTAN, evitou a usurpación por Albania do berce kosovar e postularse como o xestor da reconstrucción iugoslava.
Aínda que ambos se teñan que retirar pronto, Solana e Milosevic gañaron a guerra ¿quén a perdeu entón?
En primeiro lugar os pobos kosovar e serbio. Estes víctimas dun castigo colectivo, aqueles da represión máis extrema que os obriga a abandonalo todo para salvar a vida. Todos terán que soportar as penurias, uns nos campos de refuxiados sen saber que facer, si regresar a un Kosovo de futuro incerto, quedarse en Macedonia onde non os queren, na Albania en mans dos grupos mafiosos máis diversos ou aventurarse ao éxodo clandestino cara a rica UE.
Máis hai tamén outros perdedores. En xeral todos aqueles que pensaban que o inxusto sistema bipolar debería ser substituído por outro multipolar, con varios centros de decisión política económica e militar, e teñen que asistir á consolidación definitiva dun baixo a hexemonía dos EE UU. En particular, as depreciadas Nacións Unidas e un sistema xurídico internacional suplantado por unha diplomacia decimonónica de enviados especiais e negociadores entre bastidores. A desorientada UE que está a comprobar como rematado o proceso de integración económica e de unión monetaria carece por completo de proxecto político ou de lideres que oculten esta limitación, que o amigo americano non está disposto a abandonar o papel de protector ao que se acostumou nas cinco décadas de guerra fría, sempre axudado polos quintacolumnistas británicos, e que agora vai ter que facer fronte á factura polos gastos orixinados e dirixir o seu desvalorizado euro cara a área balcánica. A humillada Rusia, sumida nunha crise económica, política e moral de imprevisibles consecuencias e a receosa China que pode estar a comprobar que as razóns xeoestratéxicas e políticas poden imporse ás comerciais.